28 jul 2006

O que parece e non é


Hai xa máis de dez anos, na miña etapa universitaria no País Vasco, elaborei un breve traballo de investigación sobre Falso culpable (The Wrong Man, 1956), un dos filmes menos coñecidos de coñecidísimo Alfred Hitchcock. O protagonista era o fenomenal actor Henry Fonda, a quen debemos algunhas das mellores interpretacións que temos visto xamais na gran pantalla. O filme estaba baseado en feitos reais e sorprendeu a Hitchcock cando os leu na revista Life. Era o típico caso da confusión de identidades, un asunto polo que Hitchcock sentía especial atracción e que plasmou nalgunhas das súas películas como Coa morte nos talóns (North by Northwest, 1959). Naquela historia mesturábanse criminais e espionaxe, neste caso un honrado pai de familia é confundido por un perigoso ladrón e criminal e por casualidades ben fatídicas acaba na cadea mentres a súa muller remata nun hospital psiquiátrico trastornada pola situación.
É unha película que vale a pena ver aínda que non ten moito en común co resto dos filmes do director británico. Non hai nin intriga nin suspense, o filme mantén un tono serio e sobrio xa desde a presentación que fai o propio Hitchcock. Se Henry Fonda está fantástico como Manny Balestrero o personaxe da súa dona atacada polos nervios é un fantástico traballo de Vera Miles, outra loira que obsesionaba a Hitchcock.

No hay comentarios: