30 ago 2011

Paseos e libros

Debe de ser a xenética pero non cabe dúbida de que eu son deses que non poden evitar parar diante do escaparate dunha librería nova. Se se trata dun deses enormes establecementos tan habituais por toda Europa como as Feltrinelli de Italia, as Hugendubel de Alemaña ou as Waterstone's de Inglaterra un xa sabe que ten a tarde ocupada. Remexer entre os libros de peto, ollar de punta a cabo os andeis de narrativa e ficar un momento de relax nun daqueles confortables sofás a botarlle unha ollada a un libro calquera son bocadiños de benestar aos que un non pensa renunciar.
Outra cousa ben diferente son esas librerías de antigo nas que o propio escaparate é xa un museo. Hai cidades que aínda conservan esta riqueza nun número considerable. E non é casualidade que sexan as cidades con maior nivel cultural do mundo. En París pódense atopar recunchos marabillosos con edicións antigas de Voltaire, Balzac ou Zola. Case nada! En Xénova meu irmán amosoume este verán unha con libros vellos sobre o xeneize, o dialecto que os xenoveses levaron logo a América.
Aquí tres instantáneas tomadas por min nos últimos meses: unha librería en Xenebra, outra moi pequeniña na cidade vella de Lyon, e a Arenthon no quai Malaquais de París.