21 may 2007

Un rapaz da aldea


Foi unha verdadeira honra saudar esta tarde a Xosé Neira Vilas, pregoeiro da I Feira do Libro de Vilagarcía. Neira Vilas, que aos seus 78 anos ten un aspecto inmellorábel, fixo un entretido eloxio do labor dos libreiros, da complicidade que gardan cos lectores e da importancia de levar adiante feiras coma a de Vilagarcía. Reivindicou a defensa do libro galego e lembrou algunhas anécdotas dos seus longos anos en Buenos Aires. Aproveitou tamén a ocasión para recordar a un dos vilagarciáns máis importantes daquela época, Elpidio Villaverde, que foi o primeiro alcalde republicano da vila ademais de deputado por Izquierda Republicana. Villaverde, xunto con Castelao, Suárez Picallo e Alonso Ríos foron os fundadores do Consello de Galiza en 1944. Houbo tempo tamén para recitar algúns versos en lembranza da Arealonga, o nome orixinal da vila mariñeira sobre a que naceu o invento de Vilagarcía.

Ao remate achegámonos a el para que nos firmara o seu libro máis famoso, o libro máis lido da literatura galega de todos os tempos, Memorias dun neno labrego. Mantivemos unha breve conversa con Neira Vilas, todo amabilidade. Ao coñecer a nosa orixe ourensán non puido menos que lembrar ao seu amigo Blanco Amor e tamén a Otero Pedrayo. Mesmo falamos un chisco da súa bisbarra, o Deza, na que tamén teño eu as miñas orixes pois o meu bisavó José María Paz Veleiro, de quen herdo o meu primeiro apelido, era do San Martiño (Dozón).

14 may 2007

Testemuñas da historia


O 4 de xaneiro de 1931 inaugurábase no número 1 da Avenida de Vicente Pérez o Hotel "La Bilbaína", no mesmo edificio do Consulado de Portugal. Estas terrazas foron muda testemuña de parte da historia da cidade. Aos tres meses da inauguración proclamábase a Segunda República e no mesmo ano a rúa pasaba a chamarse de Fermín Galán. Cinco anos despois, en febreiro de 1936 coa victoria do Frente Popular, un grupo de falanxistas protagoniza un tiroteo que se salda con varias víctimas mortais.
E se falamos do que había dentro? Calquera ourensán de certa idade podería falar das reunións, das tertulias, dos atrevidos espectáculos que tiñan lugar alí posto que La Bilbaína permaneceu aberto probablemente até finais dos anos 60.

10 may 2007

A vella Europa


Estampas do vello continente, lugares históricos coas cores xa gastadas, postais vellas dun mundo vello pero... como disfruta un ollando estas pequenas xoias fotográficas! De cando en vez atopamos na rede recantos descoñecidos nos que se agachan grandes tesouros. É o caso de Old-Pictures, no que podemos ollar fotos e postais de todo o mundo de finais do século XIX e comezos do XX.

Escollín a postal dunha das prazas máis fermosas que coñezo, Marienplatz, en Munich. Os turistas soen ficar abraiados mirando as figuriñas do reloxo da torre pero cada un dos edificios desta praza merece ser ollado con detemento.

9 may 2007

Da Burga ao Barbaña


Voltamos á tarefa de lembranza dalgunhas das figuras literarias máis importantes da nosa cidade. Permitídeme a anécdota. Xusto cen anos antes de nacer eu en Ourense nacía en Granada outro Nóvoa que viría co tempo a protagonizar un avance moi importante na evolución da nosa literatura e que, a pesares diso, non ten hoxe o recoñecemento merecido cando tanto gusta falar dos precursores.

Francisco Álvarez de Nóvoa naceu, probablemente, o 11 de xuño de 1873 moi lonxe da Terra e pasou a súa infancia entre Pontevedra, A Coruña, Valencia, Navarra e Madrid, por mor do traballo do seu pai, descendente de ourensáns. A finais do século XIX Francisco faise completamente ourensán e proba delo son os títulos dos seus dous libros de relatos e prosas: Beira o Barbaña (1894) e Pé das Burgas (1896). A obra literaria de Álvarez de Nóvoa zumega paixón por Ourense, polas súas paisaxes e lugares e polas súas xentes. Ler os seus relatos ambientados naquela vila finisecular permítenos albiscar outra cidade diferente á nosa, outra maneira de vivila e de sentila. Resulta emocionante ollala a través dos seus ollos xuvenís:


"Eiquí podes oubir ó Barbaña que che contará tristuras ô bícal-os ameneiros é risoños parrafeos ô esbarar riseiro entre as guixas que, ô rozalo, arrancan d'os seus fios as notas mais alegres y-os queixumes máis tristes..."


É evidente que para un ourensán os relatos e as fermosas prosas teñen un significado especial, pero a relevancia de Álvarez de Nóvoa, segundo os especialistas, ven máis do seu uso da linguaxe e do aire fresco que aportou á literatura galega excesivamente ancorada nun costumismo xa estéril. No seu propio prólogo a Pé das Burgas laiase Álvarez de Nóvoa da moda do enxebrismo e da súa limitación temática, e amosa ademais o seu propósito:


"A miña pluma rebelouse a seguir ese camiño que, en forza de trillado, pódese facer en ferrocarril, e colleu por unha pequena corredoira que sae da esquerda, e vai ó corazón."


Habería que falar tamén da súa faceta xornalística, tan importante ou se cadra máis ca literaria, pero deixarémolo para outro día.