15 abr 2008

O mestre de Petersburgo


Veño de recibir por correo dous grosos volumes que levaba tempo querendo conseguir. Trátase da primeira e última parte da extensa e minuciosa biografía de Fiodor Dostoievski (1821-1881), un dos meus escritores favoritos. Este enorme traballo de Joseph Frank, publicado pola Universidade de Princeton, non é un relato biográfico tradicional no que se van despregando anécdotas da vida privada do escritor —que ten moitas—, senón máis ben unha interpretación profunda da relación que se establece entre a súa obra, a súa vida e o complexo contexto social e político do seu tempo.

Dostoievski, na súa xuventude, participou dos círculos socialistas que abundaron por toda Europa en torno o ano 1848. Alí falábase de Fourier, de Blanc, de Proudhon e doutros socialistas utópicos, e considerábase a civilización europea como o espello onde Rusia se tiña que mirar para facer as súas inaprazables reformas.

Moitos anos máis tarde e despois duns cantos anos de traballos forzados nunha prisión de Siberia, Dostoievski abrazaría unha filosofía máis irracionalista, máis mística se se quere. Para el era evidente o xigantesco abismo que separaba os campesiños rusos das clases ilustradas. Estas tiñan, na súa opinión, unha idea do pobo ruso totalmente errada. Para Dostoievski era imprescindible deixar sitio á libre vontade do home e a idea de Deus e ningunha ideoloxía podería substituír o fondo desexo ruso da liberdade. Claro que Dostoievski non viviu para ver o país dos soviets e de Stalin.

Joseph Frank é o autor de Dostoevsky: The Seeds of Revolt (1821-1849) e Dostoevsky: The Mantle of the Prophet (1871-1881).

1 comentario:

Ana Bande dijo...

Éste e outro deses grandes que levan tempo agardando nos meus andeis, pois aproveito e póñoo máis preto que xa lle tiña ganas. Saúdos.