30 may 2008

Gasol, a peza que faltaba en LA


Cando pasen os anos decatarémonos do extraordinario xogador que era Pau Gasol.
Esta temporada tocoulle a lotería. Deixou uns afundidos Memphis Grizzlies, afeitos a enlazar derrota con derrota, sen visos de cambio, sen ilusións, sen respeto pola súa estrela, por uns Lakers nos que encaixou coma peza perfecta do crebacabezas deseñado por Phil Jackson. Aos Lakers, con Gasol, tamén lles tocou a lotería. Era o peón que lles faltaba aos californianos despois da baixa do novato Andrew Bynum. A estrela Kobe Bryant ficou encantado coa incorporación. Os de ouro e púrpura, grazas a Gasol, pasaron de ser posible aspirante a playoffs a candidato número un ao anel da NBA. E vanse cumprindo os pronósticos. Ata este ano Gasol nunca gañara un partido de playoff e nesta temporada leva 12 victorias e so 3 derrotas, sen ceder ademais ningún xogo no Staples Center de Los Angeles. Os seus números son moi bos: 17,7 puntos, 8,9 rebotes e 4,2 asistencias. Foi duro defender na final de conferencia a Tim Duncan, dos Spurs, pero aprobou con nota. No partido de onte colleu 19 rebotes!
Por diante ten Pau Gasol o maior reto de todos: a gran final da NBA. Gasol e os seus agardan rival entre os Detroit Pistons e os Boston Celtics. Moitos desexamos unha final contra estes últimos para facer lembrar aqueles grandiosos partidos Lakers-Celtics da época de Magic Johnson e Larry Bird, os primeiros tempos que un recorda ver a NBA en televisión hai máis de 20 anos.

No hay comentarios: