7 mar 2015

Berlín, cidade inabarcable


Xa non me satisfacen as viaxes se antes non atopo a forma de achegarme á historia do lugar, á súa fisonomía intelectual, ás súas entrañas. No mes de febreiro visitei por cuarta vez na miña vida a cidade de Berlín e resulta apaixonante comparar eses catro tempos diferentes pois Berlín é unha urbe enorme en continua transformación.

A primeira vez foi impactante. Era o verán do 95. Apenas seis anos antes asistiramos pola televisión ao derrubamento do infame muro. Foron tan só unhas horas, as suficientes para facer un longo paseo desde Alexander Platz até o Tiergarten, emocionados ao cruzar a Porta de Brandeburgo. Sorprendían os amplos espazos sen edificar, extensións enormes de solares grises, enlamados. O día era gris tamén, con moitas nubes no ceo e ameazando chuvia. Un par de anos despois puiden visitala con algo máis de tempo achegándome incluso ao estadio olímpico, que inevitablemente fai lembrar aquel 1936 de Hitler no palco e Jesse Owens na pista pulverizando rivais arios.

Voltei no 2006, con máis tempo aínda e coa excusa do mundial de fútbol. Había alegría polas rúas, xentes de todas as nacionalidades, grandes edificios naqueles solares grises do 95. A final entre franceses e italianos foi un acontecemento extraordinario, deses que tampouco se esquecen.

Desta vez tratei de aproveitar mellor as visitas. Coñecín os museos Pergamon e o Neues, que gardan tesouros fantásticos como a Porta de Ishtar ou o busto de Nefertiti. Seguín o percurso do muro naquelas zonas que por dar testemuña ás xeracións vindeiras foron conservadas tal como se levantaron. Acompañeime de lecturas de ensaio e de ficción sobre o Berlín das primeiras tres décadas do século XX, lecturas sobre a prensa popular da época, sobre os cafés, os magníficos cinemas da UFA, as tertulias dos artistas, dos escritores. Nomes como os de Döblin, Brecht, Hessel, Tucholsky, Roth...

Berlín é unha cidade que marca unha experiencia. Se reparas na Potsdamer Platz e reflexionas en que foi un dos puntos con máis tráfico durante os anos vinte e trinta, un ermo arrasado na guerra e invadido polo muro durante corenta anos e agora o punto onde se concentran os principais rañaceos da cidade, decátaste axiña de que Berlín é algo inabarcable, cambiante, vivo, en continua transformación histórica.