9 ago 2008

Kes


Despois de Cabelo de cenoria hoxe gustaríame falar doutro filme marabilloso que garda certa relación con el pero que inclúe ademais un enfoque educativo máis fondo. Estoume a referir a Kes (1969), do británico Ken Loach. Mais, antes de falar do filme cómpre sempre comentar un pouco da novela na que está baseado e que so puiden ler durante este verán no inglés orixinal pois ignoro que exista algunha tradución ao galego ou ao castelán.
O novelista inglés Barry Hines escribiu A Kestrel for a Knave en 1968. O título poderíamolo traducir como 'Un falcón para un trasno'. O trasno é un pobre rapaz dunha cidade industrial do norte de Inglaterra chamado Billy Casper, desatendido no fogar, maltratado polo seu irmán maior, humillado na escola e incomprendido en todas partes. Billy atopa refuxio e cariño nun fermoso falcón, elegante, nobre, que non ten nada que ver coa súa vida sórdida e gris. Quere sabelo todo sobre as aves: a alimentación, os hábitos, os coidados, os voos, etc. Pasa o día pensando nel.
Barry Hines, que tamén se encargou de elaborar o guion da película xunto a Tony Garnett e ao propio Loach, sinala no epílogo da novela algo no que concordo por completo:

"En termos académicos Billy Casper é un fracaso. Atópase no degrau inferior dun violento instituto de secundaria (...). Pero unha vez que se interesa pola cetrería adquire un libro sobre a materia que está cheo de vocabulario esotérico e descripcións técnicas. Entón ponse a adestrar con éxito o seu falcón, o que require tanto de intelixencia como de sensibilidade. Se tivera habido unha reválida en Cetrería, Billy Casper tería sacado un sobresaliente, o cal tería obrado marabillas na súa autoconfianza e lle tería dado unha imaxe propia máis positiva."

As ensinanzas que se poden extraer tanto da novela como do filme son tan fundamentais que é máis que recomendable que todos os mestres se acheguen a coñecer a historia de Billy Casper e o seu falcón. Ademais, a única persoa que amosa comprensión e cariño hacia o rapaz é un dos seus mestres, Mr. Farthing. Nunha conversa con el despois dunha pelexa no patio da escola Billy quéixase:

"—Mestres. Nunca xamais pensan que a culpa poida ser deles.
—Pois non, non creo que moitos o fagan, rapaz.
—Pensan que sempre teñen razón. Pero hai veces nas que non tes a culpa, como esta mañá; ou como cando te baten por non escoitar cando é completamente aburrido. Quero dicir, non tes culpa por non escoitar cando non é interesante, non si, señor?
—Non, non tes culpa, Casper.
—Non lle diga isto aos mestres. Diríanme: 'Non sexa insolente, rapaz" e unha bofetada.
(...)
—Iso é o que dirían, señor.
—Eu non digo iso e son mestre, non si?
—Bueno...
—Bueno que?
—Vostede polo menos trata de ensinarnos algo, a maioría dos outros non. Non se molestan por nós, so porque estamos en 4ºC, xa sabe, fálannos coma a esterco. Chámannos idiotas, e retrasados, e cretinos, e non paran de mirar os seus reloxos para ver o tempo que falta para rematar a clase. Están fartos de nós e nós deles. E cando hai un problema cóllenme a min porque son o máis pequeno.
—Non son todos así, seguramente?
—A maioría, señor. E, de todas maneiras... eu podo falar con vostede mellor que coa miña xente."

(Na primeira imaxe, un fotograma do filme con David Bradley no papel de Billy Casper. Na segunda imaxe o poster da película.)

1 comentario:

Anónimo dijo...

hola.
Dí casi por casualidad con este blog y me pareció muy interesante, aunque la verdad es que se me hizo un poco complicado (no imposible...eh!!) leerlo, ya que sólo hablo, leo, escribo y pienso en español.
Debo admitir, con un poco de tristeza, que he estado un poco alejada del área humanista de la vida (pero sólo un poco) por dedicarme a otras cosas no menos interesantes.
Pero bueno...
Sólo paso a dejar saludos desde el otro lado del mundo y espero que seas muy muy feliz!!!

pasaré de vez en cuando por aquí (eso suena a amenaza jaja), pero lo digo amistosamente.

No te quito más tiempo, te deseo lo mejor del mundo...

(no sé cómo decir esto, pero ahi va: dudo que te acuerdes de mi, pero de todas formas me atrevi a escribir cuando encontré esta página...si no te acuerdas...está todo bien jaja...)

desde el sur del mundo,
Elvira.