31 jul 2009

A Acrópole desde Filopappos


A estampa máis famosa da cidade: A Acrópole, vista desde o outeiro e monumento de Filopappos.

Á tardiña, ou pola fresca como diría miña avoa, despois de fuxir da calor saboreando uns frappés —esa combinación de café, leite e xeo que os gregos adoran— tomamos o camiño que leva ao cerro das Musas. A poucos metros do comezo da subida e baixo o constante ruído das cigarras ollamos a suposta cela de castigo na que Sócrates agardou a orde de beber a cicuta. Seguimos polo camiño entre as oliveiras até chegar á cima, onde se eleva o citado monumento do ano 116 d.C. O senador romano Gaius Julius Antiochus Filopappos foi un grande admirador da cultura clásica grega e cando se retirou instalouse en Atenas, onde morreu.

Desde este prodixioso lugar pódese ollar non so a Acrópole e os arcos do teatro de Herodes Ático ao seu pé, senón que tamén, mirando cara o sur, albíscase o porto do Pireo, o Atlántico e as illas de Aegina e Salamina.

30 jul 2009

O Teatro de Dionisos


A Orestíada de Esquilo, a Antígona de Sófocles e a Medea de Eurípides son tres monumentos do teatro clásico grego. Estas traxedias, coma o resto das creadas polo trío xenial de dramaturgos, están moi vencelladas co lugar da fotografía: o Teatro de Dionisos.

Ao pé da Acrópole, na súa cara sur, aínda permanecen os restos da reconstrucción en época romana do vello teatro. Probablemente o recinto foi construido orixinalmente no século VI a.C. en forma de U e sobre plataformas de madeira.

Dionisos, un dos doce olímpicos, era o deus do viño pero tamén do teatro. Os Ditirambos eran os himnos corais que se cantaban na súa honra e que, segundo Aristóteles, foron a orixe da traxedia ateniense.


"CLITEMNESTRA.- (...) Ahora, mi esposo querido, desciende ya de este carro sin poner en el suelo tu pie, soberano destructor de Ilio.

Esclavas, ¿por qué demoráis dar cumplimiento a la orden que se os ha dado de alfombrar el suelo por donde ha de pisar? ¡Que quede al momento el camino cubierto de púrpura, para que Justicia lo lleve a una mansión inesperada! Lo demás que el destino tiene ya decretado, lo hará, como es justo, con la ayuda de las deidades mi pensamiento, que nunca fue vencido del sueño."

(Esquilo, Agamenón)



Atenas non se ve en dous días


O taxista ficou abraiado cando lle dixemos que tiñamos pensado pasar catro noites en Atenas: "Four nights!? Two days is enough. Here is only hot and traffic. Go to the islands". Non é por ser teimudo e querer sempre levar a contraria pero o taxista non tiña razón, nin nese asunto nin nos 25 euros que nos cobrou. Aproveitamos ben o tempo e aínda así quedaron lugares por ver.

A parte nova de Atenas é horrible, un tráfico digno de Hades, beirarrúas do tempo de Sócrates, hoteliños que aquí chamariamos fondas... Ah, pero a outra Atenas, a de sempre, a que temos na cabeza, esa ben merece a visita pois é unha marabilla. Visitar a Acrópole, con paciencia iso si, é unha experiencia memorable. Moverse polas rúas de Monastiraki e Plaka, unha delicia. Sentarse a degustar un souvlaki e saborear unha cervexa, un deber.

Veño cargado de imaxes e recordos, así que estou decidido a escribir unhas poucas pequenas postais gregas. De regreso a casa, moi perto do aeroporto Elefterios Venizelos, lin un letreiro grande que dicía: "Many stories to tell. The commitment to come back. Greece". É dicir: Moitas historias para contar. O compromiso de volver. Grecia.


(Na imaxe, en primeiro plano o Templo de Zeus Olímpico. Ao fondo, na cima, a Acrópole e o Partenón.)

13 jul 2009

Os miserables das tesoiras


Existe nos nosos arquivos, museos e bibliotecas unha fauna de indesexables que non sendo capaces de mellor cousa dedícanse a roubar libros e a recortar revistas e xornais. Son os miserables das tesoiras, porque hai que ser ben ruín para ir ás salas de consulta xa equipados con todas as ferramentas delitivas, non con intención de coñecer e difundir, senón de mutilar e ocultar. Son criminais do patrimonio e así deberían ser tratados.

Logo verémolos fachendear nos simposios e congresos, dando fermosos discursos e leccións maxistrais, pontificando sobre o que descoñecen, presentando teses doutorais e valiosos artigos de prensa. Publicarán libros, novelas, dicionarios e enciclopedias se queren. Roubarán traballos dos seus alumnos para presentalos como propios, sen rubor, sen vergoña. Criticarán as investigacións alleas por falta de rigor, declararanse víctimas de persecucións políticas, defensores dunha verdade revelada. E toda a súa fazaña reducirase entón a uns anaquiños de papel amarelado polo tempo, esquecidos para sempre nun caixón como esquecido será tamén o nome do seu infame recortador, o térmite do papel.

Tamén hai os que levados por unha demencia fortuita, ao atoparen un novo arquivo, unha nova colección de cartas, unha película esquecida nunha lata no fondo dun armario, unhas fotografías vellas metidas nun sobre, esquecéndose de que xa teñen autor con biografía, abalánzanse torpemente coma lobos e fotocopian, fotografían, resumen, reproducen todo, absolutamente todo, non coa sana intención de difundir o que poda haber de valioso no achádego, senón coa única intención de alimentar o propio ego, xa ben inflado ao longo dos anos.

Teñan os ollos ben abertos. Poden estar en calquera sitio. Estragan todo por onde pasan e por alí non volve nacer a herba.


(A foto foi tirada hoxe na biblioteca do Mosteiro de Poio. Trátase duns números do xornal ourensán El Eco de Orense correspondentes a 1899, con moitísimas páxinas mutiladas por un destes miserables.)


12 jul 2009

O mapa do apelido Nóvoa


A web Cartografía dos apelidos de Galicia, proporcionada polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) á Universidade de Santiago de Compostela, é unha ferramenta interesante que permite coñecer a distribución xeográfica de todos os apelidos do país. Quen non ten entrado a mirar o aspecto que presenta o seu mapa? Pedín o do meu segundo apelido, Nóvoa con til, como sempre se escribiu na miña familia aínda que a web so recoñece a forma sen acento gráfico. A observación meditada do mapa que saiu, ben merece unha breve análise.

A presenza do meu apelido concéntrase nunha serie de concellos ao norte de Ourense pero pertencentes á súa comarca e área de influencia. O concello con máis rexistros de Nóvoa é o de Vilamarín (3,93 %), seguido polo da Peroxa (3,47), Carballedo (3,14) e Coles (2,90). Neste último concello naceu en 1892 o meu bisavó Pegerto Nóvoa, por tanto, están aí as miñas raíces. O resto de municipios onde abunda este apelido son limítrofes: Amoeiro, Punxín e Cenlle.

Outra área cunha presenza superior ao 1 por cento é a que forman os concellos de Parada de Sil, A Teixeira e Castro Caldelas. Próximos á capital sobresaen San Cibrao de Viñas, Taboadela e Paderne de Allariz. Máis ao sureste, hai que salientar os concellos de Vilar de Barrio, Sarreaus, Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía.
Contaba sobre todo cos primeiros pero confeso que me sorprendeu o dato de Quintela de Leirado, nas terras de Celanova, cunha porcentaxe do 1,89 por cento.

Mirando cara o Ribeiro non deixa de sorprender o feito de que o apelido, tendo referencia e probable orixe na toponimia do concello de Carballeda de Avia onde existe a parroquia de Santo Estevo de Nóvoa, achegue tan poucos rexistros, tan so 1, e na capital da comarca so 12.

Se falamos en termos absolutos hai que indicar que é Ourense o concello con máis rexistros, un total de 2.442, que para toda Galicia chega ás 9.475 referencias. Para outro día probaremos con Paz, un apelido moito máis disperso.

9 jul 2009

Desmontando o nacionalismo lingüístico excluínte



O profesor Juan Carlos Moreno Cabrera, catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, autor de El nacionalismo lingüístico. Una ideología destructiva (Península, 2008), impartiu unha conferencia na Universitat Oberta de Catalunya na que desmontou un a un os tópicos supremacistas do castelán tan instalados no actual debate político e cultural. Merece moito a pena comprobar da man dun verdadeiro especialista todos os fundamentos ideolóxicos, non lingüísticos, que se orientan cara a exclusión das linguas minorizadas no Estado, os calificativos pexorativos que se empregan ao falar desas linguas como local, inútil, restrinxida, imposta, artificial, fronte as cualidades de prestixio que se lle atribúen ao castelán: lingua global, común, de convivencia, etc.

O maioral Andrés Mares Pereira


Ramón Otero Pedrayo foi o cronista do tempo fuxido, testemuño vivo dunha época que ía morrendo diante dos seus ollos, deixando atrás oficios e costumes, lugares e persoas. Con nostalxia non disimulada, don Ramón adoitaba tomar a pluma estilográfica para lembrar ese pasado en contos e artigos xornalísticos.

Antes de existiren os coches de liña, os veciños das aldeas e das vilas ourensás movíanse dun lugar a outro en carros de cabalos, un medio de transporte condenado a morrer coa aparición do motor de explosión no último cuarto do século XIX. Don Ramón, nos seus anos mozos, foi cliente habitual das carruaxes que aínda ían desde o Carballiño a Ourense pasando por Trasalba. Moitos anos despois destas viaxes o patriarca das nosas letras lembraba, nun artigo publicado en La Región, a un dos máis coñecidos maiorais das terras do Arenteiro, Andrés Mares Pereira, falecido en México en agosto de 1953.



O MAYORAL

VERBAS DO MESTRE

Cando xa lle branquexaban moitos fíos de cañas na moura barba, o señor Andrés, decatouse das voltas do mundo e tivo o acordo decisivo que outros teñen na mocidá ou morren sin ter endexamais: a visión imperiosa d'unha nova forma de vida. E, secreamente, ben pensados os pro e os contra, camiñou pros Estados Unidos, afeitouse a barba e traballou n'unha fábrica chegando aixiña a ser un bon obreiro, un esforzo coscente, refreusivo, na grande enerxía ordeada dos homes de Nordamérica, que Walt Witman fai anos cantou.

Deixaba outra poesía. Pol'o pronto non volvía a vista tras de sí. Era un home. Cecais hoxe, decorrido'los anos non teña vergonza d'unha saudade cando o sol sachando as neboeiras lle leve lembranzas d'outras neboeiras da mañán.

Seu oficio faguiao madrugar c'as estrelas. Apenas o lombo da serra Madanela locía c'un soave violeta dinantes do abrente oubidoso. C'un cantar nos beizos entraba na coadra quente, abrigada. Os cabalos saudábano ledamente vibrantes do ledo contento de baixar as encostas galopando. O Andrés, ca sua chiqueta de pana vixilaba o coche, animaba os viaxeiros que chegaban c'a door terrible da madruga si eran cibdadaos, ou c'a rexa detremiñazón enérxima dos señores da aldea diante un novo día, e rubido no pescante c'o primeiro berro e o primeiro trallazo iba espertando as ruas do Carballino i-esparexendo pol'a campía a múseca graciosa dos axonxeres. O cantar da carreteira.

C'os coches as carreteiras figuraban máis novas, feitas d'onte, ainda non acostumadas a ser das terras que cruzaban. Os carromateiros acordábanse do tempo das bestas enfiadas c'os pelexos ó lombo, pol'as chairas da serra do Ribeiro e Sant-Yago, de Sant-Yago ó Ribeiro e coidaban ver a estrada aberta pra que eles folgaran dormindo na infinda recta das costas e das revoltas. O coche traguía unha velocidade burguesa, un progreso que non asustaba as quietas esceas dos antergos. Algús fidalgos e cregos e todo'los labregos non entraban pol'a novidade do coche. Os primeiros pol'o que tiña de cousa obrigada, de amingoamento do rango que da o sair a cabalo cando a un lle peta, camiñar divagatorio, independente como o rituro dos pazos. Os paisanos pol'a mesma razón e por non gastar os cartiños. Ainda se non beilaba a peseta nas aldeas. Total que no coche solo viaxaban señoritos, de volta da cobranza das rendas, recaudadores dos trabucos, algún crego sempre faguendo a críteca das parroqueas do camiño, as señoras que se mareiaban, o señor que faguia proieutos e gostaba de comer nas fondas d'Ourens co gallo de mercar un sombreiro ou visitar os fillos no colexio.

O Andrés d'endo seu pescante, nemetido a pedagoxía das rubilas e baixadas, tiña tempo pra mandar a marcha sonora do armatoste, pra cavilar e pro disfroite das cousas da popularidá. De cada porta, de cada tenda, salian a lle faguer un encárrego. Fose teas, cartas, pan carne, pescado, angueiras de banca, cobros e pagos, recados, regaliños; todo collía na arqueta do coche e na vasta memoria do Andrés que endexamais apontaba nin esquencia ren foran us miles de pesetas pra unha leria d'un groso mercader de Dacón ou o carrete fino pr'a costureira de Listanco. As mulleres saudábano con sorrires e grazas, os homes ofrecíanlle cigarros e vasos de viño branco. Trataba a todos con xentil familiaridá. Abrazaba rindo as patronciñas sin dentes e latricaba cos abades e cos médicos. Cada día a terra chaira e farta do Carballiño e as casas de Dacón, o pino onde escomenzaba a longa i-encostada rua de Maside, o baixo val de Punxín, as voltas d'Arrabaldo, a fonte d'Untes, o movemento do Ponte d'Ourens, asegún fora inverno ou vrán, con choiva ou sol, espertaban o fino comentario, a maxinación lembradora do Mayoral. Sabía os contos dos ladrós, as traxedias da casiña escuvrenada (sic) e comesta de loureiros, o señorío dos pazos mirados ao lonxe no agarimo das quebradas, os sitios onde choutaban as perdices, onde o viño era millor e cando paraba de ferver. As primeiras follas marelas dos negrillos traguianlle un sorbio d'outonia, mais o cantar o cuco nas regatas fondas a risa do Andrés era máis forte e máis leda. D'Ourens soilo coñecia a mañán trafagueira, chea de paisanaxe, as tendas, as oficiñas, pois a prima tarde cando os señores iban pro Liceu xa o coche saia botando chispas pol'os croyos da Porta do Concello pr'apañar a noitiña diantes as loces do Carballiño.

O Andrés estaba orgulloso da sua barba, da sua terra e do seu coche. Hastra que se falou dos autos e istes bichos mecánecos, coches sin alegria nin cabalos comenzaron a runfar pol'as carreteiras. Outros cocheiros resistíronse bravamente. O Andrés non era tipo pra figura arcáica ou pintoresca... as primeras canas na moura barba, dixo adeus ás fontes e as mulleres que lle confiaban encargos, e camiñou pr'as Américas. Sin remordemento, sin crítica de vello outras angueiras lle dan pan e seguridade. Bó exempro da xornaleira enerxia galega, sempre pra adiante. Mais e líceto sospeitarlle nas mañás de neboeiras e unha saudade das sonoras voltas e revoltas da carreteira do Carballiño.


RAMÓN OTERO PEDRAYO.


(La Región, 13 de setembro de 1953)


(Na imaxe, o Pazo de Trasalba.)

8 jul 2009

Usos novos do fósforo


Repasando os xornais do Ourense do século pasado un segue a atopar publicidade moi sorprendente, por calificala dalgún xeito. Xa teño publicado aquí algún deses anuncios lonxanos ao politicamente correcto. O de hoxe resulta ofensivamente machista. E dirán algúns con razón se o que quero é ofender. Non, máis ben o que trato é de rescatar estas pequenas mostras dun tempo que afortunadamente xa pasou e que alí debe ficar.

A imaxe xa o di todo pero o texto que é o miolo do asunto non se le ben:


"Es D. Fabián un bendito
al que su esposa trae frito.

Le hace barrer y fregar
y él lo hace sin protestar.

Señor ¿qué podré yo hacer
para dejar de barrer?

Si no quieres barrer más
FÓSFORO tú tomarás.

FÓSFORO FERRERO toma
y a su señora doma."

(La Región, 29 de maio de 1956)

1 jul 2009

Suecia e o sueco


Quizais se trate do país de moda en Europa. Non sei, polo menos anda na boca de todos. Como sempre, é pouco o que coñecemos daquela nación. Xa o dicían hai tempo Os Resentidos: Que sabemos de Albania? Pois de Suecia pouco máis. Si, as caravanas de galegos cara o Ikea de Matosinhos e Stieg Larsson nos escaparates das nosas librerías; tamén Henning Mankell e o seu detective Kurt Wallander, e se imos máis alá na memoria os Premios Nobel e a primeira escritora que o recibiu, Selma Lagerlöff, autora daquel fermoso conto dun neno chamado Nils Holgersson que voaba ao lombo dun ganso e coñecía desde o ceo todas as terras e marabillas do país. Todos temos na cabeza esa ilustración. De cinema habería para falar algo máis.

Visitei Estocolmo alá polo ano 1995. Chegar ao amencer dunha mañá de xullo despois dunha longa viaxe en tren resultou marabilloso. Aínda teño grabado na memoria ese conxunto fermoso de pequenas illas e amplas pontes: Gamla Stan, o zoo de Skansen, as vistas desde a casa do Concello. Estocolmo é unha das cidades máis atractivas do continente.

Suecia asume hoxe a presidencia da Unión Europea coas vistas postas, segundo as axencias de noticias, na crise económica, o desemprego e a loita contra o cambio climático. Os suecos parecen ter as cousas claras. Que envexa! A súa lingua non chega aos dez millóns de falantes pero aínda así superan en número ao noruegués e ao danés e é a lingua predominante en Escandinavia. Os suecos non poden nin imaxinar que se poida ir contra a cultura propia e menos que iso signifique "progreso". Ben, tampouco os daneses e os noruegueses conciben tal disparate nin ninguén que teña a cabeza no seu sitio.

Ademáis da presidencia europea, hoxe entra en vigor unha nova lei que ven reforzar o papel do sueco na sociedade daquel país. Non hai nada como ter un estado detrás que lexisle para salvagardar o patrimonio lingüístico e cultural. Nós non o temos. Poderíamos pensar que se trata dunha medida uniformizadora pois en Suecia existen tamén linguas minoritarias. Pois non, segundo a lei, estas linguas coma o lapón —con apenas 35.000 falantes— ou o meänkieli —con 60.000— teñen que ser protexidas e promocionadas. E trátase dunha lei estatal!

Entre o galego e o portugués hai máis de 200 millóns de falantes no mundo. Que pensarían os suecos, os daneses e os noruegueses deses galegos e non galegos que cheos de rancor afirman que a nosa lingua non ten futuro, estorba e hai que apartala do sistema educativo?

Que o que vale é o inglés? Si, o inglés é moi importante. Todos os suecos falan inglés, porque polo momento non se ten demostrado que saber sueco e saber inglés sexa incompatible. Como non é incompatible saber galego, castelán e inglés, tres linguas que eu, ourensán de nacemento, domino, e perdón pola vaidade.
Como curiosidade final cómpre sinalar que o citado Henning Mankell pasa a maior parte do ano traballando nun teatro de Maputo (Mozambique), onde, é curioso, o portugués é a lingua oficial e a que cultivan escritores coma Mia Couto e Ungulani Ba Ka Khosa. Ás veces é lóxico que non nos entendan.

27 jun 2009

O Ourense en Chamartín


Gelucho, Felipe, Batalla, Cata, Pastor, Rebeca, Cebrián, Villa, Matito, Rivera e Malet. Aínda son moitos os ourensáns que lembran hoxe de memoria esta aliñación mítica de Clube Deportivo Ourense. Corría o ano 1960 e os vermellos foron quen de forzar o partido de desempate diante do Athletic de Bilbao nos oitavos de final da Copa del Generalísimo. Xa antes deixaran fóra ao Espanyol vencendo no Couto 2-0 e perdendo pola mínima en Sarriá con gol de Cebrián a dez minutos do final.


O 8 de maio o Ourense vencía ao Atlético de Bilbao (Franco prohibira o nome de Athletic por estranxeiro) no campo do Couto por un claro 3-1. Os autores dos goles foron: Rivera, de tiro raso a pase de Malet; Cebrián, despois dun regate; e Matito, que pechou o partido. Polos bilbaínos marcou Mauri.

O día 22 os vermellos xogaron en San Mamés o partido de volta. Arieta, Marcaida e Arteche puxeron aos vascos con vantaxe de 3 a 0 xa no primeiro tempo, pero no último minuto do partido Rivera, a figura do equipo ourensán, aproveitou un fallo local para marcar e igualar a eliminatoria.

O desempate xogouse o 29 de maio no estadio de Chamartín. Orbán, titular nos partidos anteriores foi baixa e entrou Rebeca no seu posto. O cronista para La Vanguardia, Francisco Gallardo, contouno así:


"EQUIPOS, ÁRBITRO, AMBIENTE

En la calurosa tarde del domingo no acudió mucho público a Chamartín para ver el partido de desempate de la Copa de S.E. el Generalísimo entre los equipos del Atlético de Bilbao y el Orense. El partido, a falta de otros atractivos, ofrecía el de jugarse un Primera División tan calificado como el Atlético y un modesto Segunda como el Orense. No hay que decir que por eso de la defensa del débil, el público en su casi totalidad era "orensano". Por esta vez los bilbaínos se encontraron sin su "hinchada" tan numerosa en toda España.


UN PENAL TUVO LA CULPA

Del desempate entre el histórico Atlético de Bilbao y el novel Orense tuvo la culpa un gol marcado por los gallegos en San Mamés a menos de un minuto del final. De la total eliminación de la Copa del equipo orensano tuvo la culpa, también a menos de un minuto del final, un penal fallado por el medio Pastor. El meta bilbaíno Carmelo hizo todo lo posible por poner nervioso al chutador. Pero la verdad es que los orensanos estaban ya nerviosos de por sí: celebraron juntas y cabildeos antes de decidir quién había de tirar la falta. Al fin se encargó a Pastor para desgracia del chico que luego lloró su fallo. La mayor parte del público neutral respiró al asegurarse que ya no habría prórroga."


(La Vanguardia, 31 de maio de 1960).


Moitos en Ourense tamén choraron con amargura como Pastor pois remataba o soño copeiro. Nos cuartos de final agardaba o Barcelona. Así e todo, aqueles xogadores escribiron unha das páxinas máis brillantes do deporte ourensán.


25 jun 2009

A historia do meu bisavó (VIII)


Xa hai ben tempo que non escribo nada sobre o meu bisavó Pegerto Nóvoa. E non é que non haxa máis cousas que contar, non. Deixara a súa minibiografía nos anos da República, nos que foi propietario do Bar Restaurant Universal na rúa de Luis Espada (hoxe Cardenal Quiroga). Nesa época de tanta efervescencia política e social Pegerto amosou o seu compromiso coas ideas republicanas e laicas como se desprende dun artigo seu publicado en La Zarpa sobre a escola fundada en Vilarchao (Coles) polos emigrantes en Cuba, artigo que reproducín na última entrega.

Hai poucos días voltou Pegerto á miña memoria. Paseando coa miña dona por esa rúa tan rica en historias e anécdotas, advertín que xusto a carón do vello restaurante do meu bisavó estaban a derrubar unha estreita fachada, a que o separaba do que naqueles tempos debía de ser xa a casa do arquitecto Manuel Conde. Nese reducido lugar, Pegerto Nóvoa decidiu abrir unha tenda de ultramarinos no ano 1933. Era esta unha maneira moi acertada de reforzar o negocio hosteleiro que xa posuía. Ademais, o patio posterior do novo establecemento serviu para ampliar o comedor do restaurante. Durante este tempo, Pegerto foi vicepresidente da Sociedade de Comerciantes de Ultramarinos.

De igual xeito que fixera en 1930 coa inauguración do restaurante, meu bisavó publicou anuncios e gacetillas na prensa ourensá da época para a promoción da súa nova tenda:



GRAN TIENDA DE ULTRAMARINOS
"LA UNIVERSAL"
SITUADO AL LADO DEL ACREDITADO BAR Y RESTAURANT DEL MISMO NOMBRE
En esta tienda de ultramarinos puede hacer sus encargos en la seguridad de que saldrá bien servido.
Especialidad en fiambres y embutidos de todas clases. Licores de buenas marcas, quesos, frutas secas y en almíbar, cafés, chocolates de marca, aceites y todo lo relacionado con el ramo.
Pase sus encargos y se convencerá
LUIS ESPADA NÚMERO 6 --- ORENSE


La Zarpa. 8 de maio de 1934.



A finais de 1935 Pegerto traspasa todo o seu negocio: o restaurante a Francisco Labandeira e a tenda de ultramarinos a Amable Pérez Dorrego.
(Na imaxe, plano da fachada de peche que Pegerto Nóvoa incluiu na súa solicitude ao Concello de Ourense en 1932.)

22 jun 2009

Mark Twain e os corvos de Heidelberg


Todos tropezamos no seu día con aquel maldito corvo orgulloso que desde un busto na porta da casa torturaba até a demencia a un pobre namorado coa súa ladaíña "Nevermore!". O poema O corvo (The Raven) é, sen dúbida, un dos cumes literarios de Edgar Allan Poe (1809-1849).

Mark Twain (1835-1910) desde logo coñecía a famosa composición de Poe cando no verán de 1878 se instalou en Heidelberg. Dise que alí á beira do río Neckar sentiuse inspirado para continuar o Huckleberry Finn despois de meses de bloqueo e que non por casualidade o nome de Heidelberg provén de Heidelbeerenberg, é dicir, a montaña dos arandos que en inglés ven sendo Huckleberry Mountain. Curioso cando menos.

No seu libro de viaxes titulado Un vagabundo no estranxeiro (A Tramp Abroad, 1880), Mark Twain relata as súas vivencias na cidade xermana. Unha tarde de paseo polos espesos bosques próximos ao castelo, o escritor topouse co seu corvo particular e aínda que non chegou a volverse tolo o demo do paxaro conseguiu incomodalo.

"Cando levaba parado dez minutos, pensando, imaxinando, e facendo que o meu espírito fose a ton co lugar, e co ánimo axeitado para desfrutar do sobrenatural, de súpeto un corvo lanzou un grasnido sobre a miña cabeza. Deume un gran susto e logo enfadeime por sobresaltarme. Mirei cara arriba e vin que o animal estaba pousado sobre unha póla xusto enriba, mirando para min. Sentín algo de humillación e ofensa, a que un sinte cando descobre que un estraño estivo inspeccionando a súa privacidade de forma clandestina e facendo comentarios mentalmente. Mirei o corvo e o corvo mirou para min. Durante algúns segundos ninguén dixo nada. Entón o paxaro deu uns pequenos pasiños na súa póla para ter mellor punto de observación, elevou as súas ás, sacou a cabeza de entre os ombreiros cara min e grasnou de novo –un grasnido cunha evidente expresión insultante. Se falara en inglés non manifestaría con máis claridade o que o corvo quería dicir no seu idioma: 'Ben, que é o que TI andas buscando aquí?"

Na miña viaxe a Heidelberg, da que xa teño falado, topei cos corvos descendentes daquel de 1878, pero no meu caso a actitude foi de total indiferenza como moi ben se pode comprobar nesta fotografía que lle tirei.


21 jun 2009

Os libros esperan


Chegou o verán e todos, máis ou menos, sentimos a ilusión de que en poucos días teremos máis tempo libre que dedicarlle aos nosos pasatempos. Esa viaxe que imaxinas, ese proxecto que soñas, esa investigación que efectuar e eses libros que esperan no andel desde non sabes xa cando. Vicente Risco dedicoulle unha das súas famosas columnas a estes libros. É o seu momento.


HORAS

LOS LIBROS ESPERAN

Unos esperan en casa; otros esperan en la librería.
Los que están en casa esperan que uno tenga tiempo; los que están en la librería esperan que uno tenga dinero.
Y como dicen que el tiempo es dinero, todo es uno.
Los libros esperan; mientras uno busca tiempo para leerlos y dinero para comprarlos, puede uno hablar de ellos.
Puede uno hablar de ellos bien, puede uno hablar de ellos mal.
Puedo uno hablar de como son por dentro, o de como son por fuera.
La mayor parte los conocemos por fuera: por eso se dice: "leer los libros por el forro" –o se decía, pero se puede volver a decir.
Por el forro –que también se llama "cubierta" o "capa"– todos son muy bonitos, llenos de colorines y de figuritas, y de parejitas que se están mirando, como en las postales, y composiciones cubistas, que aún perviven, y de símbolos, y de muchas cosas más, que, como siempre, sería prolijo enumerar.
Esto de "sería prolijo enumerar" es, en realidad, una frase muy buena. Lástima que no se use. Es una muestra de compasión y de cortesía del escritor hacia el lector.
En este momento, no éramos lectores, sino contempladores.
Se dice también que "debajo de una mala capa se esconde un buen bebedor". Lo que no hemos oído nunca es lo que se esconde debajo de una buena capa.
Hoy los libros tienen todos buena capa. Pero a veces levantamos sin éxito esa capa. Lo que encuentra dentro es tan malo, que da gana de tirar con el libro, pero como es tan bonito por fuera, no se atreve nadie a tirarlo, y allí queda.
Por eso se puede sacar de aquí una enseñanza que no tiene que ver con los libros: aunque tengáis hijas feas, vestirlas bien.
Ya veis como los libros siempre enseñan algo, sin necesidad de abrirlos.
Tendrán enseñanza en el texto, pero también la tienen en el forro.

La Región, 19 de marzo de 1955.


20 jun 2009

Rimbaud, o impaciente


Os sábados eu son un deses fieis que non faltan á cita semanal no quiosco co suplemento cultural Babelia. Releo as súas páxinas todo o fin de semana, con calma, deixando que corra o tempo en días de ceo azul como o de hoxe. E gocei de forma especial este sábado lembrando a Arthur Rimbaud (1854-1891), unha das miñas paixóns literarias. A ampla reportaxe titulada La impaciencia de Rimbaud e firmada por Lola Martínez de Albornoz, comisaria da exposición Vida y hechos de Arthur Rimbaud, é un fascinante percorrido pola correspondencia do mítico poeta. Coincido coa autora en que estas cartas apenas teñen valor literario, a súa importancia ven unicamente do testemuño vital que aportan, axúdannos a imaxinar esa interminable liña que leva a Rimbaud de Charleville a Bruxelas, Londres, Stuttgart, Livorno, Sumatra, Chipre e Adén. Na miña biblioteca gardo con especial cariño as biografías de Enid Starkie e Graham Robb ademais do fermosísimo monográfico da revista Poesía publicado no ano 2002 con máis de 300 páxinas e abundantes fotografías.

Da reportaxe de hoxe gustoume particularmente este fragmento pois penso que resume moi ben o espírito de Rimbaud:

"Su vida se caracterizó por la búsqueda constante, a través de palabras, libros, idiomas o países, de lo desconocido, de la libertad. La buscó en la poesía, adelantándose a su época; una vez instalado en el cuerno de África, se dispuso a "traficar en lo desconocido"."


(Na imaxe superior Arthur Rimbaud en Harar, 1883. Debaixo a portada do monográfico da revista Poesía.)

19 jun 2009

O tigre e o rapaz


A novela Life of Pi, do canadense Yann Martel, conta unha das historias máis estrañas e fantásticas que eu poda lembrar. Pi Molitor Patel é un rapaz que se salva do afundimento do barco no que a súa familia traslada o zoo do pai desde a India até Canadá. Pi é o único supervivente. Ben, non o único, pois terá que compartir o bote salvavidas cunha cebra ferida, un orangután, unha hiena e un grande e magnífico exemplar de tigre de Bengala chamado Richard Parker. Aí comeza a loita pola vida.

Alén da aventura no medio do Pacífico, relatada ao detalle e sen evitar os momentos macabros, con situacións paradóxicas nas que Pi ten que se decidir a deixar de ser vexetariano, resultan moi interesantes as reflexións do protagonista sobre o comportamento dos animais e sobre a relixión. Na historia tamén xoga un papel importante o humor e a ironía. En suma, unha novela que merece a pena ler, opinión compartida polo director taiwanés Ang Lee que actualmente está a traballar na adaptación cinematográfica.

11 jun 2009

A liberdade


Resulta inaudito. Temos un presidente da Xunta que onte no Parlamento, sen ningún pudor, atreveuse a falar en nome da liberdade. E ficou tan cheo. Iso é como querer levar un traxe que non che é da túa talla. A palabra liberdade, tan malgastada e maltratada hoxe en día, debería estar protexida por lei contra os abusos dos demagogos que nos gobernan. A última demostración do concepto feijoano de liberdade é o correo electrónico enviado hoxe pola Consellería aos centros educativos galegos instando aos mestres a absterse de informar ás familias sobre a situación e a presenza necesaria do galego no sistema educativo. Voltamos ao tempo das circulares intimidatorias. Rara idea da liberdade de expresión.

Outra palabra perigosamente gastada pola irresponsabilidade é a de democracia, que consiste, ao parecer dalgúns expertos, en lexitimar todo o que un faga ou desfaga pola aritmética parlamentaria. Esquécese o presidente que neste país o 1 de marzo foron máis os galegos que votaron por mandalo á oposición dos que o votaron para xefe supremo. Isto tamén o dixeron as urnas pero mellor non movelo e non comentalo moito por aí.

Moitos mestres sentímonos desprezados, perseguidos e vixiados. Pero non nos van calar. Iso está fóra do seu alcance. O sistema educativo dun país non pertence so aos pais senón a toda a sociedade que é a que o mantén. A lingua galega, faltaría máis, ten un lugar lexítimo dentro dese sistema. Rara cousa ter que promover o galego en Galiza. Os mestres deberíamos ter algo que dicir neste estrano país onde a liberdade que emana do poder tanto se parece á censura de toda a vida.

9 jun 2009

A garceta


Egretta garzetta. Eis o nome científico desta ave branca da familia dos ardeídeos que vive nas ribeiras dos nosos lagos, ríos e enseadas. Chama a atención o penacho de dúas plumas que lle sae na caluga durante a época de reprodución. A garceta quere augas tranquilas, onde se pode alimentar de pequenos peixes, crustáceos e outros animais aproveitando o seu longo e afiado peteiro. Tamén destacan as súas patas negras que rematan nunhas vistosas dedas amarelas.

A foto foi tirada en Combarro (Poio) no pasado mes de abril.

8 jun 2009

Otero Pedrayo, represaliado


O 30 de agosto de 1937 o Boletín Oficial da zona franquista publicaba a orde pola que Ramón Otero Pedrayo era apartado da cátedra do Instituto de Ourense, posto que non recuperaría até finais de 1948. Don Ramón foi un máis dun infindo número de intelectuais que non encaixaban no réxime fascista que se estaba a impoñer por todo o país.

Na mesma plana daquel boletín número 314, publicado en Burgos, cuartel xeral das tropas de Franco, aparecen os nomes doutros represaliados que merece a pena lembrar. Foron, en certa medida, lonxanos compañeiros de penurias de Otero.


Rodolfo Jiménez Zuazo.- Foi inspector de educación primaria e presidente do Consello Provincial de Educación da Rioxa nos anos da República. Participou activamente nas Misións Pedagóxicas que tiveron lugar en Vadillos (A Rioxa) en xuño de 1934. Foi tamén figura destacada de Acción Republicana naquela provincia. Igual que Otero Pedrayo, Jiménez Zuazo recuperou logo o seu posto de traballo aínda que en 1954 foi de novo sancionado con traslado de destino e perda de 20 postos no Escalafón. Retirouse en 1961 como inspector en Zaragoza.


Blas Ramos Sobrino.- Naceu en 1891 en Tiedra (Valladolid). Foi Catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Madrid e impartiu ensino en Sevilla, Granada, Valencia e Valladolid. Foi discípulo do xurista leonés Laureano Díez Canseco. Ramos Sobrino, de ideoloxía marxista, exiliouse en Francia e México. Morreu en 1955. O seu amigo poeta Jorge Guillén evocou a súa memoria nunha obra de 1967.


Emilio Gómez Orbaneja.- Foi o primeiro catedrático de Dereito Procesal en España impartindo ensinanzas na Universidade de Salamanca e en Valladolid. Aproveitou a oportunidade que lle ofrecían as JAE (Juntas de Ampliación de Estudios) para mellorar a súa formación no estranxeiro. Durante a República foi secretario do Tribunal de Garantías Constitucionais. Tamén gozaba da amizade de Jorge Guillén quen escribiu un eloxio á súa figura en 1977. Morreu en 1996.


Rafael Argüelles López.- Naceu en Sama de Langreo en 1895. Obteu a Cátedra de Patoloxía do Instituto de Cádiz en 1928 e logou conseguiu o traslado a Valladolid. No 36 un grupo de falanxistas trata de executalo por "rojo" pero sálvase. Logo alístase no exército de Franco chegando a ser capitán médico de varios hospitais militares. Logra evitar así maiores sancións aínda que na Universidade ten que soportar as reticencias dalgúns colegas por causa do seu pasado.


Ao contemplar esta nómina casual de castigados, aumentada pola lupa dunha investigación rápida e superficial, semella como se se poideran adiviñar as terribles consecuencias que a represión franquista trouxo en todos os terreos do coñecemento. Dá tristura ver como toda unha xeración de doutores e sabios tivo que afrontar en penosas condicións a humillación de verse inútiles para a sociedade á que, desde sempre, desexaron servir.



6 jun 2009

As crónicas de Moacyr Scliar


Por razóns que non veñen ao caso reparei hai uns días en Moacyr Scliar, estrano nome para un autor brasileiro, mas certo e suxerente. E caeu nas miñas mans unha breve colección das súas crónicas xornalísticas publicadas na prensa brasileira nos anos 90 e reunidas baixo o título de A face oculta: inusitadas e reveladoras histórias da medicina.

Scliar, nacido en Porto Alegre en 1937 no seo da comunidade xudea, compaxina con mestría o seu labor como doutor e a súa faceta literaria, nomeadamente como contista. É membro da Academia Brasileira de Letras desde o ano 2003 ocupando a cadeira 31. Quen ocupa a cadeira anterior? Adiviñade: a nossa Nélida Piñón. Unha institución a Academia da que forman parte tamén ilustres como o cineasta Nelson Pereira dos Santos e o escritor Paulo Coelho.

As crónicas que arriba citei están cheas de curiosidades, episodios históricos e anécdotas que nos fan sorrir a cada paso. Nelas fala Scliar da hipocondría citando ao crego inglés do século XVII Robert Burton e o seu clásico, Anatomía da Melancolía (1621). Fala mesmo da letra ilexíbel dos médicos, dos filtros de amor da Idade Media, dos spas e das dietas, do sono, da psicanálise, da masturbación, da orixe da sífilis, da castración, do uso curativo das plantas, etc.

En resumo, unha amena suma de erudición e ironía na que non faltan acertadas reflexións e que merece a pena ler. E que inmensa sorte a nosa que podemos beber a grolos directamente desa fonte fértil chamada portugués do Brasil:



O ser humano ganhou muito quando, ao longo de sua evolução, adotou a posição bípede.. Ficou com as mãos livres, e pôde usá-las para a colheita de frutos, para a caça, e, depois, para o trabalho. A mandíbula diminuiu, o cérebro aumentou de tamanho e ele ficou mais inteligente. O Homo é sapiens porque fica de pé, ainda que a pretensa sabedoria (ver guerras, massacres, preconceito, exploração, etc.) possa muitas vezes ser questionada.


Reflexións que veñen sen licenza


Quen son?


Un camiñante que erra nun labirinto de dúbidas históricas.

Un náufrago cun mapa de lembranzas.

Un fillo máis ou menos deste país de forzas cósmicas. Sabedoría natural.

Ao pé da chuvia, a pedra e a folla perdida.

Intérprete fallido dos soños confusos dos meus avós, protagonista dos seus contos nocturnos. "Avoa, quero leite".

Aquel neno aínda,

con ollos tristeiros sen razón.

Un viaxeiro por entre os carballos, emigrante que fuxe de si mesmo.

Son un galego sen palabras abondo para saber quén son.

Ser galego debe de ser non saber o que un é sabéndoo demasiado.

Son deste país irreal, de brétemas mentais, que foi, que haberá que contar con palabras prestadas.

E neste labirinto hai os que non queren ser o que son. Eses, eses son os máis galegos.

Pero no medio desta noite aínda gardo a esperanza. "Querida avoa, tiña razón: madia levo".