28 feb 2007

A historia do meu bisavó (IV)


A comezos de 1928 o meu bisavó Pegerto Nóvoa Álvarez seguía a ser o propietario da Pescadería Viguesa situada na rúa da Paz. Na prensa daqueles días seguían a aparecer as habituais gacetillas publicitarias que Pegerto tivo que pagar para promocionar o seu negocio:


Invitados por nuestro particular amigo don Pegerto Nóvoa, propietario del acreditado establecimiento «Pescadería Viguesa» (...) hemos visitado el establecimiento, admirando una magnífica cámara frigorífica, de acreditada marca de los Estados Unidos, que el señor Nóvoa, entusiasta de todo progreso industrial, hizo instalar en su negocio”.

La Región. 31 de maio de 1928.


A pescadería foi o primeiro negocio no que Pegerto permaneceu por máis dun ano. Parecía, por fin, que atopaba unha ocupación na que sentar cabeza para ben dunha Gumersinda, a súa dona, que tivo que sacrificarse moito e sobrelevar as veleidades dun home tan inconstante.


En outubro de 1929 Pegerto inicia a venda dun variado tipo de mariscos e dirixe unha recomendación cara os "señores sacerdotes" coa intención de que lle fagan chegar os seus pedidos a través dos empregados das casas de autos. Era esta so unha mostra máis da habilidade comercial do meu bisavó para percibir con claridade cáles poderían ser os consumidores habituais dos seus produtos.

23 feb 2007

A España de hai cen anos


Ando ultimamente moi entretido co primeiro volume da Historia de España en el Siglo XX de Javier Tusell. Este primeiro tomo comeza coa crise de finais do século XIX e remata coa proclamación da Segunda República en abril de 1931. A obra, detallada aínda sendo unha edición de bolso, complétase con outros tres volumes, os adicados á República, o Franquismo e a Transición.

Resulta interesante entrar na máquina do tempo e coñecer a España de hai cen anos. Sentín curiosidade por adentrarme nunha etapa da historia tan pouco coñecida, polo menos para min, e que tivo tanta importancia nos acontecementos posteriores.

A obra de Tusell abarca moi diversos temas: o papel de Alfonso XIII e do exército, o sistema político de turnos entre liberais e conservadores, o caciquismo, o catalanismo, o desenvolvemento económico, a neutralidade de España na Primeira Guerra Mundial e as súas consecuencias, o papel que xogaron os intelectuais, etc.

E non está de máis coñecer a relevancia dalgunhas das figuras políticas máis importantes daquela época, varias delas galegas como os presidentes José Canalejas e Eduardo Dato, ambos asasinados por anarquistas, ou Montero Ríos, da xeración anterior e tamén presidente do goberno. Igualmente faise referencia ao movemento agrarista que se produciu en Galiza coa intención de eliminar os foros a que estaban sometidas as terras e que liderou Basilio Álvarez, do que habería que falar con máis detalle.

Outras personalidades importantes da época quedan ben retratadas nesta obra: Sagasta, Silvela, Maura, Cambó, Moret, Alba, o Conde de Romanones, etc.

Tusell faleceu no 2005 e nos últimos anos da súa vida foi moi crítico co chamado revisionismo dalgúns autores moi pouco consistentes que parten de presuncións para elaborar as súas teorías, a antítese do que debe ser un bo historiador.

22 feb 2007

Barcelona ès bona


Vinte anos sen ir a Barcelona son moitos anos, tantos que case da vergonza. Se a miña memoria non erra foi alá polo verán de 1983 con dez anos recén cumpridos que cheguei á cidade condal. Aquela Barcelona non se parece en nada a esta, pero para sermos xustos tampouco eu me parezo moito a aquel neno de dez anos.

A primeira gran diferenza xa está na maneira de chegar alí. Esta vez fun confortablemente en avión coa miña Marta ao Aeroporto do Prat. Aquel verán de 1983, despois de visitar Madrid, pasara uns días cos meus pais e os meus irmáns nunha pequena aldea de Tarragona chamada Saifores. Meu pai fora invitado a un congreso pedagóxico que reunía mestres de toda España e fora organizado pola educadora Marta Mata, falecida o ano pasado e que xa daquela formaba parte do Consello Escolar do Estado.

Foi a propia Marta Mata a que nos levou a Barcelona no seu dous cabalos. As miñas lembranzas mestúranse porque xa estivera alí sendo aínda máis pequeno o verán anterior a entrar no colexio. Pero non podo esquecer o Tibidabo, o Museo de Cera, o Zoo da Ciudadela e as pombas da Praza de Cataluña. Case 24 anos! Meus pais sempre foron moi viaxeiros e non imaxinaban unha viaxe sen nós: Porto, Lisboa, Madrid, Barcelona, Santander, Bilbao... Estoulles agradecido de por vida.

A rúa máis emblemática de Barcelona segue a ser a das Ramblas, que se divide en Rambla de Canaletas, Rambla dels Estudis, Rambla de les Flors, Rambla dels Caputxins, Rambla de Santa Mònica e Rambla de Mar co seu Monumento a Colón. Por suposto hai cousas que non cambian e esa é a esencia de Barcelona.

Hai en Barcelona un interesante debate entre a permanencia dunhas señas de identidade veneradas mundialmente coma os diversos edificios deseñados por Gaudí e a aparición de novos lugares como a Torre Agbar ou o Fórum. Non fai falla sinalar que preferimos a primeira Barcelona, a da Pedrera e a Casa Batlló, A Sagrada Familia e o Parque Güell á do Fórum, que serviu para prolongar a Diagonal até o mar (a zona é coñecida como Diagonal Mar) facendo brotar un conxunto de rañaceos desprovistos de calquera traza orixinal que leve a imaxinar que un está en Barcelona.

Existen moitas Barcelonas. Moitos galegos viven alí e pasa algo parecido ao que ocorre en Bilbao. Ter un familiar en Barcelona pode significar que vive en Reus, Granollers ou Manresa, para nós todo aquelo é Barcelona. Ter un familiar en Bilbao non impide que viva en Barakaldo, Santurtzi ou Galdakao, todo é Bilbao.

Vale por hoxe con esta postal dunhas ramblas invernais pero ateigadas de turistas igualmente.

15 feb 2007

Blanco-Amor novelista


Proseguimos na autoimposta tarefa de esbozar algunhas das personalidades máis relevantes da Historia contemporánea de Ourense. Pode que Eduardo Blanco-Amor sexa o mellor novelista que ten dado esta terra. Desde logo iso é opinábel. O que non se pode discutir é que Blanco-Amor foi o que convertiu a cidade de Ourense en personaxe literario dun xeito máis maxistral.

Nos últimos anos estanse a destacar outras facetas artísticas de Blanco-Amor, ademais da narrativa, como por exemplo a fotografía, da que era un grande amante.

Blanco-Amor non tiña fácil encaixe no Ourense de comezos de século e foi na Arxentina, terra mítica para os galegos, onde o noso autor desgranou a súa vida e o seu traballo soñando sempre con Galiza.

Nacera en 1897 nunha casa da rúa Lepanto na que hoxe unha placa lembra tal feito. Sendo moi novo entrou a traballar na redación do xornal conservador El Diario de Orense e coñeceu as tertulias de finais dos anos 10, nomeadamente a de Risco e os colaboradores de La Centuria. En 1917, sendo porteiro da Inspeción de Primeiro Ensino de Ourense é suspendido de emprego e soldo. En 1919 marcha a Arxentina para regresar a finais dos anos 20 como corresponsal do diario La Nación.

Regresou a Galiza xa nos anos 60 e sofreu grandes penurias das que tan so uns poucos o aliviaron. Morreu en Vigo en 1979.

A súa novela máis coñecida é, sen dúbida, A esmorga. O Milhomes e o Bocas son quizais dous dos personaxes máis lembrados da narrativa galega, máis popularizados aínda grazas á adaptación teatral de Sarabela nos anos 90.

En Ourense, ademais, cheos de orgullo por unha novela tan achegada ao lugar (coma as novelas de Dostoievski no seu San Petersburgo) colocáronse hai anos uns fermosos azulexos con deseños e textos da novela e cada ano realízase un roteiro polos lugares máis famosos percorridos por aqueles esmorgantes de ficción que ben parecen ser de carne e óso.

Con ser coñecida A esmorga, quero determe noutra novela da mesma grandeza, Xente ao lonxe. Nela, o trasfondo segue a ser Ourense, ou mellor dito, a súa transfiguración literaria, Auria. Pero tamén se transfiguraron algúns personaxes e lugares da cidade.

Non pretendo elaborar ningunha teoría nin nada semellante. Ademais, o propio Blanco-Amor é moi claro no prólogo útil á novela: "Os trastocamentos cronolóxicos ou as dislocacións doutro tipo, non son de esquezo ou non curanza sinón de propio intento". Blanco-Amor refírese ás súas sublembranzas para xustificar o uso de tal ou cal topónimo ou antropónimo. So quero amosar a miña curiosidade acerca dos supostos parecidos entre ficción e realidade e averiguar qué sucedeu no camiño entre unha e outra.

Blanco-Amor foi tremendamente exhaustivo na ambientación da novela: os lugares, os personaxes, os comercios, os xornais... parecen gardar moitas semellanzas coa realidade histórica. Ou trabúcome moito se imaxino que o Marqués de Nugallá da novela é unha lembranza do Conde de Bugallal, ministro de Facenda do partido conservador? A ironía que conleva polo seu significado (nugallán: preguizoso, vago) permítenos advertir quizais as intencións do novelista.

Desde este punto de vista a novela ofrece inmensas posibilidades de averiguación. Quizais non se trate deso, quizais soamente sexa un pasatempo sen sentido.




"-Eso asegún, porque eí tes ao máis novo dos do comercio do Aubonmarché que, con vintesete anos ten cinco fillos..."

14 feb 2007

Sempre Ben-Cho-Shey


Penso que está por facer un verdadeiro museo-biblioteca-enciclopedia que sirva para divulgar de xeito didáctico a vida e a obra das máis importantes figuras literarias, artísticas, sociais e políticas que ten dado a nosa querida Auria. Desde un Xan da Cova e o seu curiosísimo trampitán (Que sería del se chegara a ter o seu propio blog?) até o recoñecido José Ángel Valente ou as irmás Pura e Dora Vázquez, pasando evidentemente polos Risco, Otero e Cuevillas da Xeración Nós, a tertulia do Roma, os artistiñas do Volter, etc, etc.

Entre todos eles cabería reservar un lugar de honra a un ourensán nacido a finais do século XIX chamado Xosé Ramón Fernández-Oxea, pero moito máis coñecido por Ben-Cho-Shey, o seudónimo que empregou para firmar as súas crónicas da Guerra de Marrocos que enviaba por telégrafo á redación do diario agrarista La Zarpa, fundado en xullo de 1921.

Ben-Cho-Shey dedicou grande parte da súa vida á defensa da cultura e identidade de Galiza. Sentía unha forte pena ao contemplar como un país renunciaba á súa personalidade. Foi ademais un magnífico investigador das nosas tradicións, da etnografía galega, da nosa historia. Comezou sendo mestre de primaria e continuou os seus estudos na Escola Superior de Maxisterio de Madrid, cidade na que viviu durante moitos anos xa despois da guerra e desde a que impulsará calquera iniciativa encamiñada a apoiar a cultura do país.

A finais dos anos 20 viaxa a Francia, Bélxica e Holanda pensionado polas Deputacións galegas para perfeccionar a súa formación pedagóxica. Alí comproba de primeira man o emprego de metodoloxías diferentes as habituais en España e coñece a realidade socio-lingüística daqueles países, o que lle levará a facerse algunhas reflexións acerca da presenza da lingua galega na educación.

De volta, no ano 1929, publica en La Región algúns artigos moi interesantes nos que se aprecian os seus temas de maior interese naquel momento:


"Comentarios
A FALA NA ESCOLA

Mentiría si dixese que me gorentou o derradeiro artigo que Luis Bello adicou a Galicia. Confeso que eu agardaba de il outra cousa mais en consonancia co’a sua historia de home liberal, comprensivo e limpo de prexuicios; mais a o enfrentarse co a cuestión do idioma xurde n-il o centralismo lingüístico pol-o que tanto agarimo sinten as xentes da Meseta.
Pouco importa que disfrace o asunto e procure levalo ó terreo practicista para sacar a secuencia de que o ensiño debe facerse en castelán. Por riba de todo pra nos, pra os que loitamos pol-a persoalidade de Galicia, está esa afirmación que senta Bello: «Nin Cataluña, nin en Vasconia a xente se avergoña de falar a sua lingoa. Somentes en Galicia o idioma ten categoría». E contra de esta categoría é contra do que imos todol-os galegos que levamos a Galicia no corazón. Y-o único xeito de desfacer a lenda aldraxante é o levar a escola o idioma que se fala na casa.
Bello, esquecendo sin dúbida que o problema de Galicia é o de todol-os pobos que abdican da sua persoalidade, afirma que é mais fácele o ensiñar o castelán que o arrincar os galegos do prexuicio que teñen para o seu idioma. Nos, quizais trabucados, coidamos que é todo o contrario. Pro a favor noso temol-a esperencia do pobo irlandés, que tamén se avergoñaba da sua lingoa e hoxe rehabilitouna; e non somentes de Irlanda, senón tamén de Flandes, e de Checoeslovaquia, e de Ukrania, e de Georgia pobos todos que gracias a un réxime de goberno comprensivo e humán chegaron á reivindicazón dos idiomas que viviran días tristes de aldraxe y-esquecemento nas xa recuadas épocas de asoballamento imperialista.
Tampouco pensamos que Unamuno teña razón a o decir que é unha «niñería» o coidar que un pobo podía ter duas lingoas domésticas. Esta afirmación podía pasar no 1902 cando a xente coidaba de boa fe que chegaría a falarse no mundo o esperanto; pro hoxe que vivimos días de recoñecemento da persoalidade étnica e lingüística dos pobos pequenos resulta infantil o discutir o bilingüismo cando éste medra puxante en Suiza y-en Bélxica, que da a casualidade de seren dous dos países que mais adiante van en custiós pedagóxicas.
Cando un nemigo do cultivo das lingoas rexionás quer combatir o seu emprego nas escolas deixa sempre de lado o aspecto sentimental, a faceta cordial, que para nos é a mais importante, e arrincándose pol-o rexistro pragmático dí que se debe falar y-ensiñar en castelán por ser o idioma mais espallado. Por esta misma razón podríase aconsellar o ensiño do inglés ou do chino. Pro ainda así temos razón os que non queremos abandoar o galego, pois o galego-portugués fálase nas cinco partes do mundo; y-a emigración galega o mesmo se dirixe cara Hispano-América que cara o Brasil; y-o luso-galaico é o idioma da tan gabada ruta aérea que partindo de Lisboa vai pol-as Azores e Cabo Verde a Fernando de Noronha y-o Brasil.
Un home que como Luis Bello adica a sua vida a espertal-o amor pol-a escola, sabe todo esto; e porque o sabe sospeita que desintamos da sua opinión os xóvenes que loitamos por Galicia. Pro é que –aunque a certos galegos lles pareza mentira– todol-os homes do Centro, ainda os de mais talento como Bello, sufren ofuscaciós en canto se lles toca a o idioma; cousa que a nos parécenos moi ben porque defenden o seu. ¡Y-ogallá todol-os galegos fixeramos o mesmo co a nosa lingoa!


BEN-CHO-SHEY

La Región, 12-09-1929.

12 feb 2007

O cinema alemán en tres letras


UFA. Baixo esas siglas coñécese a máis importante productora cinematográfica alemana da historia. A Universum Film AG foi fundada no Ministerio da Guerra no ano 1917, en plena Primeira Guerra Mundial, co obxectivo de impulsar a cinematografía alemana e de realizar filmes de propaganda bélica. A empresa estatal aliouse con capital privado e así un grupo de banqueiros e algúns sectores industriais colaboraron na súa fundación.

A pesares das súas limitadas pretensións artísticas, a UFA pronto comezou a producir películas máis populares e entretidas coma Carmen e Madame Dubarry dun moi novo Ernst Lubitsch. Ademais, a compañía inaugurou o seu grandioso Ufa-Palast am Zoo, no coñecido distrito berlinés en 1919, o que pronto se convertiría no máis importante teatro de todo o país e o escenario onde tiñan lugar as máis relevantes estreas cinematográficas.

O feito de fusionarse en 1922 coa Decla-Bioscop aínda acrecentou máis a calidade dos seus filmes pois incorporáronse ao plantel figuras como Fritz Lang e o productor Erich Pommer, o verdadeiro impulsor da compañía nos anos seguintes. A UFA foi a grande productora dos difíciles anos da República de Weimar e unha das poucas compañías que foi quen de facer fronte aos grandes estudios de Hollywood.

En 1926 a UFA entra en crise e moitos dos seus grandes actores e directores coma os mesmos Lang e Pommer ou F.W. Murnau, Emil Jannings e Conrad Veidt marchan cara a EE.UU. Ao ano seguinte, a productora, que xa era completamente privada, vai ser controlada por Alfred Hugenberg, o ultranacionalista magnate da prensa alemana e un dos maiores apoios nos anos vindeiros do partido nazi. Con Hugenberg, nos filmes da UFA comeza a sentirse o seu contundente ultranacionalismo que xa adianta o que está por vir.

Coa chegada do cinema sonoro a UFA alcanza en 1930 un dos seus máis clamorosos éxitos adaptando a novela de Heinrich Mann titulada O profesor Unrat, que no cine vaise chamar O anxo azul (Der Blaue Engel). Da dirección encárgase o vienés Josef von Sternberg, retornado dos EE.UU. xunto co protagonista Emil Jannings e unha Marlene Dietrich que aproveitaba de que xeito o seu primeiro papel principal nun filme sonoro.

11 feb 2007

Bird´s dreams


Non son nin un connaisseur nin un grande apaixoado do jazz pero confeso que ás veces disfruto escoitando esta música tan auténtica e sentida. Tampouco todo o jazz me atrae pero hai certos artistas que teño entre os meus preferidos e un deles é Charlie Parker.

Lembro que a primeira vez que vin o nome de Charlie Parker foi durante os meus anos de instituto. Estabamos a ler Las armas secretas, o libro de relatos de Julio Cortázar. O primeiro texto titulábase El perseguidor e era unha fermosa homenaxe ao célebre saxofonista, un perseguidor de soños, de novos sons, de novas formas de facer música, un dos creadores do be bop, un dos máis importantes artistas do século XX.

O relato contaba como un músico obsesionado (Parker) non era quen de conseguir todo o que rebulía na súa cabeza e a frustración que elo lle ocasionaba:

"Esto ya lo toqué mañana, es horrible, Miles, esto ya lo toqué mañana".


Nos anos 40 o estilo musical que predominara na década anterior, o swing, entrou en crise. As grandes orquestras de Glenn Miller e Benny Goodman alcanzaran un tremendo éxito entre a poboación branca dos EE.UU. pero o estilo xa non daba máis de si, non había lugar para a innovación artística.

Parker foi un innovador, como moitos outros músicos da súa xeración. A década dos 40 foi o tempo da improvisación, das jam sessions nas que se podía tocar o que se quixera. Foi o tempo tamén dos primeiros estilos alternativos e rebeldes. Así non sorprende que os escritores da Beat Generation como Jack Kerouac adorasen a Charlie Parker e a súa maneira de facer música.

Bird, como era coñecido por todos, viviu unha vida chea de excesos co alcohol e as drogas. Cando morreu unha noite mirando a televisión só tiña 35 anos pero tiña o corpo dun home de máis de 60.

17 ene 2007

A historia do meu bisavó (III)


Despois de traballar na cristalería La Belga o meu bisavó Pegerto Nóvoa pasou a encargarse en 1927 do hostal A Provinciana, no número 8 da rúa de Santo Domingo, xusto na fermosa Praza do Ferro.

Nese mesmo ano de 1927 pasa a ser tamén o representante en Galiza da MRM, unha casa de San Sebastián dedicada ao recauchutado de neumáticos.

Aínda no outono do mesmo ano abre a Pescadería Viguesa, no número 32 da rúa da Paz, que fai esquina coa devandita Praza do Ferro. O nome do novo negocio tamén nos permite adiviñar algunha relación especial coa cidade olívica. As gacetillas de La Región promocionan a nova pescadería cos xiros publicitarios habituais daqueles tempos:

“Está siendo muy visitado el nuevo establecimiento industrial «Pescadería Viguesa» instalado en la calle de la Paz, esquina de la Plaza del Hierro, de esta ciudad.
Débese el éxito de «Pescadería Viguesa» además del peso, a la fina calidad del pescado y marisco que allí se vende, y que el público puede adquirir en las mejores condiciones durante todo el día.
Felicitamos a los propietarios de «Pescadería Viguesa», muy especialmente a nuestro amigo don Pegerto Nóvoa, persona muy inteligente y activa por la acertada orientación que dieron a este negocio, en el que le deseamos la mayor prosperidad.”
La Región. 20 de decembro de 1927.
............................................................................................................
Na fotografía, tomada en Cuba nos anos 10, podemos ollar a Pegerto Nóvoa (pola esquerda o segundo de pé na última fila) e a Gumersinda Castro (a primeira muller sentada na segunda fila contando pola dereita).

6 ene 2007

O malvado Zaroff


O malvado Zaroff (The Most Dangerous Game, 1932)

D.: Irving Pichel e Ernest B. Schoedsack.
I.: Joel McCrea, Fay Wray, Leslie Banks.
RKO Radio Pictures


Esta é a historia dun cazador convertido en presa. Joel McCrea interpreta a un moi áxil e experto cazador de tigres que naufraga e chega a unha illa onde o sinistro Conde Zaroff se entretén practicando un moi sádico tipo de caza, sen dúbida, o xogo máis perigoso, que é o título orixinal da película en inglés.

Fay Wray, a mesma actriz que interpretaba á bela muller atrapada por King Kong no alto do Empire State, é aquí a aterrorizada hóspede forzada do malvado conde.

Esta longametraxe, de apenas 63 minutos, contén elementos propios do cinema fantástico e de terror tan predominante en Hollywood nos comezos dos anos 30. King Kong, Drácula, Frankenstein, A parada dos monstros e O home invisible son algúns dos filmes máis destacados.

Aqueles anos proporcionaron tamén unha boa lista de grandes actores coma Bela Lugosi ou Boris Karloff e de realizadores como Tod Browning e James Whale, os dous da Universal.

O malvado Zaroff pode ser unha mostra máis deste estilo esquecido durante décadas pero que recentemente parece ser recoñecido outra vez grazas a cineastas coma Tim Burton ou as novas versións de Drácula (Francis Ford Coppola), Frankenstein (Kenneth Branagh) ou King Kong (Peter Jackson).

30 dic 2006

Pequenos tesouros


Sempre apetece facer un paradiña nas tendas dos museos que un vai visitando e mercar polo menos algunha postal das obras de arte que alí se conservan, non co afán do verdadeiro colecionista convencido senón máis ben por un puro fetichismo primitivo guiado polo desexo de fuxir co tesouro conservado.

A tecnoloxía permítenos o que antes era imposible, a reprodución fiel das obras artísticas, pero sempre falta algo. Walter Benjamin, nun dos seus ensaios máis coñecidos, A obra de arte na época da súa reproductibilidade técnica, aseguraba que na reprodución sempre falta o aquí e o agora de cada obra de arte, que é o que lle confire a súa autenticidade.

Mentres pensaba en proxectos de novas viaxes e novos lugares recuperei estas postais mercadas na National Gallery de Londres hai xa ben tempo, un excelente museo nunha cidade fabulosa. Son de épocas e estilos moi diversos: O matrimonio Arnolfini, de Van Eyck; A Venus do espello, de Velázquez; Os xirasoles, de Van Gogh; Chuvia, vapor e velocidade, de Turner; e como lembranza das paisaxes londinenses O Támesis baixo Westminster, de Monet.

26 dic 2006

H.H. no Couto


A Unión Deportiva Orensana (UDO), da que xa temos falado, foi o equipo de fútbol que representou á nosa cidade alá polos anos 40 e comezos dos 50. Da súa andaina na Segunda división habería que falar con máis detalle porque merece a pena recordar aqueles magníficos xogadores e aquelas brillantes temporadas. Agora toca rescatar un deses partidos amistosos que se xogaron no Estadio do Couto naqueles anos.
O 15 de outubro de 1951 visitábanos nada máis e nada menos que o Atlético de Madrid, daquela campión de Liga por segunda vez consecutiva. Era habitual que os directivos ourensáns aproveitaran a visita a Vigo dos equipos máis punteiros da Primeira división para propoñerlles que xogasen en Ourense un partido o día anterior ou o seguinte ao compromiso ligueiro. As xestións co clube madrileño fructificaron e os futboleiros ourensáns puideron disfrutar dun interesante partido na tarde daquel luns.
O Atlético de Madrid, que non había moito tempo aínda era chamado Atlético Aviación, tiña como principal figura ao marroquí Larbi Ben Barek, coñecido como "A perla negra". No banco o seu treinador era o famoso Helenio Herrera, que aínda estaba a comezar a súa carreira futbolística en España. Os atléticos viñan de vencer con claridade en Balaídos (0-3).
O partido rematou con victoria local (5-4) e estes foron os que xogaron de inicio por cada equipo:

UDO: Pardiñas, Rodolfo, Padrón, Ernesto, Manolé, Ríos, Ortiz, Román, Rubio, Lara e Masós.
Atlético de Madrid: Menéndez, Cobo, Tinte, Farias, Mencía, Mújica, Juncosa, Ben Barek, Estruch, Mascaró e Miguel.

Ao final do encontro Helenio Herrera eloxiaba o xogo dos ourensáns:

"Tienen ustedes un magnífico equipo, con el que no debieran perder ningún partido en su propio campo y ganar muchos fuera. Es un equipo que me ha sorprendido, porque sabe hacer fútbol."

22 dic 2006

O mito de Sísifo


Albert Camus utilizou en 1942 a historia de Sísifo como motivo narrativo para a elaboración dun moi interesante e famoso ensaio sobre a existencia humana.

Sísifo foi un home que caeu en desgraza aos ollos dos deuses polo seu excesivo inxenio e astucia. Hai versións que din que Sísifo era o pai de Ulises, quen herdou del esa grande intelixencia que todos lembramos. Como castigo perdeu a vista e foi condenado a empurrar unha pedra pola ladeira dunha montaña cara a cima eternamente. A pedra cando chega ao cume cae e Sísifo ten que volver a comezar o seu traballo absurdo unha vez máis.

Precisamente do absurdo da vida fala Camus no seu ensaio. A excusa é Sísifo e o seu mito. Camus propón unha pregunta que considera fundamental: A vida merece a pena ser vivida? El desenvolve a súa teoría do home absurdo, aquel que é consciente da inutilidade do seu esforzo e do sinsentido da vida. As relixións, calquera delas, son só saltos ao baleiro para salvar o abismo que hai entre a conciencia do absurdo e o apego á propia vida.

A fonte de Camus é principalmente o Dostoievski da novela Os demos, particularmente do seu personaxe máis filosófico, Kirilov, pero a min a súa conciencia do absurdo da vida lévame tamén a pensar nun Unamuno ou mellor no Pessoa do Livro do Desassossego.

Lonxe do existencialismo francés de Jean Paul Sartre, do que Camus non era para nada defensor, tamén houbo a mesma e recurrente pregunta sobre se a vida merece a pena ser vivida.

18 dic 2006

Vinte anos sen o Zeca


O próximo 23 de febreiro cumpriranse 20 anos desde que morreu en Setúbal (Portugal) José Manuel Cerqueira Afonso dos Santos, máis coñecido como José Afonso. Foi sen dúbida o cantor e compositor portugués máis importante da música comprometida e de loita social antes e despois do 25 de abril.

Unha das súas primeiras cancións, Menino do bairro negro, ten unha fermosa letra e foi escrita por José Afonso inspirándose nun barrio marxinado do Porto. Chámanme especialmente a atención os versos "Onde não há pão, não há sossego":

Olha o sol que vai nascendo
Anda ver o mar
Os meninos vão correndo
Ver o sol chegar
Menino sem condição
Irmão de todos os nus
Tira os olhos do chão
Vem ver a luz
Menino do mal trajar
Um novo dia lá vem
Só quem souber cantar
Vira também
Negro bairro negro
Bairro negro
Onde não há pão
Não há sossego
Menino pobre o teu lar
Queira ou não queira o papão
Há-de um dia cantar
Esta canção...

13 dic 2006

A historia do meu bisavó (II)


No ano 1926 toda a familia está xa reunida de volta en Ourense. Pegerto, con 33 anos, regresara de Cuba facendo, seguramente, unha breve estadía en Vigo da que descoñecemos calquera detalle. Os dous fillos aínda eran moi novos. Alfredo tiña seis anos e Pegerto tan só cinco.

Chegan a unha cidade con apenas 20.000 habitantes. O Ourense dos anos 20 ía crecendo pouco a pouco grazas ás migracións dentro da provincia. A súa industria era moi feble e comezaban a experimentar un maior crecemento o sector do comercio e o transporte.
Durante os anos seguintes Pegerto vai emprender diversos negocios en Ourense dun xeito un pouco inconstante. Na primavera dese mesmo ano abre unha fonda na rúa Arcedianos, a que une a Praza Maior coa rúa Juan de Austria a través da Praza de San Martiño. No mes de xullo pasa a ser o representante en Ourense da cristalería viguesa La Belga. No número 21 da rúa da Gloria era onde recibía os encargos para a instalación de cristais e onde elaboraba os correspondentes presupostos dos clientes.

Horus protexe a Gulbenkian


Calouste Sarkis Gulbenkian naceu no que hoxe é Turquía en 1869. Foi un empresario de moito éxito no sector petrolífero. En 1928, no reparto da Turkish Petroleum entre as principais petroleiras do mundo soubo reservar para si mesmo o cinco por cento da nova compañía pasando a ser coñecido no mundo dos negocios coma o Señor Cinco por Cento. Esa porcentaxe permitiulle amasar unha fortuna que empregou na súa maior paixón: o colecionismo de obras de arte.

Despois da Segunda Guerra Mundial, Gulbenkian que tiña vivido en Londres e París estableceuse definitivamente en Portugal a onde levou as diversas pezas que foi adquirindo durante a súa vida. Morreu en 1955 e ao ano seguinte naceu en Lisboa a Fundación Calouste Gulbenkian formada hoxe en día por unha serie de museos e centros culturais.


O Museo Gulbenkian, que amosa só a sexta parte de toda a coleción, contén obxectos de moi diversos estilos, épocas e procedencias. Podemos contemplar desde uns marabillosos xarróns da China ata esculturas do Antigo Exipto. Merece a pena deterse nos manuscritos iluminados da Idade Media. Para os amantes da pintura son recomendables algunhas obras dos impresionistas coma Manet ou Degas. Na entrada do complexo poderedes ollar a estatua do fundador protexida por Horus, o deus falcón dos exipcios, en lembranza do Horus do Templo de Edfu.

12 dic 2006

Eléctricos centenarios


Aí vai unha nova postal da vella Lisboa de sempre, a que gardamos na nosa memoria. Nela podemos ollar dous dos famosos eléctricos, aparatos que son testemuña histórica desde hai máis de cen anos do acontecer diario da cidade da luz. Segundo parece, a primeira liña de tranvías inaugurouse no ano 1901 e enlazaba o Terreiro do Paço, hoxe Praça do Comercio, con Algés, localidade moi próxima a Lisboa.

Sempre hai algo de máxico nas cidades que conservan os seus antigos tranvías. En moitos países de Europa é o máis habitual. Forman parte da paisaxe tradicional pero ademais seguen a ser utilizados por propios e alleos. Son respectados e integrados na rede local de transportes.

A fotografía foi tomada o pasado 7 de decembro no Largo de Camões, unha praza na que se veñen encontrar o Chiado e o Bairro Alto e que lembra ao grande escritor portugués.

11 dic 2006

A epopeia lusa


Aínda que xa o lin na miña adolescencia, alá polo 1989, tiña gañas de lelo mais uma vez e por iso merquei en Lisboa unha edición sinxela e moi didáctica de Os Lusíadas, curiosamente a mesma edición que me fixera disfrutar hai máis de quince anos.

O poema épico escrito por Luis de Camões en 1572 é unha celebración renacentista do nacemento dunha nación ao estilo das magnas historias gregas e romanas pero co descobrimento das novas rutas cara a India como telón de fondo narrativo. O heroe non é nin Ulises nin Eneas senón o propio pobo portugués, os lusos, os lusitanos. O navegante Vasco da Gama ten, iso si, un papel fundamental, levou a Portugal máis alá do Cabo de Boa Esperanza. O paganismo clásico é substituido aquí pola cruzada cristiá e a conquista de novas terras. Todo en conxunto fai de Os Lusíadas unha epopeia moderna e fundamentalmente patriótica.

O poema está dividido en dez cantos e 1102 estrofas que son octavas decasílabas. Non todos os cantos teñen o mesmo número de estrofas pero hai certa regularidade. No inicio o autor prega ás musas pola inspiración necesaria para levar adiante o canto patrio.

Non se coñece apenas nada da vida do autor pero é probábel que fose de orixe galega, dunha familia establecida en Chaves. Algúns estudiosos de Camões, porén, sitúan o seu nacemento na mesma Lisboa. Alén das disquisicións sobre o lugar de nacemento merece sobre todo a pena disfrutar dun monumento literario tan destacado.

Laranxas en Lisboa


Portugal é un país capaz de ofrecer as imaxes máis estranas. Lisboa, a súa capital, é unha cidade que paga a pena visitar, mesmo se está ateigada de turistas madrileños e andaluces con aires de suficiencia.

Entre o barrio da Baixa e o Chiado érguese o elevador de Santa Justa que transporta os peóns cara o Largo do Carmo. Ademais, na cima do elevador, hai un pequeno mirador desde o que se pode contemplar toda a cidade. Regateando entre os turistas tomei esta curiosa fotografía: unha cestinha de laranxas e ao fondo a fermosa praza do Rossio ou praça de Pedro IV, primeiro Imperador do Brasil e neto de Carlos IV de España.

26 nov 2006

A variña máxica

Lendo e escoitando certas cousas un comeza xa case a pensar que os mestres somos os novos magos Houdini do século XXI. Hai cinco anos, cando empecei esta desagradecida tarefa de ensinar, descoñecía por completo os superpoderes máxicos que a sociedade actual asegura que posuímos. Confeso: eu aínda non atopei a miña variña máxica pero supoño que será por falta de vocación ou aptitude, ou as dúas cousas, que todo pode ser.
É que xa vai sendo excesivo isto de responsabilizar ás escolas e aos mestres de todos os males do mundo. Se nos decatamos cada certo tempo da continua sangría dos máis novos nas estradas é porque na escola non se fai fincapé na educación vial, se os nenos enchen o bandullo de bolos industriais cheos de graxas animais é porque na escola non se fala o suficiente da boa nutrición, se os adolescentes entran inxenuamente no mundo das drogas é porque lles falta información e os profesores non saben tratalos. E así poderíamos seguir con cen casos máis.

Resulta cando menos triste ollar como esta sociedade e tamén moitas familias se desentenden por completo de asuntos tan importantes. Asusta a facilidade con que se atopa resposta para todo sen pensar en nada. Queridos mestres, se segue habendo obesidade infantil, drogadición e acidentes nas estradas sabede que é porque non traballades o suficiente, porque o resto do mundo está moi ocupado en cousas máis importantes. Quizais é que aínda non atopastes a maldita variña máxica que eu ando a buscar.