1 may 2013

Contra as notas

Se por min fora, xa hai tempo que se terían eliminado as malditas notas de todos os colexios do país. Mais a cousa non está na miña man. As notas non só son inútiles e absurdas, son prexudiciais e demoledoras para a educación dos nosos pequenos.
As notas son a constatación da mesquindade dos adultos, da nosa infrutuosa procura de medios máis intelixentes que axuden o alumno a aprender.
As notas son á escola o que os índices bursátiles ao sistema financeiro. Probas, probas e máis probas. Xa nunca máis nos fiamos de ninguén. Os adultos non queremos escoitar matices, tendencias, logros subxectivos que se nos van por entre os dedos, que non podemos entender nin gañas que temos de intentalo. Queremos probas, constatacións, avais, certificados, números... para así poder comparar cos fillos dos veciños e cos fillos dos cuñados, os sobriños indefensos. Iso si que nos resulta relevante. O resto é papel mollado, paxaroladas dos mestres, pedagoxías. O adulto desconfiado desconfía ata dos seus fillos.
E nese afán cuantitativo metemos os nenos sen pudor ningún. As notas convírtense na cotización trimestral dos fillos. Podemos elaborar gráficas e calcular o seu avance ao peso, medir cerebros e condicionar recompensas.

Unha pregunta iniciática

Adoito comezar a primeira aula do curso coa mesma pregunta aparentemente inocente. Para que estamos aquí: para aprobar ou para aprender? Sempre algún alumno desperto sinala o absurdo da disxuntiva. Pero non hai tal absurdo.
Do xeito que levamos traballando os mestres durante décadas é evidente que o que lle reclamamos ao alumnado é que aproben, non que aprendan. Para aprobar chega con memorizar rapidamente uns contidos para unha data determinada, a do exame, e logo esquecer coa mesma rapidez os contidos memorizados. Se a memorización foi boa, premiamos con números altos o esforzo intelectual. Aprender é outra cousa moito máis seria.
Aprender é un verbo orientado a futuro, non a pasado. Aprender, e polo tanto ensinar, ten que ser algo que encamiñe ao alumnado a ser capaz de enfrontar situacións que aínda non coñece pero que terá que superar. Aprender non é memorizar; a facer as cousas apréndese facéndoas, equivocándose mil veces e voltando a intentalo.
Nas casas os nenos están afeitos a que lles pregunten sobre as notas que obtiveron, non sobre o que aprenderon, o que agora entenden e saben facer e antes non eran capaces. Os nenos maman desde moi pequenos que hai un obstáculo chamado exame que teñen que salvar. Unha vez salvado xa dá igual aquilo. Quedou atrás.


A comida familiar

A rapazallada agarda polo Nadal coa mesma ilusión que nós cando eramos cativos. Son días nos que se sinten protagonistas, o centro de atención da familia e iso é algo que para eles resulta esencial e emocionante. E sen embargo o Nadal sempre agocha un trance para todos eles.
Manteño que as notas máis importantes (no sentido propiamente de importar) son as correspondentes ao primeiro trimestre do curso escolar, as que coinciden co Nadal. En que cea de Noiteboa ou xantar de Nadal non se lle reclama aos pequenos da casa allea a lista de notas? Ese tío simpático que cun sorriso estúpido debuxado na cara fai o papel de xefe rifador? Todos sabemos que a pregunta non vai guiada por un verdadeiro interese no desenvolvemento dos inocentes que responden. Trátase de disparar sobre obxectivo fácil as nosas liortas de adultos frustrados e resentidos.
Que dereito, fóra dos propios pais, ten ninguén a esixir boas notas a un neno diante de todos os adultos? Aceptaríamos a pregunta inversa? Que ese neno interrogado nos esixa o día de Nadal responsabilidades polo noso traballo do trimestre? Explicacións dos nosos innumerables fracasos, erros e trampas?
Ser adulto finalmente é unha coartada.
Por experiencia, alumnos altamente motivados, curiosos, educados, viven obsesionados coas cualificacións numéricas dos exames e coa absurda nomenclatura dos boletíns. Para quen son as notas? Para os adultos, claramente. O que precisan os nenos é avaliación.
Onde pon “insuficiente” o pai le suspenso, fracaso, vagancia, traizón. “Ben” non é “suficiente”. “Notable” e “sobresaliente” non nos din nada. Son termos ocos, repetidos de xeración en xeración e aí radica o seu valor. As notas é das poucas cousas que entende xente de todas as idades e condicións. É unha linguaxe inter-xeracional, o que permite establecer falsas comparacións non só entre nenos, senón tamén entre pais e nenos e mesmo entre avós e nenos. O “sobresaliente” semella así o patrón ouro, estable ao longo dos séculos. Utilizámolo como se de verdade non houbera fluctuacións no mercado.
Os que somos mestres e temos xa algunha experiencia non lle damos moito crédito a iso das notas pois sabemos que todo depende do ollo que observa e da man que o asina.

O papel que tan torpemente desempeñan as notas debería facelo a avaliación, que é cousa ben distinta a pesares das confusións. Temos unha escola que cualifica moito pero avalía pouco.