Mario Lodi, o grande mestre de Piàdena, celebrou a semana pasada o seu 89 aniversario. A súa vida é un fermoso exemplo de dedicación á renovación da escola primaria. Velo aínda entre nós é unha ledicia.
Rematada a guerra, todo en Italia estaba por reconstruír. Mario era un home novo, tiña 23 anos, estaba recén saído da cadea, en Cremona. A súa xeración asumiu esa responsabilidade. As cooperativas que existiran antes do fascismo foron recuperadas. En Piàdena, Mario, que xa era mestre desde antes da guerra, encargouse da biblioteca popular. Era importante que a xente lera e coñecera despois de máis de vinte anos de obrigada escuridade. Os libros conservábanse no Teatro Paroli da pequena localidade lombarda. Houbo que cribar os panfletos fascistas que pertencían á Biblioteca do Dopo Lavoro, unha institución do réxime para o lecer e formación dos operarios. Na biblioteca popular a xente da vila comezou pouco a pouco a falar das súas experiencias durante a guerra.
A Constitución italiana de 1948 proclamaba a vixencia dos principios democráticos: pluralismo, laicidade, igualdade, pacifismo, dereito ao traballo, etc. Nese mesmo ano Lodi era destinado á escola de San Giovanni in Croce. E para un mestre sen experiencia, o obxectivo era principalmente atopar a maneira de levar á escola os principios democráticos e liberais que encarnaban os valores da nova sociedade. Aí é cando Mario Lodi comprende que a renovación pedagóxica resulta imprescindible, que non se trata de pequenos cambios ocasionais senón dunha reforma profunda de todo o sistema, un sistema que Lodi vía como autoritario e opresor. Este traballo ocuparalle toda a vida.
Pero Mario non estaba só. Desde a mesma base formouse naquela altura o Movimento de Cooperazione Educativa, ao que Lodi pertenceu. Este colectivo composto por uns 7.000 mestres serviu como plataforma renovadora. O seu papel no desenvolvemento teórico e práctico, non só da pedagoxía italiana senón da de toda Europa, foi vital.
Resultaba necesario atopar referentes para levar a cabo a renovación educativa e ese camiño conduciulles ao pedagogo francés Célestin Freinet (1896-1966), que encaixaba perfectamente nas aspiracións de democratización da escola pública italiana. Freinet impulsara na anterior posguerra todo un modelo de escola nova na que os nenos tiñan dereito a falar, a expresarse libremente e a reproducir por escrito esas opinións. A técnica do texto libre desenvolvida por Freinet parecía oportuna para as finalidades que se perseguían e Lodi aproveitouna con éxito nas súas escolas. Na seguinte entrega ocuparémonos das súas interesantes crónicas.
Os nosos parabéns para o mestre de mestres, Mario Lodi.