29 ago 2009

La nature s'en fout


Os tenentes Marechal (Jean Gabin) e Rosenthal (Marcel Dalio), fuxidos dun campo de prisioneiros alemán en La grande illusion (Jean Renoir, 1937), tratan de chegar a Suiza o máis axiña posible. Agochados baixo as árbores ollan con esperanza os cumios cubertos de neve. Marechal apresura a Rosenthal, que olla o mapa que leva nas mans.

—Veña, seguimos.

—E logo non esperamos á noite?

—Non, perderíamos o camiño. As árbores esconderannos pero no val deberemos permanecer agachados. Estás seguro de que aquilo é Suiza?

—Completamente.

—Parece todo igual.

—As fronteiras son un invento dos homes. A natureza non ten nada que ver.

Así é. As fronteiras de África foron trazadas con escuadro e cartabón ao ditado dos intereses europeos. Alí onde non había desertos, os ríos e as montañas foron pretextos para o reparto do poder. Hoxe temos conflitos fronteirizos entre Chile, Perú e Bolivia; entre Ecuador e Colombia; entre Costa Rica e Nicaragua; entre Hungría e Eslovaquia; entre Rusia e Xeorxia; entre Camboia e Tailandia; entre a India e Paquistán; etc. A natureza non ten nada que ver.

Hai tamén estados que se queixan das fronteiras que lles poñen polo norte namentras elevan unha máis alta polo sur. Hai estados que reclaman a antigüidade das súas fronteiras, credencial das cicatrices mal curadas. Hai un afán por repartir e dominar, por apartar e desprezar.

Así e todo, as fronteiras entre os estados tenden a diluirse, a facerse máis borrosas, menos precisas. As alfándegas son só sombras sobre a estrada. E canto máis borrosas se fan as fronteiras á nosa vista, máis nítidas vemos as liñas grosas que separan unhas clases sociais doutras, os ricos dos pobres, os poderosos dos desfavorecidos, os dominadores dos dominados. Esas son as verdadeiras fronteiras, as que permanecen. Jean Renoir foi quen de retratar esta paradoxa con incomparable talento.







2 comentarios:

José Paz dijo...

Caro David :
Junto com o filme A harpa birmana de Kon Ichikawa, Sendeiros de glória de Stanley Kubrick, Rei e pátria de Losey, Sopa de ganso dos Marx e a biográfica de Gandhi, o filme de Renoir (o director do que mais gosto eu), ademais de ser sublime, é provavelmente o melhor na defesa do pacifismo da história do cinema. Para béns polos teus estupendos artigos do Blog.
O teu pai José Paz desde Ourense.

David Paz Nóvoa dijo...

Caro pai:
É evidente que o meu amor polo cinema é herdado. Fuches ti quen me levou un día a ver Día de festa de Jacques Tati (quero escribir algo sobre el), quen me ensinou os irmáns Marx, Dersu Uzala de Akira Kurosawa, etc. Jean Renoir, tamén. La Grande Illusion encantoume cando a vin, pero tamén logo La regle du jeu, Le bas-fonds (adaptación de Gorki cun magnífico Louis Jouvet), Boudu, etc.