16 may 2011

A escola rural


Na illa de Djurgården, en Estocolmo, atópase o que foi primeiro museo ao ar libre e zoolóxico da historia. Fundado en 1891 polo profesor e folclorista sueco Artur Hazelius, o parque de Skansen é visitado por máis dun millón de turistas cada ano, especialmente por familias con nenos de todas as idades atraídos polos osos, alces e bisontes que alí se amosan.
Nunha extensión de 300.000 metros cadrados que cómpre percorrer cun mapa para non volverse tolo, atopamos casas, cabanas, granxas, igrexas e talleres que son exactas réplicas das construcións suecas do século XIX. No camiño vemos a "auténticos" zapateiros, ferreiros, panadeiros e granxeiros vestidos ao xeito da época e desempeñando os seus oficios como se o tempo non pasara. O panorama xeral é fantástico pois logran desde logo trasladarnos a outra época. Está coidado cada detalle. É un museo vivo.
Para un mestre que transita por estes camiños, abraiado ante cada recuncho, atopando granxas e mercados a un lado e igrexas e fábricas ao outro, non deixa de ser un momento de ledicia dar no medio desta vella aldea cun edificio que é a copia exacta dunha escola rural sueca de principios do século XX. A escola, fermosísima, consérvase tal como era naquel tempo e mesmo algúns días pódese visitar pois desenvolven nela un programa de actividades para que os nenos de agora, afeitos a ordenadores e bolígrafos, saiban como eran as humildes escolas dos seus tataravós.
Suecia foi en 1842 un dos primeiros países do mundo en aprobar unha lei que establecía un ensino primario obrigatorio (folkskola) que na práctica trouxo como consecuencia que cada unha das parroquias do país dispuxera da súa propia escola, manifestación dun fondo desexo de progresar. O estado sueco colaboraba economicamente se a parroquia non tiña recursos suficientes. Os índices de analfabetismo na poboación rural, moi elevados entón, descenderon de forma acusada en pouco tempo. En España foi promulgada unha lei semelllante no ano 1857, a que é coñecida como Lei Moyano, pero os seus efectos non foron tan fulgurantes.
Mentres tiraba a fotografía, non puiden evitar pensar na miña escola rural de Baión, a de hoxe en día, tan diferente desta, pero no fondo tan semellante no que simbolizan de esforzo colectivo a favor da cultura, o progreso e a superación da ignorancia.

(Na imaxe unha fotografía da escola de Väla, tomada o pasado 23 de abril.)