25 feb 2011

O mestre de Piàdena (I)


Mario Lodi, o grande mestre de Piàdena, celebrou a semana pasada o seu 89 aniversario. A súa vida é un fermoso exemplo de dedicación á renovación da escola primaria. Velo aínda entre nós é unha ledicia.

Rematada a guerra, todo en Italia estaba por reconstruír. Mario era un home novo, tiña 23 anos, estaba recén saído da cadea, en Cremona. A súa xeración asumiu esa responsabilidade. As cooperativas que existiran antes do fascismo foron recuperadas. En Piàdena, Mario, que xa era mestre desde antes da guerra, encargouse da biblioteca popular. Era importante que a xente lera e coñecera despois de máis de vinte anos de obrigada escuridade. Os libros conservábanse no Teatro Paroli da pequena localidade lombarda. Houbo que cribar os panfletos fascistas que pertencían á Biblioteca do Dopo Lavoro, unha institución do réxime para o lecer e formación dos operarios. Na biblioteca popular a xente da vila comezou pouco a pouco a falar das súas experiencias durante a guerra.

A Constitución italiana de 1948 proclamaba a vixencia dos principios democráticos: pluralismo, laicidade, igualdade, pacifismo, dereito ao traballo, etc. Nese mesmo ano Lodi era destinado á escola de San Giovanni in Croce. E para un mestre sen experiencia, o obxectivo era principalmente atopar a maneira de levar á escola os principios democráticos e liberais que encarnaban os valores da nova sociedade. Aí é cando Mario Lodi comprende que a renovación pedagóxica resulta imprescindible, que non se trata de pequenos cambios ocasionais senón dunha reforma profunda de todo o sistema, un sistema que Lodi vía como autoritario e opresor. Este traballo ocuparalle toda a vida.

Pero Mario non estaba só. Desde a mesma base formouse naquela altura o Movimento de Cooperazione Educativa, ao que Lodi pertenceu. Este colectivo composto por uns 7.000 mestres serviu como plataforma renovadora. O seu papel no desenvolvemento teórico e práctico, non só da pedagoxía italiana senón da de toda Europa, foi vital.

Resultaba necesario atopar referentes para levar a cabo a renovación educativa e ese camiño conduciulles ao pedagogo francés Célestin Freinet (1896-1966), que encaixaba perfectamente nas aspiracións de democratización da escola pública italiana. Freinet impulsara na anterior posguerra todo un modelo de escola nova na que os nenos tiñan dereito a falar, a expresarse libremente e a reproducir por escrito esas opinións. A técnica do texto libre desenvolvida por Freinet parecía oportuna para as finalidades que se perseguían e Lodi aproveitouna con éxito nas súas escolas. Na seguinte entrega ocuparémonos das súas interesantes crónicas.

Os nosos parabéns para o mestre de mestres, Mario Lodi.

12 feb 2011

Quen non quere ser libre?


Esfreguei os ollos pero alí seguían na pantalla. Milleiros de exipcios reunidos na Praza da Liberación agardaban ilusionados a boa nova desde había dúas semanas. E por fin sucedeu. O ditador fuxiu porque os ditadores cando fuxen non dan discursos. E estalou a alegría compartida en medio mundo.
Que ninguén o dubide. O que vimos onte foi un acontecemento histórico. No mundo árabe comezou unha marea da que se coñece o inicio (Tunisia e Exipto) pero da que non se coñece o final. Seguramente algún ditador tratará de facer ruído e causar dano antes de fuxir, pero fuxirá. Os máis novos, a inmensa maioría da poboación de Exipto, cos seus móbiles conectados ás redes sociais, sen violencia, con enormes doses de paciencia, plantáronse diante dun réxime, o de Mubarak, que duraba xa 30 anos. Agora saben do seu poder. E o exército comprometido coa transición á democracia terá que escoitalos.
O réxime de Mubarak xa non tiña lexitimidade. O empobrecemento da poboación e a falta de futuro de toda unha xeración fixeron o resto. A superpotencia non lanzou a rede cando viu que o seu aliado fraqueaba. E caeu.
E agora? Agardemos o mellor para ese país que hoxe mira ao mundo con orgullo. Conta Amin Maalouf no seu ensaio A deleiba do mundo, que o mundo árabe arrastra unha permanente falla de autoestima alimentada polas continuas frustracións das suás aspiracións. Esta xente o que quere é unha vida digna, un traballo, un futuro, un benestar. En Occidente deberiamos deixar por un momento de ollar só os nosos mesquiños intereses e o patético paternalismo para consideralos irmáns, que é o que son.
Rescato para rematar tres pasaxes do libro de Maalouf na súa edición en castelán, marabillosa manifestación optimista do necesario entendemento entre o Norte e o Sur:

Contrariamente al tópico establecido, el pecado secular de las potencias europeas no ha sido el de querer imponer sus valores al resto del mundo, sino precisamente lo contrario: el haber renunciado continuamente a respetar sus propios valores en las relaciones con los pueblos dominados. Mientras no se deshaga ese equívoco, corremos el riesgo de volver a caer en los mismos errores.

Ningún pueblo de la Tierra existe para que lo esclavicen, para que lo tiranicen, para la arbitrariedad, para la ignorancia, para el oscurantismo, ni para la opresión de las mujeres. Cada vez que alguien deja de lado esta verdad básica está traicionando a la humanidad y se está traicionando a sí mismo.

Lo que ya ha durado lo que tenía que durar y ha llegado el momento de clausurar es la Historia tribal de la humanidad, la Historia de las luchas entre naciones, entre Estados, entre comunidades étnicas o religiosas, y también entre "civilizaciones". Lo que está concluyendo ante nuestros ojos es la Prehistoria de los hombres. Sí, una Prehistoria demasiado larga, hecha de todas las crispaciones de nuestras identidades, de todos nuestros etnocentrismos cegadores, de nuestros egoísmos supuestamente "sagrados", tanto patrióticos como comunitaristas, culturales, ideológicos u otros cualesquiera.