29 may 2009

Jiří Trnka, un artesán do cinema



O outro día, conversando co meu pai sobre algúns cineastas hoxe case esquecidos, veu á nosa memoria o nome do checo Jiří Trnka (1912-1969) e de todo o magnífico cinema de animación que ten producido aquel país na segunda metade do século XX. Os dous añoramos ese xeito de facer filmes, con sensibilidade e talento, con arte e humanidade.

Afortunadamente, veño de ver e gozar a curtametraxe que moitos consideran o testamento artístico e ideolóxico de Trnka e que leva por título A man (Ruka, 1965). Unha enorme man, firme e autoritaria, impide a un pobre e solitario oleiro que siga a elaborar as súas simples macetas obrigándoo a tallar mans e unicamente mans coma ela. A resistencia inicial do oleiro é vencida pola forza da man. O desespero condúceo logo á morte. O funeral é oficiado sen embargo pola propia man que condecora ao morto, nun xesto de cinismo evidente.

O filme ten unha moi clara lectura de fondo. Trnka defendeu sempre a súa liberdade creativa e a súa independencia como artista. Trnka é desde logo ese triste oleiro. Moitos interpretan tamén o filme en clave de protesta e consideran que a autoritaria man é unha metáfora diáfana das condicións de vida baixo o estado comunista. Faltaban aínda uns poucos anos para a Primavera de Praga.

Na obra cinematográfica de Trnka —6 longametraxes e 17 curtas— ocupan un lugar destacado as lendas tradicionais checas: Špaliček (O ano checo, 1947), Bajaja (O príncipe Bajaja, 1950), e Staré povesti ceské (Antigas lendas checas, 1953). Noutras ocasións ocupouse en adaptar a clásicos como Shakespeare (O sono dunha noite de verán), Chejov (Historia dun contrabaixo) ou Bocaccio (O Decamerón).

Trnka brillou tamén como ilustrador de contos infantís recibindo o Premio Hans Christian Andersen en 1968, un ano antes da súa morte. Ilustrou as historias dos irmáns Grimm, os contos de Perrault, Andersen e Lewis Carroll, as fábulas de La Fontaine, etc. e tamén os contos de autores checos coma Vladimír Holan ou Jan Pálenícek, ademais do osiño Misha de Josef Menzel.


A súa influencia no cinema de animación foi sobresaínte aínda que non suficientemente recoñecida nin valorada. Moitos non poden evitar ver no archicoñecido Tim Burton unha débeda pendente con Jiří Trnka.



















(Na imaxe superior, Jiří Trnka. Abaixo, á esquerda A novia cadáver de Burton; á dereita, A man, de Trnka.)


2 comentarios:

José Paz dijo...

Artigo fantástico, cheio de sensibilidade. Seria bonito poder gravar alguns dos filmes de Trnka.
O teu pai.

David Paz Nóvoa dijo...

Parece que xa está arranxado o asunto dos comentarios.
En canto a Trnka hai moitos filmes que cómpre revisar. Hoxe mesmo vin a súa adaptación do conto de Andersen O rouxinol do que se pode extrair máis dunha ensinanza sobre a diferenza entre ter e ser.