De Coimbra xa so lembraba o Portugal dos Pequenitos e pouco máis pero estes días de maio revisitei a fermosa cidade universitaria e atopeina ateigada de estudantes e de turistas. Os turistas estaban a subir sen folgos a rúa de Quebracostas. Os estudantes, en cambio, estaban de festa pois desde 1899 celébrase por estas datas a Queima das fitas. Os que se gradúan queiman os distintivos de cada facultade e a Associação Académica de Coimbra organiza unha grande festa que dura varios días, un por cada facultade.
A Universidade é probablemente o lugar máis relevante da cidade. Sitúase sobre un promontorio desde o que hai boas vistas sobre o río Mondego. Outros lugares de interese son a porta e torre da Almedina, o Xardín Botánico e o Museu Nacional de Machado de Castro.
2 comentarios:
Penso que seria interesante falar do efecto que causou a apertura dos dous centros comerciais ("Dolce Vita" e outro á entrada), na zona vella, co peche motivado dos locais comerciais, unha cidade de menos de 100.000 habitantes, creo que debería procurar que esas zonas tivesen mais uso e xa que logo mais vida, á min polo menos deume pena ver a rúa principal cunhas fachadas fermosas, e uns locais sobordando historia, co cartel de pechado, ou no mellor dos casos con "liquidación por peche".
É un dos tantos lugares con encanto do noso veciño Portugal
Un saúdo
Coincido plenamente contigo, Ánxelis. Penso que en Portugal están a pagar a febre esaxerada polos centros comerciais (os shoppings) iniciada nos anos 90. En Coimbra foi onde máis o notei. Para quen non o coñeza, o centro comercial Fórum, ao outro lado do río, é unha inmensidade que absorbeu a un enorme número de lojas. Van miles e miles de persoas alí cada día. E xa resulta moi complicado atopar un restaurante no centro histórico porque están case todos no Fórum.
En Aveiro máis ou menos sucede o mesmo co seu Fórum no medio e medio da pequena cidade.
Ademais hai unha proposta na Asamblea da República para permitir que os hipermercados poidan abrir desde as 6 de mañá até as 12 da noite. En fin...
Saúdos.
Publicar un comentario