14 dic 2013

O home que estaba alí e non pechou os ollos


Desculpade, pero levo gastado todo este tempo tratando de esquivar a estupidez humana que me rodea e enchendo formularios que non teñen maior sentido que xustificar o posto que temporalmente ocupo. Sei que de cando en vez, por saúde mental, debo osixenar a mente fóra do traballo con esas cousas inútiles chamadas libros. É a miña medicina. E mellor aínda se son libros vellos de nomes esquecidos, que falan doutros tempos fuxidos que a min sempre me parecen próximos.

Estas semanas o nome que máis rula na cabeza é o de Manuel Chaves Nogales (1897-1944), sevillano, un dos xornalistas máis senlleiros da historia de España, fiel republicano e igualmente inimigo do fascismo como do comunismo, exiliado en Francia e Inglaterra, reporteiro en Berlín e Moscú. A súa memoria foi silenciada durante 50 anos posto que ninguén reivindica os homes honestos cando os que mandan son os miserables.

Chegadas as barbaridades, o fácil era pechar un ollo e contar só as perpetradas por un bando. Pero Manuel non era así. Amaba os desafíos. No seu libro máis famoso, unha colección de nove relatos titulada A sangre y fuego, hai para todos.

Algúns coñecen a Chaves Nogales pola súa biografía de Belmonte que, segundo parece é bastante máis que a biografía dun toureiro célebre. A súa escrita é xornalística, de gran reportaxe, posto que nunca se considerou literato. E iso que foi asiduo das tertulias madrileñas e tratou a Unamuno, a Valle-Inclán, a Azorín.

Cando tivo que fuxir de París pola inminente chegada dos nazis mandou queimar todos os seus papeis. Esa renuncia salvou a vida da familia, da que se separou para sempre partindo cara Inglaterra. Alí morrería antes de ver a derrota do fascismo.

Pouco a pouco a súa figura vaise coñecendo máis grazas á recuperación da súa obra. Tiven a honra de participar nun proxecto de crowdfunding para lograr a edición dun libro-dvd sobre a súa figura. Confeso o orgullo de ver o meu nome na lista de "mecenas" e confío na divulgación necesaria da obra e vida dun home exemplar.