26 jul 2011

A Milano de Buzzati


Este home tiña unha pose moi particular. Teño visto fotos e entrevistas para a televisión. Adoitaba pousar as palmas das mans sobre as cadeiras convertindo así o seu corpo nunha xerra momentánea. Dino Buzzati (1906-1972), pintor, xornalista e escritor, tiña a súa alma pegada á cidade de Milán a pesares de ter nacido nas montañas do Véneto. Nos seus relatos a cidade do boom económico está presente case sempre como un escenario de absurda modernidade no que os coches quedan varados nun atasco interminable e no que os cemiterios ocultan a silenciosa pugna entre os ricos da seda e os ricos do ferro, unha viva metáfora dos sectores que fortaleceron a riqueza milanesa.
Na miña recente visita á Lombardía quixen deixarme guiar polo sabor especial que deixan nos beizos os seus relatos recollidos nas dúas coleccións que adquirín: Sesenta relatos (Sessanta raconti, 1958) e El colombre (Il colombre, 1966).
Se houbera que poñer algunha etiqueta a Buzzati as cousas rondarían o onírico, a inxenuidade e unha certa incomprensibilidade do mundo no que vivimos. Dicía Calvino que Buzzati era un dos autores italianos que mellor resistira o paso dos anos. Eu engado: aínda o resiste.