19 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (III)


Como indiquei na anterior entrada non quero deixar de sinalar os principios fundamentais da teoría educativa e o pensamento político de F.A.W. Diesterweg porque considero que son aínda moi valiosos na sociedade actual do século XXI. En canto ao último, o pensamento político, podemos definir a posición deste educador como de liberal e progresista. Como forma de goberno apostou por unha monarquía constitucional e democrática de cidadáns libres e iguais en dereitos e obrigas na que se deberían salvagardar a liberdade de movemento, prensa, relixión, pensamento, asociación e outras moitas vencelladas a estas. Desde o punto de vista político xa é doado apreciar a modernidade do seu pensamento.

A consideración do home para Diesterweg componse de variados elementos:

  • Fe na razón e na relación dialéctica entre pensamento e acción como medio para o desenvolvemento e a mellora das condicións de vida dos cidadáns

  • Confianza na natureza humana e rexeitamento do metafísico

  • Apreciación da diversidade do mundo como valor do que cómpre gozar

  • Valoración da aspiración humana de modelar o mundo e a sociedade cun fin de harmonía

  • Harmonía entre o individual e o colectivo

  • Desenvolvemento das capacidades humanas para o beneficio de toda a sociedade

  • Igualdade entre todos os homes.

Estes principios, en consoancia co pensamento alemán do século, lévalle a orientar a educación cara tres piares fundamentais: a verdade, a beleza e a bondade. Diesterweg defendeu a libre autodeterminación das persoas como principio fundamental para o seu desenvolvemento completo en todos os terreos, non só no puramente instrumental. Para elo considerou fundamental o principio de igualdade, que chamaba á sociedade a garantir as mesmas oportunidades para todos os nenos. Nesa liña, Diesterweg foi firme defensor da escola popular (Volksschule) que era a que podía levar a cabo ese principio de igualdade. En palabras de Diesterweg: "A sociedade ten que proporcionar iguais instrumentos educativos a toda a xente, que ten igual necesidade de educación".

O que Diesterweg perseguía coa súa idea dun ensino completo e íntegro era educar os individuos co fin de permitirlles ser seres humanos máis ca membros dunha clase social determinada. Para elo propuxo melloras substanciais no nivel da educación primaria orientadas a mellorar a calidade do ensino, dos materiais curriculares, etc. Foi Diesterweg quen declarou: "Primeiro educade homes, antes de preocuparvos pola formación profesional ou a súa clase social, porque o proletario e o labrego deben ser ambos educados para seren seres humanos".


(Na imaxe, monumento a Diesterweg no centro de Berlín. O lema di algo así como "Vive a vida ao completo")

11 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (II)


Ocupámonos hoxe da abundante obra escrita que nos deixou Diesterweg. Hoxe é só accesible na súa lingua materna pois, lamentablemente, non nos consta tradución algunha das súas obras completas nin ao inglés nin ao castelán.

A formación dos docentes foi a faceta máis salientable da súa carreira e o asunto ao que dedicou a maioría da súa produción. En 1835 publicou a súa obra máis coñecida, Wegweiser zur Bildung für deutsche Lehrer (Guía Educativa para os Mestres de Alemaña). Este libro tiña como finalidade establecer unhas consideracións teóricas sobre a educación para inmediatamente proporcionar aos mestres orientacións moi concretas que estes puidesen aplicar na aula, pois Diesterweg era moi amigo da claridade e da concisión. A idea que domina toda a guía é a de que a teoría e a práctica están intimamente relacionadas e non se pode atender a unha e desatender a outra. Outro día detallaremos máis polo miúdo o contido desta obra fundamental no pensamento do educador alemán.

Nos anos seguintes, Diesterweg publicou moitos outros libros sobre a educación formal e informal e sobre a formación profesional dos mestres, pero sen dúbida a súa obra de maior peso foi a edición, desde 1827 até 1866 –ano da súa morte– dunha revista chamada Rheinische Blätter für Erziehung und Unterricht mit besonderer Berüksichtigung des Volksschulwesens (Revista Renana para a Educación e Instrución con especial referencia á Educación Primaria). En tan longo período de tempo foron innumerables os artigos publicados e escritos polo propio Diesterweg: perfís biográficos dos educadores máis destacados, orientacións, opinións e reseñas dos traballos que se ían publicando na época sobre asuntos relacionados coa educación.

A partires de 1851 publicou o Jahrbuch für Lehrer und Schulfreunde (Anuario para Mestres e Amigos da Escola) e durante toda a súa vida foi un grande amante das ciencias naturais, a área de coñecemento na que se formou desde a adolescencia. Froito deste interese escribiu en 1840 un libro orientado a divulgar a astronomía entre o público xeral que se titulou Populäre Himmelskunde (Astronomía Popular). Diesterweg, con bo criterio, consideraba que a física e a astronomía eran elementos indispensables nunha boa educación básica, pois axudaban a coñecer mellor o entorno natural.

(Na imaxe, a escola de mestres de Moers onde traballou Diesterweg e á dereita unha páxina da revista educativa que publicou)

10 nov 2010

Diesterweg e a escola primaria (I)


Por azar, como suceden tantas cousas na vida, deparei hai días nun texto do ano 1828 que me permitiu descubrir a interesante figura do educador alemán Friedrich Adolph Wilhelm Diesterweg (1790-1866). Liberal e progresista, fillo da Revolución Francesa e polo tanto contemporáneo de Kant, Goethe, Schiller, von Humboldt e Pestalozzi –de quen ademais foi seguidor– Diesterweg foi autor de milleiros de páxinas dedicadas á escola primaria e á formación profesional dos docentes e firme defensor dun ensino democrático que tivera tamén en conta os problemas sociais da clase traballadora, nun tempo en que o desenvolvemento do capitalismo industrial xa amosaba a súa faciana máis inxusta e cruel nas fábricas da súa Westfalia natal.

O profesor Karl-Heinz Günther, un dos maiores expertos na obra de Diesterweg e da historia da educación naquel país, publicou nunha revista da Unesco un fenomenal artigo sobre o seu pensamento que serve de resumo das súas ideas e que merece a pena ler.

Diesterweg dedicou vintesete anos da súa vida a formar docentes para a escola primaria chegando a ser director da escola de maxisterio de Berlín até o ano 1847 en que foi destituído polas autoridades prusianas. Os motivos, como sinala Günther, foron políticos. Só hai que adentrarse un pouco nas súas ideas sobre o ensino primario para comprender o rexeitamento que sofreu por parte das clases dominantes.

Despois do impulso que experimentou a educación en Alemaña nos primeiros anos do século XIX, bebendo especialmente das fontes de Rousseau e Pestalozzi, a supremacía prusiana sobre o territorio alemán establecida a partires de 1815 comanda un movemento contrario que se fai fortemente reaccionario despois das revolucións populares do ano 1848. Diesterweg foi acusado polos seus "escritos subversivos" e por ter aberto a cuestión da separación entre a igrexa e a escola. Tachárono ademais de socialista e comunista, sen base algunha. Para a nobreza no poder, encarnada na figura do rei Federico Guillermo IV, a educación era un asunto moi perigoso, a culpable dos levantamentos populares. As regulacións de 1854 procuraron limitar o programa do ensino primario para convertilo nun pobre adestramento de cálculo, lectura e escritura orientado a formar traballadores máis ca persoas, reducíronse os salarios dos mestres e o clero pasou a ser a institución que controlaba o ensino. Eis un exemplo máis da difícil relación entre poder absoluto e ensino humanista e democrático.


5 nov 2010

O nome dun novo mundo


Entre as biografías escritas por Stefan Zweig acabo de ler unha das menos coñecidas e que ademais non é propiamente unha biografía senón un ensaio histórico. Nel relata Zweig a concatenación de erros e malentendidos que levou a que o novo continente descuberto por Cristóbal Colón a finais do século XV fose chamado América e non Columbia.

O perfil biográfico do florentino Américo Vespucio vén aquí acompañado de fontes históricas e de referencias a diversos aventureiros da época como Marco Polo, Henrique o Navegante ou Vasco da Gama. O relato vai tecendo o panorama de profundas transformacións económicas, sociais e culturais que ten lugar xa a finais da Idade Media e que, dalgún xeito, prepara o milagroso porvir dos descubrimentos.

Sinala Zweig que o que Colón perseguía, unha nova ruta comercial cara ás Indias, interesaba só aos mercaderes e comerciantes. Vespucio, polo contrario, nunha breve obriña de 32 páxinas publicada en 1503, falou dun novo mundo (mundus novus) que presentou como unha especie de paraíso terrenal. E así despertou a ilusión latente no corazón de todos os pobos do mundo por atopar unha saída ás súas miserias. Acendeu a luz da esperanza.

"Hacía tiempo que los padres de la Iglesia, especialmente los teólogos griegos, habían formulado la tesis de que, después del pecado de Adán, Dios, en modo alguno, había destruido el paraíso. Sólo lo había trasladado al 'anticton', a la punta opuesta de la tierra, a un espacio inaccesible para el hombre. Según la teología mítica, no obstante, este 'anticton' debería situarse más allá del Océano, es decir, al otro lado de una zona infranqueable para los mortales."

O efecto que provocou o seu relato, unha carta retocada e amplificada por un impresor, foi enorme. Esta sensación unida a manipulacións que nada tiveron que ver con el levou a que progresivamente se fose considerando a Vespucio como o descubridor do novo continente relegando o nome de Colón. Que Colón rematase os seus días desprezado e sen honores tamén axudou a elevar a figura de Vespucio.

Pero se o continente que ocupa unha cuarta parte do planeta leva hoxe o nome de América foi particularmente debido a un mediocre xeógrafo alemán que non só propuxo o seu nome eufónico, semellante ao dos outros continentes do planeta pero masculino esta vez, senón que tamén publicou un novo mapa no que con letras de imprenta estampou claramente e por primeira vez o nome de AMÉRICA. O feito estaba consumado.