22 jul 2008

Cabelo de cenoria


Cabelo de cenoria (Poil de Carotte) é o título da novela máis famosa de Jules Renard (1864-1910), publicada en 1894. Xira en torno á complexidade das relacións familiares e ao que se ten chamado "a infancia roubada". Cabelo de cenoria é un neno a quen seus pais chaman dese xeito polo seu aspecto físico e nunca polo seu verdadeiro nome. A nai é unha déspota, escraviza ao rapaz e búrlase dos seus pensamentos. O neno, pouco a pouco, vai asumindo o seu rol e so pensa en como sofrer o menos posible e evitar as labazadas da súa nai.
Julien Duvivier realizou a súa persoal adaptación cinematográfica da novela en 1932 (xa fixera a versión muda en 1925). A estrutura da novela, unha cadea de breves viñetas sobre a vida cotiá da familia Lepic, non se axustaba ben ao formato cinematográfico de presentación, nó e desenlace. Por iso Duvivier teceu esas viñetas nunha trama que conduce a Poil de Carotte á súa rebeldía final, o intento de suicidio, e á salvación polo pai. O momento álxido chega cando Poil de Carotte confesa que, despois de moito meditar, sabe que xa non quere á súa mamá. O pai, esmorecido, respóndelle: "E eu? Cres que eu a quero?".
Este filme foi proxectado en maio de 1953 no Cine Avenida de Ourense nunha sesión organizada polo primeiro cineclube que houbo na nosa cidade. Aquela nova sociedade quería rescatar para todos os afeccionados ourensáns as obras mestras da sétima arte máis esquecidas ou menos coñecidas. Aínda hoxe merece a pena ler a novela e ollar o filme.

(Na imaxe superior un dos planos finais do filme de Julien Duvivier. Na segunda imaxe a portada dunha edición económica da novela Poil de Carotte.)

No hay comentarios: