Mostrando entradas con la etiqueta Portugal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Portugal. Mostrar todas las entradas

1 jul 2009

Suecia e o sueco


Quizais se trate do país de moda en Europa. Non sei, polo menos anda na boca de todos. Como sempre, é pouco o que coñecemos daquela nación. Xa o dicían hai tempo Os Resentidos: Que sabemos de Albania? Pois de Suecia pouco máis. Si, as caravanas de galegos cara o Ikea de Matosinhos e Stieg Larsson nos escaparates das nosas librerías; tamén Henning Mankell e o seu detective Kurt Wallander, e se imos máis alá na memoria os Premios Nobel e a primeira escritora que o recibiu, Selma Lagerlöff, autora daquel fermoso conto dun neno chamado Nils Holgersson que voaba ao lombo dun ganso e coñecía desde o ceo todas as terras e marabillas do país. Todos temos na cabeza esa ilustración. De cinema habería para falar algo máis.

Visitei Estocolmo alá polo ano 1995. Chegar ao amencer dunha mañá de xullo despois dunha longa viaxe en tren resultou marabilloso. Aínda teño grabado na memoria ese conxunto fermoso de pequenas illas e amplas pontes: Gamla Stan, o zoo de Skansen, as vistas desde a casa do Concello. Estocolmo é unha das cidades máis atractivas do continente.

Suecia asume hoxe a presidencia da Unión Europea coas vistas postas, segundo as axencias de noticias, na crise económica, o desemprego e a loita contra o cambio climático. Os suecos parecen ter as cousas claras. Que envexa! A súa lingua non chega aos dez millóns de falantes pero aínda así superan en número ao noruegués e ao danés e é a lingua predominante en Escandinavia. Os suecos non poden nin imaxinar que se poida ir contra a cultura propia e menos que iso signifique "progreso". Ben, tampouco os daneses e os noruegueses conciben tal disparate nin ninguén que teña a cabeza no seu sitio.

Ademáis da presidencia europea, hoxe entra en vigor unha nova lei que ven reforzar o papel do sueco na sociedade daquel país. Non hai nada como ter un estado detrás que lexisle para salvagardar o patrimonio lingüístico e cultural. Nós non o temos. Poderíamos pensar que se trata dunha medida uniformizadora pois en Suecia existen tamén linguas minoritarias. Pois non, segundo a lei, estas linguas coma o lapón —con apenas 35.000 falantes— ou o meänkieli —con 60.000— teñen que ser protexidas e promocionadas. E trátase dunha lei estatal!

Entre o galego e o portugués hai máis de 200 millóns de falantes no mundo. Que pensarían os suecos, os daneses e os noruegueses deses galegos e non galegos que cheos de rancor afirman que a nosa lingua non ten futuro, estorba e hai que apartala do sistema educativo?

Que o que vale é o inglés? Si, o inglés é moi importante. Todos os suecos falan inglés, porque polo momento non se ten demostrado que saber sueco e saber inglés sexa incompatible. Como non é incompatible saber galego, castelán e inglés, tres linguas que eu, ourensán de nacemento, domino, e perdón pola vaidade.
Como curiosidade final cómpre sinalar que o citado Henning Mankell pasa a maior parte do ano traballando nun teatro de Maputo (Mozambique), onde, é curioso, o portugués é a lingua oficial e a que cultivan escritores coma Mia Couto e Ungulani Ba Ka Khosa. Ás veces é lóxico que non nos entendan.

12 may 2008

O editor Miguel Torga


Falar de Coimbra tamén é falar do doutor Adolfo Correia Rocha (1907-1995), quen un día de 1934 desvela ao mundo o pseudónimo Miguel Torga: Miguel en lembranza de Cervantes e Unamuno; e Torga pola denominación trasmontana das urzes, as flores silvestres que xorden con facilidade. Vencellaba así o seu iberismo cun profundo sentido de pertenza á terra e á xente.

Torga foi sempre o editor dos seus libros. Esas edicións económicas aínda están a venda hoxe por todo Portugal. Teñen unha presenza rústica e diáfana: o título, o volume, a edición e a palabra Coimbra na parte inferior. Convén usar un abrecartas para, con paciencia, separar ben as follas dos pregos que compoñen o libro. So despois desta disección é que podemos desfrutar da obra.

O seu diario está composto por dezaseis volumes publicados entre 1941 e 1993. Neles intercálanse experiencias, reflexións persoais e tamén poemas, pois Torga foi entre moitas cousas un gran poeta.

Neste cuarto volume do seu diario, de 1946 a 1949, hai poemas ben fermosos pero quixera rescatar un breve fragmento moi significativo:


Coimbra, 30 de Janeiro — Mataram Gandhi, a tiros. Houve un homem na Índia capaz de puxar ao gatilho contra a própria alma! A mercadora mas tolerante Inglaterra, se acaso o não entendeu, pelo menos respeitou sempre aquela vida que, mal entrava em jejum, fazia estremecer a terra. O fanatismo religioso, esse pôde alvejar a luz, e apagá-la! Não havia no mundo quem merecesse menos do que o Mahatma a violência brutal de um assassínio. O seu apostolado foi a expressão mais alta que se viu até hoje da intangibilidade da pessoa humana. O próprio Cristo pegou num chicote, e apensou à sua pregação de amor o rabo-leva de uma agressão. Gandhi, nesse caminho, foi o primeiro a conservar intacta a beleza da sua doutrina. Era um Sócrates da acção. E, exactamente como o Grego, morreu á mão dos contrários. O filósofo do justo bebeu a cicuta da injustiça; o resistente de mãos caídas tombou varado de balas. Mas, da mesma maneira que Atenas, matando Sócrates, lhe deu razão, também a Índia, assassinando Gandhi, lha dá. A justiça não ficou do lado da cicuta, nem a resistência há-de ficar do lado das pistolas. O mal de quem apaga as estrelas é não se lembrar de que não é com candeias que se ilumina a vida.

8 may 2008

A Universidade de Coimbra


A Universidade de Coimbra ten visto pasar polas súas aulas aos portugueses máis destacados e influíntes dos últimos catrocentos anos. Falamos de escritores como Eça de Queirós, Antero de Quental, Luis de Camoes, Almeida Garrett, Miguel Torga, Mario de Sá Carneiro, ou Vergílio Ferreira, de científicos como Egas Moniz, Premio Nobel de Medicina en 1949, o mesmo ano en que o Zeca Afonso matricúlase na Facultade de Letras. Pola Universidade pasaron tamén os que levaron as rendas do país como o Marqués de Pombal, Teófilo de Braga, Bernardino Machado, Sidónio Pais, Manuel Alegre ou o mesmo Antonio de Oliveira Salazar.
Na fotografía tomada o pasado día 2 de maio pódese ver o Paço das Escolas coa torre universitaria á esquerda, a Reitoria e Facultade de Dereito no centro, e o paso á Porta Férrea á dereita.

5 may 2008

Coimbra sobre o Mondego


De Coimbra xa so lembraba o Portugal dos Pequenitos e pouco máis pero estes días de maio revisitei a fermosa cidade universitaria e atopeina ateigada de estudantes e de turistas. Os turistas estaban a subir sen folgos a rúa de Quebracostas. Os estudantes, en cambio, estaban de festa pois desde 1899 celébrase por estas datas a Queima das fitas. Os que se gradúan queiman os distintivos de cada facultade e a Associação Académica de Coimbra organiza unha grande festa que dura varios días, un por cada facultade.

A Universidade é probablemente o lugar máis relevante da cidade. Sitúase sobre un promontorio desde o que hai boas vistas sobre o río Mondego. Outros lugares de interese son a porta e torre da Almedina, o Xardín Botánico e o Museu Nacional de Machado de Castro.

13 feb 2008

O Regicídio


En Portugal andan a lembrar estes días un episodio moi importante da súa historia contemporánea, o Regicídio do 1 de febreiro de 1908 no Terreiro do Paço (Lisboa). O rei Carlos I e o infante Luis Filipe foron asasinados na famosa praza lisboeta hoxe chamada do Comércio. É pois o centenario daquela data e as livrarias, como aqui coa lembranza da guerra do francés, amosan nas súas montras as novidades editoriais que revisan o contexto histórico e político daquel feito. Estou a ler un deses libros, que merquei no Porto. Titúlase Regicídio: A contagem decrescente e o seu autor é Jorge Morais.

Hai grandes paralelismos na historia de comezos de século de España e Portugal. O sistema canovista de alternancia entre partido conservador e partido liberal, coas súas diferenzas, é denominado alí rotativismo, co partido regenerador e o partido progressista, pero ven sendo o mesmo tinglado caciquil que garantía sempre a vitoria do partido no goberno. Nada que non coñezamos aquí.

A monarquía constitucional vivía un crecente desgaste político debido aos profundos problemas sociais e económicos que o país arrastraba. Aquí Alfonso XIII, alí Carlos I. Gran Bretaña presionaba desde 1890 co seu Ultimato sobre as colonias portuguesas de Angola e Mozambique alimentando o patriotismo fervente dos portugueses. De seguida pensamos nós en 1898, Cuba e Filipinas, Estados Unidos...

Chegado o momento o rei portugués decide confiar nun político para que goberne sen a atadura dun parlamento indomable, João Franco (Franco ademais!). Salvando as distancias un non pode de novo esquecer o paralelismo co xeneral Primo de Rivera. Nos dous casos a decisión de apoiar unha dictadura vai determinar o final da monarquía, sen embargo, é aí está a gran diferenza, en Portugal será co asasinato primeiro do rei en 1908 e coa revolución de outubro de 1910 que implanta a República Portuguesa.

24 ago 2007

O soño profético do rei


Trato de aproveitar estes últimos días de vacacións para ler algúns vellos libros e preparar novas viaxes antes da volta ás aulas. Ler é, ao final, emprender un camiño sen máis bagaxe que o desexo de ser seducido polas palabras.

O episodio do sonho profético de Manuel I, o Venturoso, rei de Portugal é un deses que seducen. É un dos máis fermosos do poema Os Lusíadas e chama poderosamente a atención pola súa beleza e fantástica alegoría. Unha noite aparécenselle ao rei os ríos Indo e Ganges que profetizan as grandes conquistas portuguesas que están por vir. Cando o monarca acorda decide reunir os seus conselleiros e preparar a longa viaxe á terra das especias.

Manuel I (1495-1521) foi quen encomendou a Vasco da Gama a tarefa de alcanzar a India ultrapassando o cabo de Boa Esperanza. O Gama partiu en xullo de 1497 e a súa fazaña é o fío deste magnífico poema do que xa teño falado.



Eu sou o ilustre Ganges, que na terra
Celeste tenho o berço verdadeiro;
Estoutro é o Indo, Rei, que, nesta serra
Que vês, seu nacimento tem primeiro.
Custar-te-emos, contudo, dura guerra;
Mas, insistindo tu, por derradeiro,
Com não vistas vitórias, sem receio
A quantas gentes vês porás o freio.»


Não disse mais o Rio ilustre e santo,
Mas ambos desparecem num momento.
Acorda Emanuel cum novo espanto
E grande alteração de pensamento.
Estendeu nisto Febo o claro manto
Pelo escuro Hemisperio sonolento;
Veio a manhã no céu pintando as cores
De pudibunda rosa e roxas flores.


Chama o Rei os senhores a conselho
E propõe-lhe as figuras da visão;
As palavras lhe diz do santo velho,
Que a todos foram grande admiração.
Determinam o náutico aparelho,
Pera que, com sublime coração,
Vá a gente que mandar cortando os mares,
A buscar novos climas, novos ares.


Luis de Camões: Os Lusíadas, Canto IV (74-76)


(Na imaxe, estatua erixida en memoria de Manuel I no Castelo de S. Jorge de Lisboa)

18 dic 2006

Vinte anos sen o Zeca


O próximo 23 de febreiro cumpriranse 20 anos desde que morreu en Setúbal (Portugal) José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos, máis coñecido como José Afonso. Foi sen dúbida o cantor e compositor portugués máis importante da música comprometida e de loita social antes e despois do 25 de abril.

Unha das súas primeiras cancións, Menino do bairro negro, ten unha fermosa letra e foi escrita por José Afonso inspirándose nun barrio marxinado do Porto. Chámanme especialmente a atención os versos "Onde não há pão, não há sossego":

Olha o sol que vai nascendo
Anda ver o mar
Os meninos vão correndo
Ver o sol chegar
Menino sem condição
Irmão de todos os nus
Tira os olhos do chão
Vem ver a luz
Menino do mal trajar
Um novo dia lá vem
Só quem souber cantar
Vira também
Negro bairro negro
Bairro negro
Onde não há pão
Não há sossego
Menino pobre o teu lar
Queira ou não queira o papão
Há-de um dia cantar
Esta canção...

13 dic 2006

Horus protexe a Gulbenkian


Calouste Sarkis Gulbenkian naceu no que hoxe é Turquía en 1869. Foi un empresario de moito éxito no sector petrolífero. En 1928, no reparto da Turkish Petroleum entre as principais petroleiras do mundo soubo reservar para si mesmo o cinco por cento da nova compañía pasando a ser coñecido no mundo dos negocios coma o Señor Cinco por Cento. Esa porcentaxe permitiulle amasar unha fortuna que empregou na súa maior paixón: o colecionismo de obras de arte.

Despois da Segunda Guerra Mundial, Gulbenkian que tiña vivido en Londres e París estableceuse definitivamente en Portugal a onde levou as diversas pezas que foi adquirindo durante a súa vida. Morreu en 1955 e ao ano seguinte naceu en Lisboa a Fundación Calouste Gulbenkian formada hoxe en día por unha serie de museos e centros culturais.


O Museo Gulbenkian, que amosa só a sexta parte de toda a coleción, contén obxectos de moi diversos estilos, épocas e procedencias. Podemos contemplar desde uns marabillosos xarróns da China ata esculturas do Antigo Exipto. Merece a pena deterse nos manuscritos iluminados da Idade Media. Para os amantes da pintura son recomendables algunhas obras dos impresionistas coma Manet ou Degas. Na entrada do complexo poderedes ollar a estatua do fundador protexida por Horus, o deus falcón dos exipcios, en lembranza do Horus do Templo de Edfu.

12 dic 2006

Eléctricos centenarios


Aí vai unha nova postal da vella Lisboa de sempre, a que gardamos na nosa memoria. Nela podemos ollar dous dos famosos eléctricos, aparatos que son testemuña histórica desde hai máis de cen anos do acontecer diario da cidade da luz. Segundo parece, a primeira liña de tranvías inaugurouse no ano 1901 e enlazaba o Terreiro do Paço, hoxe Praça do Comercio, con Algés, localidade moi próxima a Lisboa.

Sempre hai algo de máxico nas cidades que conservan os seus antigos tranvías. En moitos países de Europa é o máis habitual. Forman parte da paisaxe tradicional pero ademais seguen a ser utilizados por propios e alleos. Son respectados e integrados na rede local de transportes.

A fotografía foi tomada o pasado 7 de decembro no Largo de Camões, unha praza na que se veñen encontrar o Chiado e o Bairro Alto e que lembra ao grande escritor portugués.

11 dic 2006

A epopeia lusa


Aínda que xa o lin na miña adolescencia, alá polo 1989, tiña gañas de lelo mais uma vez e por iso merquei en Lisboa unha edición sinxela e moi didáctica de Os Lusíadas, curiosamente a mesma edición que me fixera disfrutar hai máis de quince anos.

O poema épico escrito por Luis de Camões en 1572 é unha celebración renacentista do nacemento dunha nación ao estilo das magnas historias gregas e romanas pero co descobrimento das novas rutas cara a India como telón de fondo narrativo. O heroe non é nin Ulises nin Eneas senón o propio pobo portugués, os lusos, os lusitanos. O navegante Vasco da Gama ten, iso si, un papel fundamental, levou a Portugal máis alá do Cabo de Boa Esperanza. O paganismo clásico é substituido aquí pola cruzada cristiá e a conquista de novas terras. Todo en conxunto fai de Os Lusíadas unha epopeia moderna e fundamentalmente patriótica.

O poema está dividido en dez cantos e 1102 estrofas que son octavas decasílabas. Non todos os cantos teñen o mesmo número de estrofas pero hai certa regularidade. No inicio o autor prega ás musas pola inspiración necesaria para levar adiante o canto patrio.

Non se coñece apenas nada da vida do autor pero é probábel que fose de orixe galega, dunha familia establecida en Chaves. Algúns estudiosos de Camões, porén, sitúan o seu nacemento na mesma Lisboa. Alén das disquisicións sobre o lugar de nacemento merece sobre todo a pena disfrutar dun monumento literario tan destacado.

Laranxas en Lisboa


Portugal é un país capaz de ofrecer as imaxes máis estranas. Lisboa, a súa capital, é unha cidade que paga a pena visitar, mesmo se está ateigada de turistas madrileños e andaluces con aires de suficiencia.

Entre o barrio da Baixa e o Chiado érguese o elevador de Santa Justa que transporta os peóns cara o Largo do Carmo. Ademais, na cima do elevador, hai un pequeno mirador desde o que se pode contemplar toda a cidade. Regateando entre os turistas tomei esta curiosa fotografía: unha cestinha de laranxas e ao fondo a fermosa praza do Rossio ou praça de Pedro IV, primeiro Imperador do Brasil e neto de Carlos IV de España.

17 ago 2006

Porto vivo


Unha visita á cidade do Porto resulta sempre reconfortante. É un lugar verdadeiramente atractivo e cheo de vida, atravesado por amplas rúas comerciais e ben provisto de bonitos parques e museos.
O entorno do río Douro formado polo tradicional barrio da Ribeira, declarado Patrimonio da Humanidade en 1996; a ponte de Luis I deseñada por un discípulo de Eiffel; e as caves do vinho do Porto xa no concello de Vila Nova de Gaia ofrece un lugar de lecer fantástico e certamente fermoso. Os barcos rabelos, que se encargaban de transportar o vinho desde as quintas da Ribeira do Douro ás caves de Gaia, serven hoxe para levar os numerosos turistas de excursión río arriba.
Completamos o paseo vespertino cunha visita ás caves da Offley, unha casa inglesa como a grande maioría das que se veñen adicando a comercializar o vinho do Porto desde hai séculos. No final da visita, nunha longa mesa e entre grandes bocois de madeira de carballo, puidemos probar dúas modalidades de Porto, un branco aperitivo coñecido como Lacrima e outro tinto dixestivo chamado Ruby moi apropiado para sobremesas como tarta de mazá ou crema de queixo. Ademais mercamos unha botella de Porto Tawny, un tipo de vinho que envellece durante un certo tempo en madeira e que adquire polo tanto un sabor diferente.