Que terá a noite de máxico e misterioso para suxerir na nosa mente pensamentos completamente imposibles de expresar con palabras?
A noite é pródiga en soños irrealizables, proxectos quiméricos, decisións definitivas. A noite pode ser quente coma a voz calma e aloumiñada dos contos vellos da avoa, e pode ser fría coma o feble latexar do moribundo. Pode ser viva e apaixonada coma o amor recén saboreado ou calma e tranquila coma a contemplación plácida das estrelas.
Na Valencia de finais do XVI un grupo de nobres literatos fundou a Academia dos Nocturnos. Xuntábanse na casa dun deles cada solpor para compartiren poesías atrevidas empregando seudónimos tan fermosos como Silencio, Sombra, Miedo, Sueño, Sosiego, Tinieblas, Horror, Tristeza, Soledad...
A noite ten milleiros de ingredientes. A literatura non se entende sen a noite, sen as mil e unha historias de Scherezade, sen os Nocturnos de Hoffmann, sen a noiteboa do 36 de Larra e as noites lúgubres de Cadalso, sen o soño da noite de verán de Shakespeare, os relatos de Poe, os poemas de Young, os himnos de Novalis, os paseos baixo a lúa de Thoreau, a noite escura da alma de San Juan de la Cruz, o voo heroico no inmenso ceo negro de Saint-Exupéry, a triste figura do Quixote facendo penitencia nocturna en Sierra Morena, os soños fantasmais na Comala de Pedro Páramo, a noite de esmorga do Milhomes e o Bocas... Non ten fin. Raro é o autor que non se sentira algunha vez inspirado pola noite. Dicía Goethe que a noite era a metade da vida e a mellor metade.
A música, eterna creadora de sentimentos sen necesidade de palabras, deunos a Pequena Serenata de Mozart, a Sonata do claro de lúa de Beethoven e os Nocturnos de Chopin, Fauré, Scriabin, Satie, Debussy, Mendelsshon e Shostakovich. A noite é un universo misterioso.
(A noite estrelada de Vincent Van Gogh.)
No hay comentarios:
Publicar un comentario