24 abr 2008

Próxima estación: Dostoievski


As novelas e relatos de Fiodor Dostoievski teñen un certo halo de lectura para adolescentes e non cabe dúbida de que algunhas das súas historias conectan moi ben co afán de rebeldía da xuventude que devece por dar resposta ás preguntas esenciais que moitos se fan chegados a esa complicada idade.

Eu comecei a interesarme por Dostoievski aos 23 anos. Curiosamente non foron nin Crime e castigo nin Os irmáns Karamazov —as súas dúas novelas máis famosas— as que me abriron a este universo literario senón unha edición portuguesa da novela Recordações da casa dos mortos, un asombroso relato sobre a súa longa estadía nunha prisión de Siberia na década de 1850. Os retratos dos seus compañeiros de cadea resultan terribles. Alí Dostoievski sinte o desprezo dos outros prisioneiros pero ao mesmo tempo aprende a coñecer ao verdadeiro home ruso e a súa forma de vivir e de pensar. Nada que ver cos debates das clases ilustradas nos salóns máis luxosos de San Petersburgo.

Outros chegaron a Dostoievski por camiños diferentes. Ademais das citadas, unha das súas novelas breves titulada O xogador tamén está en case todas as bibliotecas. Menos coñecidas pero igualmente importantes son O idiota, Os demos, Humillados e ofendidos e O dobre. O seu biógrafo Joseph Frank, sen embargo, chegou a Dostoievski a través dos seus Apuntes do subterráneo, unha obra fundamental para entender o pensamento social e político do grande escritor ruso ao que todo mundo considera peterburgués pero que realmente naceu en Moscovo en 1821.


(Na imaxe a fortaleza e prisión de Pedro e Pablo en San Petersburgo, onde Fiodor Dostoievski estivo preso durante o ano 1849 antes de ser trasladado a Omsk, en Siberia.)

No hay comentarios: