28 jun 2007

Os vagalumes de Carnota


A miña praia favorita é a de Carnota, un inmenso areal de 8 quilómetros de lonxitude, unha porta aberta ao océano. Lembro, cando era neno, que case ninguén coñecía tal sitio. Parecía como se ao norte da Lanzada non houbese mar. Lembro estar cos meus pais e os meus irmáns sos naquela praia. Oito quilómetros para nós. Era polo ano 1984. Lembro que alugamos unha pequena casiña á beira da estrada, os vagalumes pola noite a brillar coma estreliñas e os mosquitos a facer das súas. Lembro tamén as riquísimas ameixas á mariñeira que saboreabamos no Miramar, no centro da vila. Lembro ademais que non había aparcadoiros nin tantas pontes para chegar á area e como tiñamos que atravesar o río cheo de cangrexos co perigo de que á volta coa marea alta ficásemos illados.

A Carnota de hoxe xa non se parece moito a aquela. Os incendios e a especulación están a estragar aquel paraíso. O peor é o que nos pode deparar o futuro máis próximo. Constructores, promotores e inmobiliarias queren, coa vergoñosa colaboración de moitos veciños, encher ese paraíso de cemento e ladrillo. Din que teñen dereito ao progreso e ao desenvolvemento coma os demais. Pan para hoxe e fame para mañá. Lembro pero quero crer que chegará o día en que os galegos saibamos protexer e defender o noso con dignidade.

27 jun 2007

Álvarez de Nóvoa, xornalista (I)


Lembramos hai semanas a figura de Francisco Álvarez de Nóvoa resaltando a súa obra literaria, tan sentimentalmente vencellada á cidade de Ourense. Pero tampouco se debe esquecer o relevante papel que Álvarez de Nóvoa xogou no xornalismo ourensán de finais do século XIX e primeiro tercio do XX, unha etapa fascinante da historia da nosa prensa.

Despois de traballar en xornais coma El Diario de Orense, El Derecho e El Noticiero, Álvarez de Nóvoa entrou a formar parte da redación do diario El Miño, que fora fundado en 1898 polo líder liberal Vicente Pérez para alonxarse da cada vez máis conservadora liña editorial de El Eco de Orense, de Lamas Carvajal. El Miño, un xornal excepcional do que lamentablemente non existe en Ourense unha coleción completa a disposición dos investigadores senón unha privada en propiedade da familia Colemán, serviu tamén de escola para escritores como o mesmo Vicente Risco.

En El Miño foi onde Álvarez de Nóvoa popularizou a súa columna satírica "Agujetas", en permanente disputa coas "Mostacillas" de Lamas en El Eco de Orense. O xornalismo político daqueles tempos da Restauración tiña moito que ver con liortas persoais e defensa de intereses particulares. Non existía un sistema democrático senón caciquil e clientelar baseado na presenza de dous partidos, o liberal e o conservador, que se turnaban no poder coa única intención de manter o dominio das súas familias.

Hacia 1909 Álvarez de Nóvoa pasou a ser director do diario e tivo que lidiar cos tráxicos sucesos de Oseira. A Garda Civil decidiu disparar sobre os campesiños que se resistían ao traslado dun baldaquino á capital e morreron polo menos sete persoas. El Miño foi moi duro coa decisión do Bispado de Ourense e tomou partido polos campesiños.

Armando Fernández Mazas insinúa no seu libro Ourense, Atenas de Galicia que estes sucesos, coma os da Semana Tráxica de Barcelona, castigaron especialmente o liberalismo e que probablemente por este motivo Álvarez de Nóvoa decidise abandonar Galicia.

Marcos Valcárcel, pola contra, sinala que foron razóns de tipo económico as que o levaron a Lisboa e dalí a Río de Janeiro, onde abriu un taller fotográfico. Máis tarde establécese en Buenos Aires onde funda La Voz de Galicia.

De volta en 1915 inicia a publicación do diario La Voz Pública, que viña a cubrir o oco deixado por El Miño en decembro de 1913. Por problemas de saúde ten que recluírse con frecuencia na súa casa de Gustei. Alí escribe obras dramáticas como La titiritera e Campos de soledad.

Aínda así, Álvarez de Nóvoa xunta forzas para insistir nunha nova campaña de prensa, esta vez, contra os dirixentes do Ateneo fundado no Instituto en 1914 facendo escarnio especialmente do seu impulsor Antonio Gaite. Álvarez de Nóvoa critica a estreitez de miras dos ateneístas e defende a necesidade dunha nova sociedade cultural que permita a entrada e promoción dos artistas máis novos.

26 jun 2007

Emily Dickinson & Robert Frost


Xa teño confesado a miña gran devoción polo dúo musical que formaron Paul Simon e Art Garfunkel a finais dos anos 50. Primeiro coñecín as súas melodías e pouco a pouco puiden comezar a apreciar o valor artístico das súas letras. Moitas das súas cancións, agás as dos inicios, non contan para nada as tópicas historias de amor adolescente non correspondido, o amor ausente ou o non-sei-que-será-de-min-sen-ti. Esconden significados ás veces escuros coma se fosen poemas de Dylan Thomas, denuncias sociais, ironías sutís, etc.

Paul Simon, compositor da música e creador das letras de todas as súas cancións volcou ademais nelas algunhas das súas máis reiteradas referencias literarias. The Dangling Conversation, incluida no álbum Parsley, Sage, Rosemary and Thyme de 1966, é unha canción que fala da alienación, da vida superficial e da distancia abismal que separa unhas persoas doutras, un dos temas favoritos de Simon. Nunha liña da canción refírese a dous dos autores máis relevantes da literatura norteamericana: Emily Dickinson e Robert Frost.

Emily Dickinson (1830-1886) foi unha poeta descoñecida na súa vida pero que sen embargo forma con Walt Whitman o dúo de líricos máis importantes do século XIX norteamericano. Pasou case toda a súa vida recluída nunha pequena vila de Massachussets. Dos case dous mil poemas que escribiu tan só un feixe deles foron publicados de xeito anónimo. Destaca o lirismo sinxelo das súas composicións e o seu estilo libre. Hai quen ten feito comparacións con Rosalía de Castro tanto pola súa vida como pola súa obra. Apenas dez meses separan a morte dunha e doutra.

Robert Frost (1874-1963), pola contra, recibiu en vida moito máis recoñecemento. Gañou o Premio Pulitzer en catro ocasións e foi invitado a ler un poema na toma de posesión do presidente John F. Kennedy. A súa poesía reflicte o amor pola natureza, a liberdade e a vida sinxela do campesiño norteamericano.

19 jun 2007

Papá, por que somos do Celta?


Hoxe mesmo tiven que responder a unha pregunta semellante.

Un alumno meu, de tan so 7 anos de idade, chamado Mario, de Vilagarcía de Arousa, confesoume, coa cara moi apenada, que pasara toda a noite do domingo sen durmir por mor do descenso do Celta. Eu expliqueille que ser do Celta é algo especial, que tanto ten se estás en Primeira en Segunda ou onde sexa. Ti es do Celta e tes que estar orgulloso delo. Eu tamén son, sempre o serei. Estou triste pero alegráme tanto ver nenos coma ti... Ánimo, antes de que ti naceras houbo xogadores extraordinarios que nos facían ferver de emoción: Gudelj, Mazinho... Saían ao campo e todos sabiamos que iamos ficar abraiados. Ti es moi novo, voltarás a ver o Celta entre os mellores, antes ou despois, e sentirás o orgullo de pertencer a unha grande familia, unha familia da que ti es unha parte importante. Mario, ti es o futuro do celtismo e esa camiseta que levas, incluso hoxe despois de dous días soportando as burlas dos madridistas de folla de lata, é parte dun soño compartido por moita xente. Sempre Celta.

16 jun 2007

Sons africanos


Ás veces a un dalle por revolver entre as vellas cousas acumuladas, os vellos libros, os vellos discos cheos de po, aí agardando a ser de novo rescatados do esquecemento. Así caeu hoxe nas miñas mans este CD de hai case 15 anos e non puiden evitar lembrar o asombro que sentín ao escoitar por primeira vez a marabillosa voz de Lokua Kanza, un congolés asentado en Francia, que comezaba entón en 1993 a súa carreira e que hoxe é un dos máis célebres músicos daquel continente. Despois deste disco de debut publicou outro titulado Wapi Yo, unha nova mostra do seu enorme talento. Cando estés farto de escoitar a mesma música deberías abrir a túa xanela e deixar entrar aire novo no teu cuarto, coma a música de Lokua Kanza, que revitaliza e abre a túa mente.

4 jun 2007

Ourense desde o ceo


A cidade de Ourense foi unha das elixidas pola compañía Microsoft para o seu proxecto de fotografía aérea. O seu programa Windows Live Local permítenos facer unha asombrosa viaxe por toda a cidade. Eu capturei esta imaxe do casco vello na que podemos ollar algúns dos lugares máis singulares de Ourense: As Burgas, A Catedral, a Praza Maior, a Praza de San Martiño, a Igrexa de Santa María Nai, a Igrexa de Santa Eufemia, a Praza do Trigo, os Xardíns do Bispo Cesáreo, o Liceo, etc. Tanto en tan pequeno espazo. Marabillas do noso benquerido Ourense, aínda descoñecido mesmo entre moitos galegos.