2 abr 2008

Manuel Martínez-Risco, home de ciencia


Todos sabemos que Ourense ten aportado destacados homes e mulleres no mundo das artes e das letras, pero tamén hai que salientar os importantes médicos e científicos ourensáns que ten habido ao longo da historia. Un dos máis relevantes foi sen dúbida Manuel Martínez-Risco (1888-1954).

Pertencía a unha das familias máis notables da cidade. Era sobriño de Marcelo Macías, curmán de Vicente Risco e irmán de Sebastián Martínez-Risco, presidente da Real Academia Galega entre 1960 e 1977.

Estudiou Físicas na Universidade Central de Madrid licenciándose en 1908 con premio extraordinario. Coa axuda da Junta de Ampliación de Estudios permanecerá dous anos na Universidade de Amsterdam para proseguir as súas investigacións no terreo da Óptica e a Física xunto ao Premio Nobel de 1902, Pieter Zeeman.

Regresa a Madrid e doutórase en 1911 aproveitando as ensinanzas que trae de Holanda. Logra logo a cátedra de Acústica e Óptica da Universidade de Zaragoza regresando a Madrid pasados uns anos.

En xuño de 1931 obtén acta de deputado pola provincia de Ourense dentro de Acción Republicana, de Manuel Azaña. Voltaría a acadar acta de deputado nas eleccións de 1936, esta vez por Izquierda Republicana. Durante a guerra colaborou co goberno lexítimo republicano e máis tarde exiliouse en París, onde viviría o resto da súa vida.

En París, Manuel Martínez-Risco traballa no Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) con grande éxito. Publica artigos en numerosas revistas francesas e colabora con outros científicos exiliados. Morre en maio de 1954.

En 1976 as autoridades francesas fixéronlle unha homenaxe e publicaron toda a súa obra científica nunha edición bilingüe.

Fonte: CCG

No hay comentarios: