14 may 2008

Álvarez Blázquez, ornitólogo


Lendo os poemas de Xosé María Álvarez Blázquez queda claro que este home era un grande amante dos animais, especialmente dos paxaros. Nas súas poesías abundan os fermosos nomes galegos das diversas aves que podemos atopar polo país: o vilorico a camiñar polas ribeiras salgadas, o paporrubio orgulloso da cor xeitosa do seu peito ou a bubela coa súa simpática crista de plumas chamativas. Tamén hai sitio para a cotovía, o ferreiriño, o merlo, o reiseñor, a galiñola, o verderol, o cuco, o moucho ou a curuxa de inquietante mirada nocturna.
Ademais de todas as aves que xorden nas poesías de Álvarez Blázquez cómpre sinalar que a súa narración máis coñecida leva por título A pega rabilonga. Non se trata dun relato para nenos. Conta a historia dunha fidalga viúva que perdeu todas as antigas riquezas e que fai moi boas migas cun paxaro moi especial:


"Dende o primeiro día xa lle chamou señora Marica e tamén dende o primeiro día a pega atendeu polo nome. Era aínda moi nova; non tería máis de tres meses, e viña cunha fame condanada. Misia Catalina púxulle uns pauciños atados con fitas na pata crebada, fíxolle unha cama de trapos nun escriño vello, e, namentras o paxaro non se poido erguer e manterse firme, dáballe alí de comer."


(Orixinalmente publicado no Caderno do Arealonga.)

No hay comentarios: