25 oct 2008

O avó de don Ramón


O avó materno de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) foi un coñecido avogado no Ourense do século XIX. Ramón Pedrayo Silva naceu en Ourense o 17 de novembro de 1822. Tiña o seu bufete na Praza Maior e ademais era o propietario do inmoble da Rúa da Paz onde logo nacerían Otero e Risco. Na introdución ás Cartas a nai publicadas por Galaxia no 2007 podemos ler un comentario do propio Otero Pedrayo sobre o seu avó:

Mi madre era hija de un letrado de fuerte y cimentado saber, clara mente, sentido a la antigua del deber, estilo conciso, excelente latinista. Su muerte, más que la incuria del hijo mayor, cerró en la plaza Mayor de Orense un bufete respetado y autorizado en toda Galicia. Su nombre murió con el último viejo campesino cliente de don Ramón Pedrayo.

Na obra e no pensamento de Otero Pedrayo a familia ten moita relevancia pois é o vencello máis forte que nos une á terra. O relato titulado O fidalgo, un dos meus preferidos, amosa con claridade os cambios sociais, económicos e de mentalidade acontecidos na segunda metade do século XIX e principios do XX. Apréciase a nostalxia pola fidalguía xa extinguida, substituída por unha burguesía allea aos valores tradicionais.

A relación epistolar coa nai, citada enriba, resulta tamén fundamental para entender o sentido da familia de Otero Pedrayo. Lendo as cartas da nai e do fillo acompañamos os dous no seu mutuo agarimo, nas preocupacións da nai pola saúde do fillo, nas dificultades do día a día no Madrid de hai cen anos, nos consellos sobre a compra e venda de terras...

Onte, pasando as vellas follas de El Eco de Orense atopei a esquela de Ramón Pedrayo Silva, publicada o 4 de maio de 1899 e que aquí reproduzo. Ao ler a esquela tamén puidemos averiguar que o avó fora alcalde de Ourense e presidente da Deputación Provincial.


No hay comentarios: