Vilagarcía segue aínda conmocionada polo asasinato do pasado domingo. E digo asasinato porque iso é o que realmente foi, na miña opinión. O rapaz Manuel Abalo, arousán de 23 anos, foi atropelado no centro da vila por un terrorista que ía circulando a máis de 100 km/h.
Eu, verdadeiramente, non estou moi sorprendido. O que me chama a atención é a total impunidade con que cada fin de semana veñen sucedendo feitos semellantes. Atravesar unha rúa desta vila un sábado ás doce da noite, poñamos por caso, resulta moi perigoso. Sen embargo, nunca percibín alarma entre os veciños. Claro, até que sucede algo como o deste rapaz, agora si. Había que pensalo antes.
En Vilagarcía hai moitos pasos de peóns e rotondas e moi poucos semáforos. Eses pasos de peóns, como o da Avenida da Mariña que separa as dúas zonas de marcha nocturna desta vila, son auténticas trampas mortais. Calquera vilagarcián pode contar experiencias de coches que os estiveron a punto de atropelar, na rúa Edelmiro Trillo, en Rodrigo de Mendoza, en Doutor Tourón, etc. E iso a pesares de que moitos pasos foron elevados nos últimos anos para facer reducir a velocidade dos vehículos. Algúns necesitan que lles poñan un muro.
Pero habería que ir aínda máis alá. Rapaciños co carné recén conseguido e coches de alta cilindrada (audis, bemeuves, mercedes, etc.) é unha combinación máis que habitual nesta comarca polo que todos sabemos. E esa mestura tamén é unha trampa mortal... mais mortal para os inocentes que camiñamos pola rúa. Disto é do que habería que falar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario