20 ago 2006

A Fraga de Catasós


Hai un lugar no centro do noso querido país que é o paraíso dos carballos e os castiñeiros. Chámase Catasós e pertence ao concello de Lalín. Para os que estedes fartos de eucaliptos coma min recoméndovos un paseo por entre estas frondosas árbores vellas. Algúns dos castiñeiros superan os 30 metros de altura e hai árbores con máis de 150 anos.
É fantástico sentir o alento dos carballos, o seu murmurio; ver o ceo a través da silueta curiosa das súas follas; ollar os ourizos das castañas aínda verdes deitados no chan, agardando o momento propicio para deixar saír o seu sabroso froito; os liques e os fungos a nacer das pólas dos carballos e dos seus toros caídos. Quen non sentiu nunca nada semellante seguramente tampouco sinte a profunda dor que magoa o corazón ao ver os montes queimados no camiño de volta ao Salnés.
A única esperanza está en educar na sensibilidade, no afecto pola natureza, en que sentir ese ar puro a entrar no noso peito inunde de sentido o noso amor polo mellor que temos e que non sabemos querer.

17 ago 2006

Porto vivo


Unha visita á cidade do Porto resulta sempre reconfortante. É un lugar verdadeiramente atractivo e cheo de vida, atravesado por amplas rúas comerciais e ben provisto de bonitos parques e museos.
O entorno do río Douro formado polo tradicional barrio da Ribeira, declarado Patrimonio da Humanidade en 1996; a ponte de Luis I deseñada por un discípulo de Eiffel; e as caves do vinho do Porto xa no concello de Vila Nova de Gaia ofrece un lugar de lecer fantástico e certamente fermoso. Os barcos rabelos, que se encargaban de transportar o vinho desde as quintas da Ribeira do Douro ás caves de Gaia, serven hoxe para levar os numerosos turistas de excursión río arriba.
Completamos o paseo vespertino cunha visita ás caves da Offley, unha casa inglesa como a grande maioría das que se veñen adicando a comercializar o vinho do Porto desde hai séculos. No final da visita, nunha longa mesa e entre grandes bocois de madeira de carballo, puidemos probar dúas modalidades de Porto, un branco aperitivo coñecido como Lacrima e outro tinto dixestivo chamado Ruby moi apropiado para sobremesas como tarta de mazá ou crema de queixo. Ademais mercamos unha botella de Porto Tawny, un tipo de vinho que envellece durante un certo tempo en madeira e que adquire polo tanto un sabor diferente.

11 ago 2006

Era o Castrove


O Castrove é un dos montes máis importantes da comarca do Salnés, xunto co Xiabre, que está en Vilagarcía. Pertence ao concello de Meis, un dos máis castigados polo lume destes días. Como podedes ollar, desde alí disfrútase dunha vista fabulosa sobre a Ría de Pontevedra posto que unha das ladeiras do monte vai dar directamente a Poio.
Esta fotografía foi tomada o pasado día 10 de abril. Nela pódese comprobar facilmente que o monte sofriu incendios con grande frecuencia nos últimos anos, apenas hai árbores, só matos e algún piñeiro illado. Agora, este novo castigo sobre o Castrove pode ser a estocada definitiva.

10 ago 2006

Arde Ourense


Vivimos días de pesadelo. Día tras días vaise apagando a nosa feble esperanza. E agora temos o lume ás portas de Ourense, a miña terra. Resulta terrible ollar como as chamas bordean o contorno norte da cidade, avanzando perigosamente cara ás vivendas e poñendo en perigo a miles de persoas.
Ollando esta imaxe está claro que nos atopamos diante dunha guerra con tódalas letras. Estanse a librar batallas en todo o territorio, en Meis, en Oia, en Fisterra, en Mazaricos... Temos que gañar a guerra, esta guerra de apagar o lume. Pero despois do verán hai moitas cousas que cambiar.
É imprescindible repoboar o monte con especies autóctonas que manteñan o sotobosque húmido e refractario aos incendios. Convén recuperar o monte como elemento básico do noso territorio, comprometérmonos todos co seu desenvolvemento, a súa limpeza e a súa conservación. Hai que planificar o territorio doutro xeito, delimitando correctamente as zonas urbanas das zonas de monte. É triste: temos moito monte pero moi pouca fraga. Hai tantas medidas por tomar que non podemos agardar máis. A nosa xeración xa perdeu a súa oportunidade. Deixémoslle unha esperanza á seguinte.

9 ago 2006

Fahrenheit 451


En días desgraciados de lume quere a casualidade, sempre tan caprichosa, que pasasen nunha canle de pago a adaptación cinematográfica de Fahrenheit 451, a famosa novela de Ray Bradbury.
Trátase dunha historia asombrosa. Sitúamonos nunha sociedade na que os libros están terminantemente prohibidos e agochalos na casa é causa de delito. Os bombeiros non están para apagar o lume senón para prendelo nos libros que van atopando grazas ás delacións dos veciños. A razón ideolóxica para prohibir os libros nesa sociedade do futuro é que son obxectos perniciosos que contan historias falsas, producen infelicidade porque non podemos vivir esas vidas que nos relatan e ademais fan que algúns, despois de ler certas cousas, síntanse máis importantes. E todos teñen que ser iguais. Por iso a televisión si que é permitida, porque uniformiza, iguala e atonta. Habería moito que reflexionar so sobre este feito.
Un deses bombeiros, Guy Montag, deprimido pola súa baleira vida en matrimonio, empeza a sentir curiosidade polos libros, escóndeos na súa casa, empeza a disfrutar, a advertir que detrás de cada libro hai un home, unha vida. Ábrese para el un novo mundo pero tamén o grande perigo de ser descuberto.
A novela, coma a película de Truffaut, convértese nun canto de defensa dos libros, da esperanza e da fraternidade. Un mundo no que a xente cando fala mírase aos ollos.
Fahrenheit 451 (1966)
Dtor: François Truffaut
Int: Oskar Werner, Julie Christie
Cyril Cusack.

7 ago 2006

Crime


Estou aquí sentado cheirando o aroma do aire envelenado polo fume criminal. Estou abatido e indignado ao mesmo tempo. Estou escoitando as sirenas dos bombeiros. Estou sentindo arrepíos de dor. Estou tendo a impotencia maior da miña vida.

Mentres TODOS os galegos, os das cidades e os das aldeas, non nos convenzamos de que os que queiman os montes son tan criminais como os ladróns, asasinos e terroristas non haberá nada que facer. Mentres haxa a impunidade que hoxe hai cos pirómanos, mentres a xente que convive con eles non os considere o que realmente son, tristemente, non haberá outro futuro mellor para os nosos fillos. É mesmo un problema de moralidade, máis ben da súa ausencia. Indígname a ignorancia daqueles que cren que queimar un monte é unha cousa menor sen maior importancia, que foi a calor, que foi o vento, que ten que ser... Hoxe sinto vergonza de ser galego e dóeme. Espero que mañá aínda siga a existir este país.


Saúde e Terra.

2 ago 2006

O soño motorizado da Alemaña Oriental


O Trabi foi o mítico automóvil da antiga República Democrática Alemana. Todos os alemáns alén do Muro soñaban con ter un coma este e tiñan que esperar moito desde que o encargaban até que o podían conducir. Hoxe en día convertiuse nun icono romántico dun tempo pasado e mesmo nun souvenir de grande éxito nas numerosas tendas berlinesas espalladas por Unter den Linden.

Non só foi moi habitual velo nas estradas da Alemaña Oriental. Pronto se popularizou noutros países socialistas do seu entorno. O vehículo era ben modesto desde o punto de vista técnico pois era impulsado por un motor de dous tempos con 25 cabalos de potencia. Non superaba os 112 Km/h e era moi contaminante.

Familiarmente aínda hoxe é coñecido co nome de Trabi, diminutivo de Trabant, que era o seu verdadeiro nome e que significa satélite. Foi bautizado así porque no ano 1957, cando comezou a súa fabricación, tamén tivo lugar o lanzamento do satélite Sputnik, un feito de grande trascendencia na carreira espacial entre a Unión Soviética e os Estados Unidos.

Calcúlase que entre 1957 e 1991, ano no que deixou de se producir xa despois da caída do Muro, fabricáronse uns tres millóns de soños motorizados, quero dicir de trabis coma o da fotografía, tomada no pasado mes de xullo nunha tenda de Berlín.