29 sept 2010

Teseo o miserable


Teseo foi un miserable, un canalla e un cínico. Falto de escrúpulos, non dubidou en deixar abandonada na illa de Naxos á muller que lle entregou o corazón e que o rescatou do labirinto do Minotauro con aquel oportunísimo nobelo, polo que Ícaro daría a vida. Dalí, cando ela durmía, fuxiu coa súa irmá pequena Fedra cara a Atenas onde viría ser rei despois da morte tráxica do seu pai Exeo. Merecería desde logo un bolero dedicado de Paquita la del barrio, cun particular “¿Me estás oyendo, inútil? culebra ponzoñosa”.

Para entender as razóns de Teseo cómpre ler o relato de André Gide, unha sorte de autobiografía heroica que aínda así non convence. Teseo reclama a súa liberdade e independencia como bandeira irrenunciable. O fío é aquí a metáfora do que nos mantén ligados a unha herdanza e a unha responsabilidade persoal e colectiva. Sentimos todos a tentación de rachar con vínculos e trabas, con eses lazos que ás veces semellan cadeas de ferro e que atenazan o sentido.

Ariadna obrigou a Teseo a xurarlle amor e fidelidade despois do fío:

–Lo has prometido

No había prometido nada en absoluto, pues no ansío nada tanto como la libertad. No me debo sino a mí mismo.


Este verán seguín os pasos que levan a Cnosos, o mítico lugar do palacio de Minos, situado entre árbores cheas de cigarras, berce da primeira civilización europea. Quedan as trazas do que debeu ser un labirinto e a etimoloxía di máis do que se ve. A labrys ou dobre machada cretense atopada en cantidade na reconstrución do palacio é probablemente a orixe da palabra labirinto. A liña difusa entre historia e lenda é aquí máis difusa ca nunca. Ollando cara estas columnas e estas pedras un sábese perdido e non distingue qué parte é a da lenda e qué parte é a da historia.


(Arriba, unha fotografía tomada durante a visita ao palacio de Cnosos)

No hay comentarios: