7 oct 2010

Claudicando que é xerundio


Algúns aínda non podemos disimular o noso estupor diante dos tempos de mudanzas históricas que estamos a vivir. En apenas dous anos comprobamos a dobre face do sistema que nos goberna, implacable cos máis desfavorecidos. Un sistema que primeiro baleira o peto dos contribuíntes para sanear as contas dos bancos e os grandes capitais e que logo reforma as leis para que eses contribuíntes de petos baleiros se convirtan, aínda máis, en mercadoría que se vende e que se compra. Diñeiro público para beneficios privados e reformas laborais para que o público non incomode demasiado ás longas mans do capital privado.

É a vergoñenta claudicación da política entendida como a práctica da modelación da sociedade orientada por principios de consenso como o ben común e a xustiza social. O capital conseguiu xa que os políticos se aparten dese camiño. De feito xa o conseguira hai tempo. A novidade é a obscenidade coa que se está a levar a cabo. Caeron as máscaras. Xa non importa recoñecer que a política está ao servizo da gran economía e non ao revés. Os líderes políticos fan malabarismos para sacar unha foto que debuxe o sorriso dos investidores e rentistas, e soñan cun bo titular na prensa do día seguinte.

O humorista norteamericano George Carlin xa nos advertía hai tempo de que o mundo, os países, as nacións, tiñan, como todo, propietarios e que agora eses propietarios tiñan un obxectivo marcado na axenda: ir a polo diñeiro das pensións dos traballadores: “And do you know something? They'll get it sooner or later because they get all they want”. E niso están.


(Na imaxe, a pintura de Honoré de Daumier titulada “O vagón de terceira clase”.)