3 dic 2008

Con Ourense na cabeza


Foi un acto de xustiza o do pasado sábado no Liceo. O profesor e investigador Marcos Valcárcel ben merecía unha homenaxe non só por parte dos seus amigos senón de todos os ourensáns. As súas investigacións sobre a historia sociocultural da cidade —ás que se ven sumar o seu novo libro Historia de Ourense— son ferramentas imprescindibles para calquera estudoso que se queira achegar ao noso pasado máis recente. O Carrabouxo foi quen mellor captou esta idea e plasmouna como el mellor sabe, nunha viñeta.
Eu non coñezo a Marcos persoalmente máis alá dos meus recordos de neno no cine clube Padre Feijoo con meu pai ou na praia de Estorde. Pero aprecio moito os seus traballos, amenos e rigorosos á vez, especialmente os que gardan relación coa prensa de Ourense. En 1987 publicouse A prensa en Ourense e a súa provincia que ademais de ser un estudo moi interesante, froito da súa memoria de licenciatura, serviu a moitos investigadores para atopar fontes axeitadas. No meu caso valeume para coñecer fondos e arquivos de prensa ourensá de finais do século XIX e primeira metade do XX pois o meu tema de estudo é o cinema. Sería estupendo que se reeditara esta obra súa coas actualizacións necesarias e que servira para análises monográficas máis polo miúdo. Porque aínda hai moito por facer.
Apréciase tamén en Marcos Valcárcel unha actitude de tolerancia e respecto cara os demais que desgraciadamente non abunda hoxe en día en ningún terreo. O seu blog As uvas na solaina é referencia para moitos e penso que a maior virtude de Marcos é a de ser un bo anfitrión, deses que non obriga a ninguén a degustar as uvas do mesmo xeito ca el.


(Na imaxe de arriba, portada da obra citada de Marcos Valcárcel, exemplar de meu pai. Abaixo a viñeta do Carrabouxo publicada en La Región o 28 de novembro.)