Se por
min fora, xa hai tempo que se terían eliminado as malditas notas de
todos os colexios do país. Mais a cousa non está na miña man. As
notas non só son inútiles e absurdas, son prexudiciais e
demoledoras para a educación dos nosos pequenos.
As
notas son a constatación da mesquindade dos adultos, da nosa
infrutuosa procura de medios máis intelixentes que axuden o
alumno a aprender.
As
notas son á escola o que os índices bursátiles ao sistema
financeiro. Probas, probas e máis probas. Xa nunca máis nos fiamos
de ninguén. Os adultos non queremos escoitar matices, tendencias,
logros subxectivos que se nos van por entre os dedos, que non podemos
entender nin gañas que temos de intentalo. Queremos probas,
constatacións, avais, certificados, números... para así poder
comparar cos fillos dos veciños e cos fillos dos cuñados, os sobriños indefensos. Iso si
que nos resulta relevante. O resto é papel mollado, paxaroladas dos
mestres, pedagoxías. O adulto desconfiado desconfía ata dos seus
fillos.
E
nese afán cuantitativo metemos os nenos sen pudor ningún. As notas
convírtense na cotización trimestral dos fillos. Podemos elaborar
gráficas e calcular o seu avance ao peso, medir cerebros e
condicionar recompensas.
Unha
pregunta iniciática
Adoito
comezar a primeira aula do curso coa mesma pregunta aparentemente
inocente. Para que estamos aquí: para aprobar ou para aprender?
Sempre algún alumno desperto sinala o absurdo da disxuntiva.
Pero non hai tal absurdo.
Do
xeito que levamos traballando os mestres durante décadas é evidente
que o que lle reclamamos ao alumnado é que aproben, non que
aprendan. Para aprobar chega con memorizar rapidamente uns contidos
para unha data determinada, a do exame, e logo esquecer coa mesma
rapidez os contidos memorizados. Se a memorización foi boa,
premiamos con números altos o esforzo intelectual. Aprender é
outra cousa moito máis seria.
Aprender
é un verbo orientado a futuro, non a pasado. Aprender, e polo tanto
ensinar, ten que ser algo que encamiñe ao alumnado a ser capaz de
enfrontar situacións que aínda non coñece pero que terá que
superar. Aprender non é memorizar; a facer as cousas apréndese
facéndoas, equivocándose mil veces e voltando a intentalo.
Nas
casas os nenos están afeitos a que lles pregunten sobre as notas que
obtiveron, non sobre o que aprenderon, o que agora entenden e saben
facer e antes non eran capaces. Os nenos maman desde moi pequenos que
hai un obstáculo chamado exame que teñen que salvar. Unha vez
salvado xa dá igual aquilo. Quedou atrás.
A
comida familiar
A
rapazallada agarda polo Nadal coa mesma ilusión que nós cando
eramos cativos. Son días nos que se sinten protagonistas, o centro
de atención da familia e iso é algo que para eles resulta esencial
e emocionante. E sen embargo o Nadal sempre agocha un trance para
todos eles.
Manteño
que as notas máis importantes (no sentido propiamente de
importar) son as correspondentes ao primeiro trimestre do curso
escolar, as que coinciden co Nadal. En que cea de Noiteboa ou xantar
de Nadal non se lle reclama aos pequenos da casa allea a lista de
notas? Ese tío simpático que cun sorriso estúpido debuxado na cara
fai o papel de xefe rifador? Todos sabemos que a pregunta non vai
guiada por un verdadeiro interese no desenvolvemento dos inocentes
que responden. Trátase de disparar sobre obxectivo fácil as nosas
liortas de adultos frustrados e resentidos.
Que
dereito, fóra dos propios pais, ten ninguén a esixir boas notas a
un neno diante de todos os adultos? Aceptaríamos a pregunta inversa?
Que ese neno interrogado nos esixa o día de Nadal responsabilidades
polo noso traballo do trimestre? Explicacións dos nosos innumerables
fracasos, erros e trampas?
Ser
adulto finalmente é unha coartada.
Por
experiencia, alumnos altamente motivados, curiosos, educados, viven
obsesionados coas cualificacións numéricas dos exames e coa absurda
nomenclatura dos boletíns. Para quen son as notas? Para os adultos,
claramente. O que precisan os nenos é avaliación.
Onde
pon “insuficiente” o pai le suspenso, fracaso, vagancia, traizón.
“Ben” non é “suficiente”. “Notable” e “sobresaliente”
non nos din nada. Son termos ocos, repetidos de xeración en xeración
e aí radica o seu valor. As notas é das poucas cousas que entende
xente de todas as idades e condicións. É unha linguaxe
inter-xeracional, o que permite establecer falsas comparacións non
só entre nenos, senón tamén entre pais e nenos e mesmo entre avós
e nenos. O “sobresaliente” semella así o patrón ouro, estable
ao longo dos séculos. Utilizámolo como se de verdade non houbera
fluctuacións no mercado.
Os
que somos mestres e temos xa algunha experiencia non lle damos moito
crédito a iso das notas pois sabemos que todo depende do ollo que
observa e da man que o asina.
O
papel que tan torpemente desempeñan as notas debería facelo a
avaliación, que é cousa ben distinta a pesares das confusións.
Temos unha escola que cualifica moito pero avalía pouco.
No hay comentarios:
Publicar un comentario