16 may 2009

Unha postal de Heidelberg


Despois de todo este tempo de ausencia forzada, por fin regreso ao meu pequeno recuncho na rede. A verdade é que tiña isto un pouco desgobernado e deixado da man. Pouco a pouco habemos recuperar o camiño perdido como diría o poeta melancólico. Foi coma unha convalecencia de meses... Estou a esaxerar.

Para a miña volta decidín pegar esta postal da viaxe que fixen a Alemaña no mes de abril. Trátase dunha bonita vista do castelo de Heidelberg desde a Kornmarkt, é dicir, a Praza do Trigo.

Heidelberg é unha fermosa cidade situada xunto o río Neckar a unha hora de Francfort e a outro tanto de Stuttgart. Pertence ao estado de Baden-Wurtemberg e recibe cada ano a milleiros de turistas. Non resultaba fácil atravesar a súa rúa principal e o castelo, a principal atracción da cidade, tamén estaba cheo de xente. De moitos dos edificios que conforman o recinto do castelo tan só fican as imponentes fachadas e iso dálle ao conxunto un aspecto romántico e ilusorio. Un non pode evitar imaxinar o castelo rodeado de bruma coma nesas postais que parecen sacadas dun libro de Goethe. Aínda están vivas as pegadas da historia nos seus recantos.

Heidelberg é a cidade universitaria por excelencia naquel país. Nese aspecto podémola comparar con Coimbra ou Salamanca. Voltaremos outro día a falar de Heidelberg porque non quedou todo dito nin moito menos.

2 comentarios:

Ánxelis dijo...

Saúdos David e felicidades polo retorno, un que é animal de costumes botaba de menos a lectura das túas entradas.

David Paz Nóvoa dijo...

Agradecido coma sempre polas túas amables palabras. Isto de bloguear ten o seu aquel.