27 abr 2011

Na casa de Louis e Auguste (e II)




Daquela marabillosa factoría Lumière, orixe de tantos prodixios, apenas queda hoxe rastro algún en Monplaisir. Fica un só abraiado coa maqueta do museo porque a fábrica tiña un tamaño considerable e era por aquel tempo a máis importante do mundo no sector da fotografía.
Non sei se por sorte ou debido á providencia o único que se conservou da vella fábrica foi a estrutura do taller que se fixo famoso por ser filmada alí a primeira película da historia o 19 de marzo de 1895. Na pantalla podemos ver a saída dos obreiros –case todas mulleres– da fábrica Lumière ao remate da xornada de traballo. Ollan a cámara con ar confiado. É evidente o carácter experimental da película que non tiña máis aspiración que rexistrar e amosar o movemento. Os franceses prefiren chamarlles 'vues' (vistas) a estas películas e denominar 'films' as máis elaboradas. Sen embargo, poder situarse naquel preciso lugar e pousar a mirada no obxectivo da cámara como fixeran aqueles mulleres do s.XIX produce unha sensación moi especial.




(Arriba, eu mesmo diante do que queda do famoso taller. Fragmento da maqueta da fábrica no que se pode ver a localización do citado taller. O taller en 1995 antes da restauración. A película "La Sortie des usines Lumière", da que hai varias versións.)