26 nov 2006

A variña máxica

Lendo e escoitando certas cousas un comeza xa case a pensar que os mestres somos os novos magos Houdini do século XXI. Hai cinco anos, cando empecei esta desagradecida tarefa de ensinar, descoñecía por completo os superpoderes máxicos que a sociedade actual asegura que posuímos. Confeso: eu aínda non atopei a miña variña máxica pero supoño que será por falta de vocación ou aptitude, ou as dúas cousas, que todo pode ser.
É que xa vai sendo excesivo isto de responsabilizar ás escolas e aos mestres de todos os males do mundo. Se nos decatamos cada certo tempo da continua sangría dos máis novos nas estradas é porque na escola non se fai fincapé na educación vial, se os nenos enchen o bandullo de bolos industriais cheos de graxas animais é porque na escola non se fala o suficiente da boa nutrición, se os adolescentes entran inxenuamente no mundo das drogas é porque lles falta información e os profesores non saben tratalos. E así poderíamos seguir con cen casos máis.

Resulta cando menos triste ollar como esta sociedade e tamén moitas familias se desentenden por completo de asuntos tan importantes. Asusta a facilidade con que se atopa resposta para todo sen pensar en nada. Queridos mestres, se segue habendo obesidade infantil, drogadición e acidentes nas estradas sabede que é porque non traballades o suficiente, porque o resto do mundo está moi ocupado en cousas máis importantes. Quizais é que aínda non atopastes a maldita variña máxica que eu ando a buscar.

No hay comentarios: