29 sept 2007

O mago das imaxes


Do cinema antigo é máis o que se perdeu que o que se conserva. O que coñecemos, por tanto, é tan só a punta dun grande iceberg. Por iso é fantástico ler noticias coma a publicada o pasado venres. A finais de agosto a Filmoteca de Cataluña descubriu nos seus arquivos catro filmes breves do cineasta francés Georges Méliès (1861-1938). Levaban cen anos gardados nunha caixa. Trátase de copias para exhibir íntegras e orixinais: Evocation spirite (1899), La pyramide de Triboulet (1899), L'artiste et le mannequin (1900) e Éruptio volcanique à la Martinique (1902). Os filmes restaurados han ser proxectados o próximo día 4 na inauguración do Festival de Cinema de Sitges.

Georges Méliès ocupa un lugar máis que destacado na historia do cinema. Foi el o primeiro en comprender que o cinematógrafo dos irmáns Lumière podería servir para algo máis que para tomar vistas de cidades e desfiles militares. Despois de ficar abraiado na primeira sesión pública do novo invento en decembro de 1895 desexou mercar un aparato para incorporalo ao seu espectáculo do Teatro Robert-Houdin, o templo parisino da prestidixitación. Pero o pai dos Lumière negouse. Méliès non se resignou e acabou adquirindo un aparello inglés moi similar.

Entón fundou a súa produtora, Star Films, e abriu o seu estudo cinematográfico en Montreuil. Moi pronto comezou a introducir trucos teatrais nas filmacións sendo sen dúbida o seu favorito o da desaparición mediante a interrupción da toma e a modificación da escena.

O cinema fantástico naceu da súa man. Tivo un grande éxito comercial durante un tempo, mesmo nos Estados Unidos. Pero rematou arruinado e a cargo dunha pequena tenda de xoguetes na estación parisina de Montparnasse. O seu filme máis coñecido é Voyage dans la lune (1902) e o fotograma do obús impactando no ollo da lúa é unha das máis recoñecidas iconas da historia da sétima arte.

20 sept 2007

A estrada de Kerouac

O pasado día 5 de setembro celebrouse o 50 aniversario da publicación dunha das novelas máis influintes do século XX. Falamos de On the road (No camiño), de Jack Kerouac (1922-1969), un dos membros máis destacados da Beat Generation xunto a Allen Ginsberg e William S. Burroughs.
On the road é xa un clásico. Nos meus tempos universitarios aínda era un texto de culto, a metáfora da liberdade e da aventura. Creo que o segue sendo. Non sorprende entón que moitos fanáticos da novela se decidisen a seguir os pasos do seu protagonista Sal Paradise (no que se agocha o mesmo Kerouac) a través da famosa ruta 66 que atravesa os Estados Unidos. Eu mesmo cando o lin merquei un mapa para guiarme por aquela xeografía de New Jersey, Illinois e California. Ten a novela algo de epopeia, de liberación e de odisea. A simplísima forma de escribir de Kerouac, que el mesmo denominou 'prosa espontánea', non fai da novela unha xoia literaria strictus sensu, mas aquí o que trascende é o significado e o mito. O mesmo rolo de papel continuo no que Jack escribiu apresuradamente a novela en tan so tres semanas convertiuse en fetiche.
A rede está chea de recursos e sitios sobre Jack Kerouac, de orixe francófona. Reedítanse cada ano as súas obras tanto en prosa como en verso. Atreveuse mesmo co haiku pois non distinguía a prosa do verso. Amaba o jazz de Charlie Parker. Todo adolescente e non tanto debería ler algunha vez a Jack Kerouac.
''So in America when the sun goes down and I sit on the old broken-down river pier watching the long, long skies over New Jersey and sense all that raw land that rolls in one unbelievable huge bulge over to the West Coast, and all that road going, all the people dreaming in the immensity of it, and in Iowa I know by now the children must be crying in the land where they let children cry, and tonight the stars'll be out, and don't you know that God is Pooh Bear? the evening star must be drooping and shedding her sparkler dims on the prairie, which is just before the coming of complete night that blesses the earth, darkens all rivers, cups the peaks and folds the final shore in, and nobody, nobody knows what's going to happen to anybody besides the forlorn rags of growing old, I think of Dean Moriarty, I even think of Old Dean Moriarty the father we never found, I think of Dean Moriarty.''
Jack Kerouac: On the Road, 1957

29 ago 2007

Un lugar sen memoria


Jack Kerouac recopilou os seus soños no libro Book of Dreams (1961). Eu non me podo comparar con el e con esa maneira tan fluída de contar as cousas pero esta noite tiven un soño do máis estrano. Vivía eu feliz na mexicana illa de Cozumel nunha fermosa casa con vistas ao mar. Sopraba unha suave brisa caribeña e todo era paz e tranquilidade.

Este soño trouxo logo á miña memoria unha escena dun filme que eu estimo moito: Cadea perpetua (The Shawshank Redemption, 1994). Andy Dufresne (Tim Robbins), o protagonista, despois de fuxir habilmente do cárcere por un longo túnel excavado con paciencia infinita durante moitos anos, decide emprender unha nova vida nun pequeno pobo mexicano bañado polo Pacífico, Zihuatanejo. Desde alí escríbelle ao seu amigo Red (Morgan Freeman) para invitalo a que vaia vivir con el.

Andy: Sabes o que din os mexicanos sobre o Pacífico?
Red: Non.
Andy: Din que non ten memoria. Aí é onde quero vivir o resto da miña vida. Un lugar cálido sen memoria.
(Na imaxe un dos últimos planos do filme de Frank Darabont)

24 ago 2007

O soño profético do rei


Trato de aproveitar estes últimos días de vacacións para ler algúns vellos libros e preparar novas viaxes antes da volta ás aulas. Ler é, ao final, emprender un camiño sen máis bagaxe que o desexo de ser seducido polas palabras.

O episodio do sonho profético de Manuel I, o Venturoso, rei de Portugal é un deses que seducen. É un dos máis fermosos do poema Os Lusíadas e chama poderosamente a atención pola súa beleza e fantástica alegoría. Unha noite aparécenselle ao rei os ríos Indo e Ganges que profetizan as grandes conquistas portuguesas que están por vir. Cando o monarca acorda decide reunir os seus conselleiros e preparar a longa viaxe á terra das especias.

Manuel I (1495-1521) foi quen encomendou a Vasco da Gama a tarefa de alcanzar a India ultrapassando o cabo de Boa Esperanza. O Gama partiu en xullo de 1497 e a súa fazaña é o fío deste magnífico poema do que xa teño falado.



Eu sou o ilustre Ganges, que na terra
Celeste tenho o berço verdadeiro;
Estoutro é o Indo, Rei, que, nesta serra
Que vês, seu nacimento tem primeiro.
Custar-te-emos, contudo, dura guerra;
Mas, insistindo tu, por derradeiro,
Com não vistas vitórias, sem receio
A quantas gentes vês porás o freio.»


Não disse mais o Rio ilustre e santo,
Mas ambos desparecem num momento.
Acorda Emanuel cum novo espanto
E grande alteração de pensamento.
Estendeu nisto Febo o claro manto
Pelo escuro Hemisperio sonolento;
Veio a manhã no céu pintando as cores
De pudibunda rosa e roxas flores.


Chama o Rei os senhores a conselho
E propõe-lhe as figuras da visão;
As palavras lhe diz do santo velho,
Que a todos foram grande admiração.
Determinam o náutico aparelho,
Pera que, com sublime coração,
Vá a gente que mandar cortando os mares,
A buscar novos climas, novos ares.


Luis de Camões: Os Lusíadas, Canto IV (74-76)


(Na imaxe, estatua erixida en memoria de Manuel I no Castelo de S. Jorge de Lisboa)

27 jul 2007

Unha revista de dous tempos


Conservamos entre as nosas cousas o número 39 da segunda época da revista Vida Gallega, o correspondente ao mes de xuño de 1958, dedicado case en exclusiva á cidade de Ourense. Esta revista, un fito relevante na historia da nosa prensa, foi publicada en Vigo entre os anos 1909 e 1938, sendo o seu director Jaime Solá. Nesta publicación colaboraron entre moitos outros os fotógrafos José Gil e Xosé Saraiba, ademais do xornalista Manuel Lustres Rivas. Na súa segunda etapa, de 1954 a 1963, a revista edítase primeiro en Vigo e logo en Lugo, nunhas condicións sociais e políticas totalmente diferentes.

A familia luguesa Alvarellos, propietaria da editorial do mesmo nome, conserva unha colección completa desta segunda época e dando un bo uso os dereitos que posúe ten publicado nos últimos tempos unha interesante serie de compilacións de artigos publicados en Vida Gallega nos últimos nove anos da súa existencia: Viajes y yantares por Galicia, de Álvaro Cunqueiro; Sesenta gallegos ilustres, de Francisco Fernández del Riego; Últimas páginas sobre Galicia, de Vicente Risco e Teoría de Galicia, de Ramón Otero Pedrayo.

No número do que falamos, con portada de Manuel Prego de Oliver, inclúense traballos de Manuel María, Matilde Lloria, Ben-Cho-Shey, Felipe Fernández-Armesto, Ramón Otero Pedrayo, José Luis López Cid, Luis Moure-Mariño, Antonio Fraguas e Xesús Ferro Couselo.

Para saber algo máis desta revista podedes ler a reportaxe Galicia anos 50, un país retratado nas páxinas de Vida Gallega da editorial Alvarellos.

19 jul 2007

Judith de Betulia


Al triunfo de Judith

Cuelga sangriento de la cama al suelo
el hombro diestro del feroz tirano,
que opuesto al muro de Betulia en vano,
despidió contra sí rayos al cielo.

Revuelto con el ansia el rojo velo
del pabellón a la siniestra mano,
descubre el espectáculo inhumano
del tronco horrible, convertido en hielo.

Vertido Baco, el fuerte arnés afea
los vasos y la mesa derribada,
duermen las guardas, que tan mal emplea;

y sobre la muralla coronada
del pueblo de Israel, la casta hebrea
con la cabeza resplandece armada.

Lope de Vega


Este poema traeme recordos amargos. Topei con el nunha aula de Santiago e tiven que facer, desde a miña inexperiencia, un comentario literario do texto. Pero xa pasaron sete anos diso e agora recoñezo a beleza do poema. Desde entón, a miña curiosidade levoume a investigar un pouco acerca da historia de Judith de Betulia, un tema bíblico que deu lugar tamén a verdadeiras obras de arte.

O Libro de Judith forma parte do Antigo Testamento. Conta a historia dunha viúva xudía no tempo da Guerra de Israel contra o exército asirio. Judith era fermosa, culta, relixiosa e sobre todo patriótica. Descobre que Holofernes, o xeneral invasor, está namorado dela. Acompañada pola súa criada, descende de Betulia, cidade amurallada sitiada polos estranxeiros, e enganando a Holofernes entra na súa tenda de campaña. Alí ofrécelle un festín e consegue embriagalo. O xeneral dúrmese e Judith córtalle a cabeza. Todo é confusión no exército asirio e Israel sae vencedor.



Judit se aproximó entonces a la barra del lecho que estaba junto a la cabeza de Holofernes, descolgó de allí su espada,
y acercándose al lecho, lo tomó por la cabellera y exclamó: "¡Fortaléceme en esta hora, Dios de Israel!"
Luego le asestó dos golpes en el cuello con todas sus fuerzas y le cortó la cabeza.
Hizo rodar el cuerpo desde el lecho y arrancó el cortinado de las columnas. Poco después, salió y entregó a su servidora la cabeza de Holofernes.
Esta la metió en la bolsa de las provisiones, y las dos salieron juntas, como lo hacían habitualmente, para la oración. Atravesaron el campamento y, bordeando el barranco, subieron la pendiente de Betulia hasta llegar a sus puertas.
(Libro de Judith, 13:6 - 13:10)


A máis famosa representación artística da historia de Judith de Betulia é sen dúbida o cadro pintado hacia 1598 por Caravaggio (1571-1610), o xenio do claroscuro, un artista que repetiu en moitas das súas obras historias de cabezas cortadas (San Xoán Bautista, Goliath, a Medusa, etc.).
Menos coñecida pero penso que máis cruel e arrepiante é a pintura de Artemisia Gentileschi (1593-1681), seguidora evidente do estilo de Caravaggio e figura rescatada case do esquecemento durante os últimos anos.


(Arriba a obra de Caravaggio. Abaixo a pintura de Gentileschi).


High Noon, a loita pola dignidade


Para moitos amantes do cinema High Noon (1952), traducida en España como Solo ante el peligro, é sen dúbida a cima do western, o cumio máis alto que ten acadado este vello xénero cinematográfico. Desde logo eu non creo que esaxeren os que tal afirman. Para min é un pracer pasar estas noites de verán revisando as obras mestras da sétima arte e segue a resultar fascinante ollar a Gary Cooper, o sheriff Will Kane, enfrontando el so a covardía dun pobo axeonllado polo temor a catro foraxidos. Esta é unha historia sobre a loita da dignidade contra o medo, sobre a defensa duns principios aos que non se debe renunciar.

High Noon, que debería ser traducida literalmente por Ao mediodía, foi dirixida por Fred Zinneman con produción de Stanley Kramer e contou coa interpretación de Grace Kelly, Katy Jurado e Lloyd Bridges, entre outros. Convén salientar a fotografía de Floyd Crosby, especialista en documentais, que lle aportou ao filme unha sobriedade visual fabulosa a pesares do acelerado ritmo do filme, acrecentado pola incesante repetición de planos do reloxo que sinala a inexorábel chegada do tren do mediodía.
Unha historia tan simbólica coma esta do home abandonado por todos que ten que loitar por un ben tan preciado como a dignidade individual e colectiva deu lugar a moi diversas interpretacións. Para uns era unha metáfora da persecución que sofrían naqueles anos de McCartismo os artistas de Hollywood, incluído o propio guionista do filme Carl Foreman.
Para outros o filme hai que interpretalo como unha metáfora da Guerra fría e da política levada a cabo polos Estados Unidos na Guerra de Corea, e particularmente pola sensación de traizón con respecto aos aliados na Segunda Guerra Mundial.
Pero tanto ten unha cousa ou outra. Pasados máis de cincuenta anos o que nos queda é a película e sempre paga a pena voltar a pasala polo noso cinematógrafo doméstico nocturno.

14 jul 2007

Mitómanos da prensa


Confeso: son algo mitómano. Recoñezo que iso ten algo de inxenuo, pero é unha inxenuidade voluntaria. Imaxinar que hai xente cen por cen boa é unha ilusión óptica.

Para os que hai quince anos nos iniciamos nos estudos de xornalismo coa romántica idea da defensa do ben común, o compromiso coa obxectividade e a imparcialidade, a persecución dos impostores, a loita pola xustiza, etc. os nomes de Bob Woodward e Carl Bernstein teñen moito significado. Estes dous xornalistas norteamericanos do Washington Post foron quen de desentrañar a rede de espionaxe organizada pola Casa Branca coñecida como o caso Watergate hai xustamente trinta e cinco anos.

Axentes da CIA foran detidos o 17 de xuño de 1972 no hotel Watergate, sede do comité electoral do Partido Demócrata. Pretendían instalar micrófonos e cámaras para efectuar escoitas ilegais. Woodward e Bernstein foron desenredando o fío que vencellaba os detidos coa Presidencia grazas a axuda inestimábel dunha fonte fundamental, a famosa Garganta Profunda (Deep Throat). Nixon resistiuse pero finalmente viuse obrigado a dimitir en agosto de 1974.

Robert Redford e Dustin Hoffman axudaron a espallar o mito ao interpretar aos dous famosos xornalistas no filme Todos os homes do presidente (All the President's Men), dirixido por Alan J. Pakula en 1976.


(Arriba, os xornalistas Carl Bernstein e Bob Woodward. Abaixo, Robert Redford (Woodward) e Dustin Hoffman (Bernstein) no film de 1976).


12 jul 2007

A biblioteca de Poio

É verdadeiramente fermosa a paraxe na que se atopa o Mosteiro de San Xoán de Poio, asentado nunha terraza desde a que se pode contemplar a illa de Tambo como flotando no medio da ría de Pontevedra. Habitan alí frades mercedarios desde o ano 1890. Na época medieval e moderna foi mosteiro benedictino pero coa desamortización de 1835 ficou abandonado.

Visitei hoxe mesmo este lugar para facer unha consulta na súa biblioteca, unha das máis sobranceiras do país. Consérvanse alí máis de 100.000 libros, auténticas xoias bibliográficas. Os fondos principais proceden dos volumes benedictinos que non se perderon e dos que trasladaron até alí os mercedarios desde Conxo. En 1958 o escritor e sacerdote ourensán Antonio Rey Soto (1879-1966) legou ao mosteiro a súa valiosísima biblioteca, ademais de diarios, cartas e diversos obxectos persoais. Forman parte deste tesouro as Constitucións sinodais da diócese de Ourense impresas por Vasco Díaz Tanco en 1544 e un exemplar do Livro do Infante D. Pedro de Portugal, edición de 1644.


O Padre Jerónimo, a cargo da biblioteca desde hai moitísimos anos, entregounos moi amablemente o tomo de El Eco de Orense correspondente ao ano 1898 que lle solicitaramos. Lamentablemente o volume está incompleto, falta a metade do ano. Eu andaba a buscar a referencia dun día concreto, o 23 de xuño, pero atopeime coa desagradable sorpresa de ver que a folla que quería ler estaba arrancada polo medio e moitas outras páxinas estaban tamén mutiladas.

Querer investigar os finais do século XIX e comezos do XX a través da prensa de Ourense é ás veces decepcionante. Voltei un pouco desencantado a Vilagarcía, apenas 20 minutos de viaxe. A pesares de todo foi unha fermosa mañá nun fermoso lugar.


10 jul 2007

Álvarez de Nóvoa, xornalista (II)


Nos tempos en que Álvarez de Nóvoa escribía a súa columna "Agujetas" no diario El Miño a maioría dos seus dardos ían dirixidos a Valentín Lamas Carvajal e as súas "Mostacillas" de El Eco de Orense. Lamas Carvajal falece en 1906. Xa nos anos 10 Álvarez de Nóvoa dirixe La Voz Pública e o obxectivo das súas críticas máis mordaces era entón Hermenegildo Calvelo, director do conservador El Diario de Orense. Por iso non deixa de sorprender que a comezos de 1918, cando deixa de existir La Voz Pública, Álvarez de Nóvoa pase a ser de xeito case inmediato redactor-xefe do diario conservador que tanto viña atacando nos anos anteriores e que seguía entón baixo a dirección do propio Hermenegildo Calvelo.

Calvelo morre no outono de 1918, víctima coma moitos outros ourensáns da epidemia de gripe que devasta o país, pero xa desde abril era Álvarez de Nóvoa quen dirixía o xornal e continuaría a facelo até a desaparición do mesmo en 1925. Aí conclúe o seu labor xornalístico posto que despois desa data a súa actividade profesional vaise centrar case exclusivamente no posto de funcionario da Deputación provincial.

De todos xeitos, a pegada que Álvarez de Nóvoa deixou no xornalismo ourensán foi tan forte que once anos despois, na súa morte, o seu pasado na prensa local era lembrado con respeto e admiración. O mestre e xornalista Manuel da Cunha publicaba no diario conservador Galicia unha columna de homenaxe a Álvarez de Nóvoa, a quen identificaba nostalxicamente cunha forma de facer xornalismo xa desaparecida:


VENTANAL

-------------

La última figura del periodismo


Murió Francisco Álvarez de Nóvoa. Yo tenía de él una idea vaga y lejana, tan irreal como esos personajes de que nos hablaron en la niñez. No le he conocido en su personalidad física. Pero admiraba, reverenciaba su recuerdo; su recuerdo de paladín del periodismo. Un periodismo polémico y combativo. Que no altera, sin embargo, su tersa y elegante sonrisa. ¡Ah! Yo añoro esa realidad que no he vivido.

¡Francisco Álvarez de Nóvoa! ¡Qué inmenso desprecio debió sentir por algunos que se consideran periodistas al recoger las notas de Comisaría! ¡Qué altivo desdén le inspiraría este paupérrimo periodismo de hoy, enclenque y raquítico, que se nutre de los partes de la Casa de Socorro! Duendecillos insignificantes, estúpidos y petulantes.

¡Francisco Álvarez de Nóvoa! Evoco, al escuchar tu nombre, centelleante chocar de hierros, vibrante cruzar de armas. ¿Qué ha sido de la arrogancia del periodismo de antaño, que tú encarnabas, en la asfixiante perspectiva actual? Los de ahora, para disimular ineptitudes, hánse refugiado en un torpe "pancismo" intelectual, en una innoble y repugnante tranquilidad.

¡Aquel periodismo! ¡Aquel periodismo tuyo, Francisco Álvarez de Nóvoa! Romántico, sin jurados mixtos. Sin esta triste impotencia, con el pecho alzado, henchido de anhelos... ¡Al menos, se discutía y las cuartillas no se morían de tedio!

Yo no sé. Pero me parece que al irse Francisco Álvarez de Nóvoa, murió el último periodista orensano.


Galicia, 21 de xuño de 1936.

3 jul 2007

Rimbaud, eterna poesía vital


Le Coin de table, 1872. Este óleo de Henri Fantin-Latour consérvase no Museo de Orsay, na ribeira esquerda do Sena. E que ten de especial? Pois que nel está retratado un dos meus escritores favoritos. No extremo da mesa, sentados, podemos distinguir aos poetas Paul Verlaine (1844-1896) e Arthur Rimbaud (1854-1891) que naquel tempo estaban a vivir a súa persoal historia de amor e excesos. Outro poeta daquel París de despois da Comuna, Albert Mérat, negárase a ser retratado xunto a eles pois estes fixeran grande burla dos seus sonetos amorosos cunha parodia que deron en titular Le Sonnet du trou du cul (O Soneto do burato do cu). Rimbaud, desde que chegara a París, fixera ben poucos amigos nos ambientes literarios da capital por culpa do seu comportamento impertinente. Pero ese non é todo o Rimbaud, senón máis ben a súa propia e voluntaria caricatura.

A luz de Rimbaud, xeración tras xeración, segue a estar aínda acesa. Segue a conectar con milleiros de lectores de todas as idades. As súas Iluminacións, o seu Soneto ás vocais ou O barco ebrio convertíronse en clásicos da poesía. Agora veñen de saír do prelo dúas novas edicións das súas obras. Como sinalaba o pasado sábado Antonio Ortega en El País, máis dun século despois da súa morte non somos capaces de determinar a altura e alcance da figura e a obra de Arthur Rimbaud.

28 jun 2007

Os vagalumes de Carnota


A miña praia favorita é a de Carnota, un inmenso areal de 8 quilómetros de lonxitude, unha porta aberta ao océano. Lembro, cando era neno, que case ninguén coñecía tal sitio. Parecía como se ao norte da Lanzada non houbese mar. Lembro estar cos meus pais e os meus irmáns sos naquela praia. Oito quilómetros para nós. Era polo ano 1984. Lembro que alugamos unha pequena casiña á beira da estrada, os vagalumes pola noite a brillar coma estreliñas e os mosquitos a facer das súas. Lembro tamén as riquísimas ameixas á mariñeira que saboreabamos no Miramar, no centro da vila. Lembro ademais que non había aparcadoiros nin tantas pontes para chegar á area e como tiñamos que atravesar o río cheo de cangrexos co perigo de que á volta coa marea alta ficásemos illados.

A Carnota de hoxe xa non se parece moito a aquela. Os incendios e a especulación están a estragar aquel paraíso. O peor é o que nos pode deparar o futuro máis próximo. Constructores, promotores e inmobiliarias queren, coa vergoñosa colaboración de moitos veciños, encher ese paraíso de cemento e ladrillo. Din que teñen dereito ao progreso e ao desenvolvemento coma os demais. Pan para hoxe e fame para mañá. Lembro pero quero crer que chegará o día en que os galegos saibamos protexer e defender o noso con dignidade.

27 jun 2007

Álvarez de Nóvoa, xornalista (I)


Lembramos hai semanas a figura de Francisco Álvarez de Nóvoa resaltando a súa obra literaria, tan sentimentalmente vencellada á cidade de Ourense. Pero tampouco se debe esquecer o relevante papel que Álvarez de Nóvoa xogou no xornalismo ourensán de finais do século XIX e primeiro tercio do XX, unha etapa fascinante da historia da nosa prensa.

Despois de traballar en xornais coma El Diario de Orense, El Derecho e El Noticiero, Álvarez de Nóvoa entrou a formar parte da redación do diario El Miño, que fora fundado en 1898 polo líder liberal Vicente Pérez para alonxarse da cada vez máis conservadora liña editorial de El Eco de Orense, de Lamas Carvajal. El Miño, un xornal excepcional do que lamentablemente non existe en Ourense unha coleción completa a disposición dos investigadores senón unha privada en propiedade da familia Colemán, serviu tamén de escola para escritores como o mesmo Vicente Risco.

En El Miño foi onde Álvarez de Nóvoa popularizou a súa columna satírica "Agujetas", en permanente disputa coas "Mostacillas" de Lamas en El Eco de Orense. O xornalismo político daqueles tempos da Restauración tiña moito que ver con liortas persoais e defensa de intereses particulares. Non existía un sistema democrático senón caciquil e clientelar baseado na presenza de dous partidos, o liberal e o conservador, que se turnaban no poder coa única intención de manter o dominio das súas familias.

Hacia 1909 Álvarez de Nóvoa pasou a ser director do diario e tivo que lidiar cos tráxicos sucesos de Oseira. A Garda Civil decidiu disparar sobre os campesiños que se resistían ao traslado dun baldaquino á capital e morreron polo menos sete persoas. El Miño foi moi duro coa decisión do Bispado de Ourense e tomou partido polos campesiños.

Armando Fernández Mazas insinúa no seu libro Ourense, Atenas de Galicia que estes sucesos, coma os da Semana Tráxica de Barcelona, castigaron especialmente o liberalismo e que probablemente por este motivo Álvarez de Nóvoa decidise abandonar Galicia.

Marcos Valcárcel, pola contra, sinala que foron razóns de tipo económico as que o levaron a Lisboa e dalí a Río de Janeiro, onde abriu un taller fotográfico. Máis tarde establécese en Buenos Aires onde funda La Voz de Galicia.

De volta en 1915 inicia a publicación do diario La Voz Pública, que viña a cubrir o oco deixado por El Miño en decembro de 1913. Por problemas de saúde ten que recluírse con frecuencia na súa casa de Gustei. Alí escribe obras dramáticas como La titiritera e Campos de soledad.

Aínda así, Álvarez de Nóvoa xunta forzas para insistir nunha nova campaña de prensa, esta vez, contra os dirixentes do Ateneo fundado no Instituto en 1914 facendo escarnio especialmente do seu impulsor Antonio Gaite. Álvarez de Nóvoa critica a estreitez de miras dos ateneístas e defende a necesidade dunha nova sociedade cultural que permita a entrada e promoción dos artistas máis novos.

26 jun 2007

Emily Dickinson & Robert Frost


Xa teño confesado a miña gran devoción polo dúo musical que formaron Paul Simon e Art Garfunkel a finais dos anos 50. Primeiro coñecín as súas melodías e pouco a pouco puiden comezar a apreciar o valor artístico das súas letras. Moitas das súas cancións, agás as dos inicios, non contan para nada as tópicas historias de amor adolescente non correspondido, o amor ausente ou o non-sei-que-será-de-min-sen-ti. Esconden significados ás veces escuros coma se fosen poemas de Dylan Thomas, denuncias sociais, ironías sutís, etc.

Paul Simon, compositor da música e creador das letras de todas as súas cancións volcou ademais nelas algunhas das súas máis reiteradas referencias literarias. The Dangling Conversation, incluida no álbum Parsley, Sage, Rosemary and Thyme de 1966, é unha canción que fala da alienación, da vida superficial e da distancia abismal que separa unhas persoas doutras, un dos temas favoritos de Simon. Nunha liña da canción refírese a dous dos autores máis relevantes da literatura norteamericana: Emily Dickinson e Robert Frost.

Emily Dickinson (1830-1886) foi unha poeta descoñecida na súa vida pero que sen embargo forma con Walt Whitman o dúo de líricos máis importantes do século XIX norteamericano. Pasou case toda a súa vida recluída nunha pequena vila de Massachussets. Dos case dous mil poemas que escribiu tan só un feixe deles foron publicados de xeito anónimo. Destaca o lirismo sinxelo das súas composicións e o seu estilo libre. Hai quen ten feito comparacións con Rosalía de Castro tanto pola súa vida como pola súa obra. Apenas dez meses separan a morte dunha e doutra.

Robert Frost (1874-1963), pola contra, recibiu en vida moito máis recoñecemento. Gañou o Premio Pulitzer en catro ocasións e foi invitado a ler un poema na toma de posesión do presidente John F. Kennedy. A súa poesía reflicte o amor pola natureza, a liberdade e a vida sinxela do campesiño norteamericano.

19 jun 2007

Papá, por que somos do Celta?


Hoxe mesmo tiven que responder a unha pregunta semellante.

Un alumno meu, de tan so 7 anos de idade, chamado Mario, de Vilagarcía de Arousa, confesoume, coa cara moi apenada, que pasara toda a noite do domingo sen durmir por mor do descenso do Celta. Eu expliqueille que ser do Celta é algo especial, que tanto ten se estás en Primeira en Segunda ou onde sexa. Ti es do Celta e tes que estar orgulloso delo. Eu tamén son, sempre o serei. Estou triste pero alegráme tanto ver nenos coma ti... Ánimo, antes de que ti naceras houbo xogadores extraordinarios que nos facían ferver de emoción: Gudelj, Mazinho... Saían ao campo e todos sabiamos que iamos ficar abraiados. Ti es moi novo, voltarás a ver o Celta entre os mellores, antes ou despois, e sentirás o orgullo de pertencer a unha grande familia, unha familia da que ti es unha parte importante. Mario, ti es o futuro do celtismo e esa camiseta que levas, incluso hoxe despois de dous días soportando as burlas dos madridistas de folla de lata, é parte dun soño compartido por moita xente. Sempre Celta.

16 jun 2007

Sons africanos


Ás veces a un dalle por revolver entre as vellas cousas acumuladas, os vellos libros, os vellos discos cheos de po, aí agardando a ser de novo rescatados do esquecemento. Así caeu hoxe nas miñas mans este CD de hai case 15 anos e non puiden evitar lembrar o asombro que sentín ao escoitar por primeira vez a marabillosa voz de Lokua Kanza, un congolés asentado en Francia, que comezaba entón en 1993 a súa carreira e que hoxe é un dos máis célebres músicos daquel continente. Despois deste disco de debut publicou outro titulado Wapi Yo, unha nova mostra do seu enorme talento. Cando estés farto de escoitar a mesma música deberías abrir a túa xanela e deixar entrar aire novo no teu cuarto, coma a música de Lokua Kanza, que revitaliza e abre a túa mente.

4 jun 2007

Ourense desde o ceo


A cidade de Ourense foi unha das elixidas pola compañía Microsoft para o seu proxecto de fotografía aérea. O seu programa Windows Live Local permítenos facer unha asombrosa viaxe por toda a cidade. Eu capturei esta imaxe do casco vello na que podemos ollar algúns dos lugares máis singulares de Ourense: As Burgas, A Catedral, a Praza Maior, a Praza de San Martiño, a Igrexa de Santa María Nai, a Igrexa de Santa Eufemia, a Praza do Trigo, os Xardíns do Bispo Cesáreo, o Liceo, etc. Tanto en tan pequeno espazo. Marabillas do noso benquerido Ourense, aínda descoñecido mesmo entre moitos galegos.

21 may 2007

Un rapaz da aldea


Foi unha verdadeira honra saudar esta tarde a Xosé Neira Vilas, pregoeiro da I Feira do Libro de Vilagarcía. Neira Vilas, que aos seus 78 anos ten un aspecto inmellorábel, fixo un entretido eloxio do labor dos libreiros, da complicidade que gardan cos lectores e da importancia de levar adiante feiras coma a de Vilagarcía. Reivindicou a defensa do libro galego e lembrou algunhas anécdotas dos seus longos anos en Buenos Aires. Aproveitou tamén a ocasión para recordar a un dos vilagarciáns máis importantes daquela época, Elpidio Villaverde, que foi o primeiro alcalde republicano da vila ademais de deputado por Izquierda Republicana. Villaverde, xunto con Castelao, Suárez Picallo e Alonso Ríos foron os fundadores do Consello de Galiza en 1944. Houbo tempo tamén para recitar algúns versos en lembranza da Arealonga, o nome orixinal da vila mariñeira sobre a que naceu o invento de Vilagarcía.

Ao remate achegámonos a el para que nos firmara o seu libro máis famoso, o libro máis lido da literatura galega de todos os tempos, Memorias dun neno labrego. Mantivemos unha breve conversa con Neira Vilas, todo amabilidade. Ao coñecer a nosa orixe ourensán non puido menos que lembrar ao seu amigo Blanco Amor e tamén a Otero Pedrayo. Mesmo falamos un chisco da súa bisbarra, o Deza, na que tamén teño eu as miñas orixes pois o meu bisavó José María Paz Veleiro, de quen herdo o meu primeiro apelido, era do San Martiño (Dozón).

14 may 2007

Testemuñas da historia


O 4 de xaneiro de 1931 inaugurábase no número 1 da Avenida de Vicente Pérez o Hotel "La Bilbaína", no mesmo edificio do Consulado de Portugal. Estas terrazas foron muda testemuña de parte da historia da cidade. Aos tres meses da inauguración proclamábase a Segunda República e no mesmo ano a rúa pasaba a chamarse de Fermín Galán. Cinco anos despois, en febreiro de 1936 coa victoria do Frente Popular, un grupo de falanxistas protagoniza un tiroteo que se salda con varias víctimas mortais.
E se falamos do que había dentro? Calquera ourensán de certa idade podería falar das reunións, das tertulias, dos atrevidos espectáculos que tiñan lugar alí posto que La Bilbaína permaneceu aberto probablemente até finais dos anos 60.

10 may 2007

A vella Europa


Estampas do vello continente, lugares históricos coas cores xa gastadas, postais vellas dun mundo vello pero... como disfruta un ollando estas pequenas xoias fotográficas! De cando en vez atopamos na rede recantos descoñecidos nos que se agachan grandes tesouros. É o caso de Old-Pictures, no que podemos ollar fotos e postais de todo o mundo de finais do século XIX e comezos do XX.

Escollín a postal dunha das prazas máis fermosas que coñezo, Marienplatz, en Munich. Os turistas soen ficar abraiados mirando as figuriñas do reloxo da torre pero cada un dos edificios desta praza merece ser ollado con detemento.