1 ago 2014

Coppi, Bartali e unha carreira para un país


Coméntame meu irmán que os libros sobre deporte están a vivir actualmente unha época dourada de vendas e aprecio por parte do gran público. Hai nos andeis das librarías biografías de grandes deportistas, monográficos sobre certas épocas máxicas, sobre campionatos mundiais, sobre equipos de lenda, etc. Pois ben, neste xénero deportivo penso que debeu de ser un pioneiro o fulano ao que se lle ocorreu reunir nun volume todas as crónicas que Dino Buzzati enviaba ao Corriere della Sera despois de cada etapa do Giro de Italia de 1949.

Non son especialmente afeccionado ao ciclismo, pero si a Buzzati. E cando souben que a editorial Gallo Nero publicaba unha nova obra de Buzzati non dubidei en adquirila na última Feira do Libro de Madrid. Polas miñas mans xa pasaron as tres antoloxías de relatos que publicou Acantilado, e, como non, o Deserto dei Tartari, pero un libro sobre o Giro? Nin o imaxinara.

É marabilloso como Buzzati nos conta esa épica do vello ciclismo, das estradas poeirentas do Sur e enchoupadas do Norte, e dos homes coa cara cuberta de lama, desas enormes montañas dos Alpes e dos Dolomitas ou das fermosas paisaxes de Calabria ou do Véneto, das mozas bonitas nos balcóns da Italia meridional, dos vellos sabidos de todo, dos rapaces á caza dun autógrafo. Buzzati fai as crónicas con ese estilo seu entre inocente e trascendental, comparando de xeito voluntariamente esaxerado a Coppi e Bartali con Aquiles e Héctor, sabéndose inexperto en cousas de ciclismo pero sabio en historias e filosofías.

O Giro do 49 significou a victoria de Coppi sobre Bartali. O novo ciclista, moderno, urbano, elegante, sofisticado, derrotaba ao home de campo, rudo, honesto, brusco e forte como unha rocha. Que grandes personaxes para toda unha epopeia.

Ademais, nas crónicas, que supoñemos escritas coa premura e urxencia propias do xornalismo, hai unha continuidade extraordinaria. Por iso a lectura é fluída como un río. E por tras das escapadas e dos pedais, Buzzati tamén nos amosa unha nova idea de Italia e de unha carreira nacional pensada para unificar e vertebrar un país ferido por unha guerra recente. Conmoven as páxinas dedicadas a Monte Cassino, lugar dunha célebre batalla na que morreron 70.000 soldados no ano 1944. Ou as que contan a emoción contida dos cidadáns de Trieste, aínda naquela altura fóra da grande Italia por decisión das potencias gañadoras.

Hai neste libro moito máis que ciclismo, tanto que é posible que defraude a quen só busca un relato ben feito da pugna entre Bartali e Coppi. Para os que buscamos algo máis, estas 25 crónicas son unha delicia que se le no tempo en que apuras o café.

Sobre a chegada da carreira a Trieste, Buzzati escribe o seguinte:

He visto a hombres hechos y derechos secándose los ojos con el dorso de la mano, y se notaba que a través del velo de las lágrimas no veían nada más que manchas confusas que se escurrían frente al glorioso fulgor del sol. He visto a muchachos en motocicleta pasar una y otra vez por delante de nosotros alzando al viento con esfuerzo gigantescas banderas tricolor. He visto a los "cerillas", es decir, a los agentes de policía civil con uniforme azul oscuro de estilo inglés, y a los "boinas rojos" británicos mirándose en torno sin comprender. He visto a una señora anciana que nos saludaba desde un balcón como si fuéramos sus hijos mientras ponía en el gramófono esa vieja canción, ¿se acuerdan?, esa que dice: "Oh, Italia, Italia de mi corazón", y la voz ronca del disco se propagaba por la calle acallando misteriosamente el estruendo de los coches y atenazando los corazones con crueldad.

Dino Buzzati: El Giro de Italia (Gallo Nero, 2014)

(Na imaxe, Fausto Coppi por diante de Gino Bartali nunha etapa de montaña do Giro de Italia de 1949)



No hay comentarios: