4 abr 2008

Cultura e Natureza

É amplamente sabido que Vicente Risco foi o descubridor en España do poeta bengalí Rabindranath Tagore, premio Nobel de Literatura en 1913. Foi a finais dese ano cando Risco impartiu unha conferencia sobre Tagore no Ateneo de Madrid cando Tagore era un completo descoñecido. Esa admiración primeira desapareceu en 1930 ao asistir Risco a unha conferencia do escritor bengalí na Universidade de Berlín.
Para Risco, que durante toda a súa vida declarou o seu fervor orientalista e a súa crítica ao mundo moderno, Tagore tiña que ser unha figura chamativa pois sempre foi defensor do espírito e a natureza. Ademais Tagore, que non so foi poeta senón tamén educador, filósofo, músico e pintor, formulou con frecuencia opinións sobre a relación entre Oriente e Occidente. E precisamente a estas opinións fai referencia Vicente Risco nun artigo publicado nas páxinas literarias do diario Galicia a comezos de 1925.


"CULTURA E NATURA
Na primeira conferencia das que compoñen o seu libro "Sadhana (The realisation of life)", o gran poeta e pensador indo Rabindranath Tagore ten un geito moi inteligente de caraiterizal-a civilización ocidental, seja europeia, ou euramericana, n-estas verbas: "O Oeste parece acharse soberbio de pensar qu' está subjugando á Natureza, coma s'estiveramos vivindo n-un mundo nemigo, onde tiveramos qu'arrincal-o que precisamos d'un estrano e mal disposto arranjo das cousas. Iste sentimento é o produto dos muros das cidades, hábito e educación da mente. Porque na vida da cidade, o home, naturalmente, dirige a luz concentrada da súa visión mental sobr'a sua propria vida e obras, e isto crea unha artificial disociación antr'il e a Natureza universal no seio da que vive".
É certo. A Europa concibe a civilización com'o trunfo do home sobr'a Natureza. Os filósofos ten estabelecido, e agora no noso tempo vólvese repetir d'abondo, a oposición: "Cultura-Natura". A filosofía foi de cote, na Europa, antropocéntrica, mais iste antropocentrismo, iste humanismo absoluto na conceición do mundo, do pensamento e da vida, acentuouna sobre todo a filosofía racionalista post-kantiana. E agora din que volve, hoje, ao dia seguinte de a cencia positiva ter mostrado ben a dependenza na que o home, ser como outros seres parte da Natureza, achase respeito da Natureza qu'o arrodeia, e qu'il mesmo leva adentro de si... Mais il arredase, alá na sua ideia da Natureza, érguese idealmente por riba d'ela e estabelece a dualidade do seu eu coma potenza, por frente o mundo d'afora, a Natureza, que considera apenas com'unha resistenza que s'opón á sua aición."

Galicia, 11 de xaneiro de 1925.
.
No resto do artigo Risco quere combater esta filosofía admitindo que xa que a síntese do dualismo Cultura-Natura non semella posible, mellor sería a adaptación intelixente do home ao medio natural. Esta opción lévalle a formular unha concepción "ruralista" da civilización que, segundo Risco, Galicia e os países célticos encarnarían mellor que ninguén e que Portugal quizais estaría chamado a "espallar polo mundo esta boa nova".
-

No hay comentarios: