12 nov 2008

Un pelirroxo valente


O pasado verán escribín aquí unhas poucas liñas sobre o filme Cabelo de cenoria (Poil de carotte), de Julien Duvivier. Esta película foi proxectada en 1953 polo primeiro cine-clube que houbo en Ourense. O neno que protagonizaba aquela versión falada de 1932 ten unha historia persoal máis ca interesante.
Robert Lynen naceu en 1920 no departamento francés do Jura, no seo dunha familia de artistas. Seu pai era pintor e súa nai cantante e pianista. O camiño artístico de Robert vai ser o da interpretación. Duvivier descobre o seu talento natural e fica atraído pola súa mirada. En 1932, como xa dixemos, interpretou o personaxe da novela de Jules Renard. Tiña 12 anos e axiña se convertiu nunha desas celebridades cinematográficas xuvenís tan propias daquela época, polo menos para os franceses. Lembremos a Shirley Temple, Jackie Cooper ou Freddie Bartholomew. Con Julien Duvivier rodou outros catro filmes ao longo da década: Le Petit Roi (1933), La Belle équipe (1936), L'Homme du jour (1937) e Un carnet de bal (1937). Mesmo traballou noutros filmes para directores coma Robert Siodmak e Marc Allégret.
En 1938 rodou o filme Éducation de prince xunto ao actor Louis Jouvet, ao que considerou coma un irmán. Jouvet, célebre actor e director teatral, é recoñecido pola súa interpretación en filmes coma A kermesse heroica (La Kermesse héroïque, 1935) de Jacques Feyder e Os baixos fondos (Les Bas-fonds, 1936) e A marsellesa (La Marsellaise, 1938) de Jean Renoir.
Robert Lynen incorporouse á resistencia contra os nazis no ano 1940 despois do armisticio firmado por Pétain que supoñía na práctica a total rendición ante Hitler e as forzas do Terceiro Reich. Robert traballou un tempo nunha empresa de Marsella que servía de tapadeira á organización. Pronto se convertiu en subtenente das Forzas Francesas na rede "Alliance". Pero é detido pola Gestapo en Cassis, na Costa Azul, en 1943. Preso durante varios meses, nos que intenta fuxir en dúas ocasións, foi finalmente condenado á morte en 1944 sendo fusilado na fortaleza de Karlsruhe o 1 de abril. Tiña 23 anos de idade. O seu corpo foi repatriado a Francia en 1947 e permanece enterrado no cemiterio de Gentilly.
En 1967 a cinemateca da cidade de París pasou a chamarse Cinémathèque Robert-Lynen, na súa memoria.

(Na imaxe, portada da biografía de Robert Lynen publicada en Francia no ano 2002.)

No hay comentarios: