26 jun 2007

Emily Dickinson & Robert Frost


Xa teño confesado a miña gran devoción polo dúo musical que formaron Paul Simon e Art Garfunkel a finais dos anos 50. Primeiro coñecín as súas melodías e pouco a pouco puiden comezar a apreciar o valor artístico das súas letras. Moitas das súas cancións, agás as dos inicios, non contan para nada as tópicas historias de amor adolescente non correspondido, o amor ausente ou o non-sei-que-será-de-min-sen-ti. Esconden significados ás veces escuros coma se fosen poemas de Dylan Thomas, denuncias sociais, ironías sutís, etc.

Paul Simon, compositor da música e creador das letras de todas as súas cancións volcou ademais nelas algunhas das súas máis reiteradas referencias literarias. The Dangling Conversation, incluida no álbum Parsley, Sage, Rosemary and Thyme de 1966, é unha canción que fala da alienación, da vida superficial e da distancia abismal que separa unhas persoas doutras, un dos temas favoritos de Simon. Nunha liña da canción refírese a dous dos autores máis relevantes da literatura norteamericana: Emily Dickinson e Robert Frost.

Emily Dickinson (1830-1886) foi unha poeta descoñecida na súa vida pero que sen embargo forma con Walt Whitman o dúo de líricos máis importantes do século XIX norteamericano. Pasou case toda a súa vida recluída nunha pequena vila de Massachussets. Dos case dous mil poemas que escribiu tan só un feixe deles foron publicados de xeito anónimo. Destaca o lirismo sinxelo das súas composicións e o seu estilo libre. Hai quen ten feito comparacións con Rosalía de Castro tanto pola súa vida como pola súa obra. Apenas dez meses separan a morte dunha e doutra.

Robert Frost (1874-1963), pola contra, recibiu en vida moito máis recoñecemento. Gañou o Premio Pulitzer en catro ocasións e foi invitado a ler un poema na toma de posesión do presidente John F. Kennedy. A súa poesía reflicte o amor pola natureza, a liberdade e a vida sinxela do campesiño norteamericano.

7 comentarios:

Roque Soto dijo...

Eu ando a buscar a Emily, pero aínda non atopei a esta dona.

David Paz Nóvoa dijo...

Si, señor. Fermosa canción esa tamén. Houbo un tempo en que todos buscamos a nosa Emily:
I held your hand...

bouzafria dijo...

Debería estar penada con cadea os estúpidos plaxios que algúns fan: Doíame a cabeza cada vez que escoitaba a "Hombres G" asasinar a "At the zoo".
Por certo, cando eu falo de Paul Simon en solitario pronuncio: "saimon", pero cando está en compaña digo: "simón e garfunkel". Curioso; como o de dicir "Kirk duglas" e "Maikel daglas". Cousas da miña incultura en idiomas.
Concordo con torredebabel: visitareino. Sempre é unha ledicia atopar "nóvoa" con til. Por certo, ¿ten vostede devanceiros da Peroxa?

David Paz Nóvoa dijo...

Amigo bouzafria, grazas polo teu comentario. Da Peroxa non, pero de ben perto si. O meu bisavó, Pegerto Nóvoa, do que teño escrito algo neste blog, era de Coles, exactamente de Santa María da Barra, un lugar moi fermoso.
Saúdos.

bouzafria dijo...

Nas miñas pescudas pola vía da árbore xenealóxica atopei moitos nóvoa ou nóboa na parroquia de San Vicente de Graíces, A Peroxa. Fico a túa disposición se te interesa o tema.

David Paz Nóvoa dijo...

Moitas grazas, bouzafria. Os datos que teño da miña familia chegan até os pais dos meus tataravós:

Meu avó: Alfredo Nóvoa Castro (1919-1988)
Meu bisavó: Pegerto Nóvoa Álvarez (1892-1966)
Meu tataravó: José Nóvoa Gómez (1859?-1934). Morreu na Barra (Coles) e casara con Manuela Álvarez González (1858-1941) de Vilarrubín (A Peroxa).
O pai de meu tataravó: José Nóvoa Cao.

Por suposto que agradezo calquera información sobre este asunto. Non o dubides. É un tema apaixonante este da xenealoxía.

bouzafria dijo...

Os meus antepasados Nóvoa son (coa numeración da árbore):
6. José Nóvoa Vázquez (1896-1982);
12. Manuel Nóboa López (1858-1929);
15. Manuela Fernández Nóvoa (1853 -?)
24. Antonio Nóboa de Castro (¿-1869)
31. Juana Nóboa Rodríguez ( ¿-1901)
62. Domingo de Nóboa Gómez(¿-1841)
48. Antonio Nóboa Albarado (¿-1828)
50. José López Nóboa (¿-1862)
96.Francisco Nóboa de Costela (¿-1779)
101. Manuela Nóboa (¿-?)
124. José Nóboa de Costela (¿-?)
192-248.Cristóbal de Nóboa (¿-1771)

Todos estos datos foron sacados dos libros diocesáns de San Vicente de Graíces.
Saúdos.