Ás veces son algo teimudo cando discuto con aqueles que pensan e defenden que nada cambiou na educación durante os últimos tempos e que todo é máis ou menos igual ca era antes. Penso que aínda que vaiamos todos dentro do mesmo tren debemos decatarnos de que este móvese e que vai a algures. Non podemos estar cegos diante dos cambios sociais, políticos, tecnolóxicos e culturais que teñen operado no país nas últimas décadas. Iso suporía non estar preparados para os retos que se aveciñan no futuro máis próximo.
E así, fiquei hoxe abraiado ao contemplar este anuncio publicado en 1956 no diario La Región. Non necesita de moito comentario pero chocoume especialmente que naquel tempo se considerase tan lóxico e normal humillar a un neno de xeonllos e coas orellas de burro a pesares de decatarse ao mesmo tempo de que iso podería "dañar su porvenir". Inaudito. Hoxe resulta unha caricatura pero non me podo esquecer que nun tempo foi real e sucedeulle a nenos e nenas de carne e óso. Non cabe dúbida de que os que se deberían ruborizar deberían ser os adultos que tal permitiron.
No hay comentarios:
Publicar un comentario