28 oct 2009

Galicia enteira, aínda que menos


As guías turísticas constitúen un xénero aparte na edición de libros. Cada vez é máis frecuente ver extensísimas seccións nas principais librerías das nosas cidades e mesmo establecementos dedicados exclusivamente ao mundo das viaxes. Recordo a primeira librería deste estilo que coñecín en Bilbao haberá uns quince anos. Había un longo pasillo cheo de andeis, e en cada andel caixas e máis caixas con mapas de todos os países do mundo. Decidín comprar un mapa dos Estados Unidos para seguir con detalle o itinerario de Jack Kerouac e a súa tropa de beatniks que relatou en On the Road.

Nestes espazos de venda reúnense non só guías, senón tamén multitude de mapas, postais, guías de conversación, libros de receitas, relatos de viaxes e mesmo novelas que gardan estreita relación co lugar que un quere visitar. Un case pode xa gozar co panorama que ten diante sen necesidade de facer a maleta. O pasado verán, na librería máis coñecida da zona universitaria de Atenas, a Eleftheroudakis, eu ía á procura dun mapa de estradas da illa de Corfú e atopei entre os planos de todos os arquipélagos gregos unha edición de bolso das novelas que Gerald Durrell escribiu relatando as súas vivencias da infancia naquela marabillosa illa, o que os británicos denominan The Corfu Trilogy. As novelas que a compoñen son unha deliciosa mestura de humor e amor pola natureza, mestura que a miña muller devorou logo sorprendéndome a cada pouco cunha gargallada irreprimible.

Amor pola natureza tamén tiña meu pai cando nos anos 80 decidiu, con toda a familia, emprender o noso descubrimento da Costa da Morte. Daquela non había tanto onde escoller, todos os libros en galego entraban na categoría de rarezas e google non pasaría dun estrano gaguexar infantil. Meu pai paraba o coche en calquera sitio (a veces nos máis arriscados) e abría un libriño vermello que na portada dicía "Galicia enteira". Comezaba a ler a historia daquel monumento, as curiosidades daquela vila, o que se podía ver ao outro lado da ría... Nós, ás veces, ficabamos cansos de tanta información pero iso nunca desanimou a meu pai.

O outro día caeu nas miñas mans, por sorpresa, un exemplar daquel acompañante noso dos veráns, o primeiro volume dunha serie de doce elaborados polo coruñés Xosé Luis Laredo Verdejo. Con curiosidade busquei a data de edición: primeira, xuño de 1980; segunda, abril de 1981. Reparei nas súas fotografías gastadas, nos esquemas dos seus itinerarios, os deseños dos escudos da nobreza, os mapas das parroquias, etc.

Polas noites, cando voltabamos a Corcubión, eu abría o meu caderno de verán e debuxaba alí as torres de Mens, o castelo de Vimianzo e o dolmen de Dombate; inventaba historias de celtas na cidade de Borneiro, de mariñeiros nas illas Sisargas, de naufraxios no cabo Vilán. Hoxe volvín lembrar todo iso. Pechei o libro con nostalxia e volvín ao título: Galicia enteira, aínda que menos.



19 oct 2009

Dignidade


Participamos onte nun acto reivindicativo que probablemente pasará á historia deste país como a manifestación máis importante e numerosa a favor da lingua e cultura propias. Pero penso que é errado caer na autocompracencia pois a pesares do ambiente festivo e alegre, acompañado ademais por un día magnífico, o éxito da convocatoria non debería ocultar o gravísimo momento polo que atravesa a lingua e a cultura galega. Se fomos capaces de xuntármonos tantos milleiros de persoas nas rúas de Santiago é que algo vai verdadeiramente mal. O ideal sería pasar as mañás dos domingos de paseo co xornal baixo o brazo sabendo que a lingua galega está en boas mans, libre de prexuízos e de ataques, recoñecida socialmente, promovida e defendida polos que prometeron facelo, arredada das liortas partidarias, etc. etc.

Invádeme pois esa sensación agridoce. Quero quedar coa parte que ilusiona, ese movemento de xente de todas as idades e procedencias, unida fraternalmente en defensa do que sinte como propio, ese sentimento de dignidade que se podía ver nas caras dos máis novos e dos máis vellos, eses pais que levaban os seus fillos sobre os ombros, que tanto me recordaron a miña propia infancia nos anos 70, naquel espertar da democracia. Desde logo, se tivera que resumir a sensación de onte nunha palabra, sería esa: dignidade.

Posiblemente ven de xurdir onte unha forza cívica que reclama o seu dereito a intervir nun debate aberto irresponsablemente por políticos profesionais. Os políticos, de todas as cores, ben farían en ter en conta a física do novo desafío civil. Non acabo de ter claro que a dinámica dos partidos, obsesionados polo poder e polo seu reparto, poida dar resposta a esta enerxía centrípeta. A democracia, en certo sentido, consiste en que o pobo independente confíe aos seus representantes a custodia dos tesouros compartidos. A lingua é seguro a nosa maior riqueza. Maltratada polos gobernantes saímos á rúa a esixir que coiden o que prometeron cando asinaron o Estatuto de Autonomía e as leis que del derivan. Foi por tanto un acto de xustiza.


Saúde e Terra, e Océano (como ben sinalou onte un atinadísimo Xurxo Souto).

9 oct 2009

Bispos e elefantes


Aínda que o xadrez é un xogo orixinado na India, no chaturanga, foron os persas e os árabes os que o difundiron por todo o Mediterráneo. O vocablo sánscrito derivou no árabe shatranj, do que proceden os románicos xadrez e ajedrez. Noutras linguas o nome seguiu a vía francesa (échecs): chess (inglés), scachi (italiano), escacs (catalán), schach (alemán), schack (sueco).

O xadrez foi introducido en Europa a finais do primeiro milenio. Máis que a etimoloxía do seu nome pareceume curiosa a evolución histórica e etimolóxica dunha das súas pezas, o alfil. En persa alfil significa "o elefante", o cal nos indica ben ás claras a súa orixe india. Na Europa medieval unha figura de elefante semellou demasiado exótica e descoñecida e foi pouco a pouco substituída pola dun bispo, que encaixaba mellor nos costumes dos contemporáneos pois os bispos adoitaban participar nas batallas. O elefante acabou sendo bispo e así se chama hoxe en inglés (bishop) e en portugués (bispo).

E resulta curioso pois hoxe en día os bispos e os elefantes acaban por parecerse, con todo respeto para estes últimos. Os bispos seguen a meterse nos asuntos públicos como elefantes nunha cacharrería. Queren decidir por todos as leis que nos protexan e defendan, a educación, a sanidade... A pena é que ningún goberno, da cor que sexa, se atreveu aínda e dunha vez por todas a marcar a necesaria liña que separe a igrexa do estado. Só este pode representar a todos.


(Na imaxe, pezas do famoso xadrez Lewis, do século XII, atopadas en 1831 nunha illa escocesa. No centro pódese ver a figura do bishop.)


23 sept 2009

Sentimentos bos e sentimentos malos


Non vou descubrir a estas alturas que o fútbol levanta paixóns neste país e que remove tamén máis odios que calquera outra cousa falada ou escrita. O que me animou hoxe a escribir foi a entrevista (ou o que fose) que onte José Ramón de la Morena lle fixo ao mediático presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, despois da victoria do Barcelona sobre o Racing de Santander. Os personaxes non merecen moito a atención, xa o sei. Non destacan polo bo xuízo nin pola súa aportación filosófica. Animados mutuamente por unha ideoloxía compartida deixaron saír polas súas bocas todos os prexuízos anticataláns que poidamos imaxinar e puxeron a Joan Laporta de volta e media pola súa "campaña de politización" do Fútbol Club Barcelona.

Deixando a un lado a paradoxa de escoitar a un político metido a futboleiro criticar a un futboleiro metido a político, un non pode sentir certo noxo ante comentarios que pouco teñen que ver coa tolerancia constitucional que esta xente nos quere transmitir e que di defender.

"España sigue siendo madridista... Ahora sería la oportunidad del Barça de hacer a la España culé, pero estando ahí Laporta es imposible porque está con el tema del separatismo, la independencia y todo eso, de tal manera que ha politizado al Barça, de tal manera que es muy difícil que gane adeptos fuera de Cataluña" (DLM).

Este argumento de que sentirse catalán limita moito é utilizado arreo para desprezar calquera manifestación política, cultural ou lingüística non só catalana, senón tamén vasca e galega. O Barça leva tendo unha profunda carga simbólica desde moitos anos antes de nacer Laporta. E seica hai que separar a política do fútbol, pero consideramos razón lóxica as opinións dun presidente para ser ou non ser dun equipo. Se hai que separar, que c. importa o que pense ou opine o presidente? A min o que me interesa e que xoguen Messi e Iniesta.

Revilla entrou ao trapo, como non? Famoso nacional pola súa querencia do micrófono, máis querido que o carné de socio do Racing, o político que non quere que se politice o fútbol non se ruboriza en falar de ETA e do separatismo, de "radicalismo independentista", "derivas nacionalistas", "patochadas"... "de los que se quieren separar de España" (De Messi a Josu Ternera en dous minutos). Revilla confesou que prefire quedarse na casa antes que ir xunto a Laporta e dicirlle "cuatro cosas". Ataque agudo de tolerancia. Para Revilla "el pueblo catalán es extraordinario", claro, pero sempre que coincida co que el pensa. Quizais debería mirar máis polo seu e non meterse tanto en casa allea non vaia ser que os cataláns comecen a sinalar o que hai que facer/dicir/pensar/sentir na fermosa Cantabria, con xente que será extraordinaria coincida ou non co que un pensa.

Non houbo que darlle moita corda para que se metera Revilla no charco dos pseudorreferendos que están tendo lugar nalgúns concellos de Cataluña. A mín dame a risa ver tamén nesa loita ao noso presidentiño Feijoo dicir en xuño que consultar era o máis democrático do mundo e en setembro que consultar é un ataque furibundo que merece castigo exemplar. Demócratas destinxidos que diría Chaplin (o único home deste post que de verdade admiro).

Neste país, afortunadamente hoxe (antes non), un pode pensar, falar e sentir o que queira, sexa presidente do Barcelona ou sexa conserxe do colexio de Villalpando. Supoño eu que en xusta coherencia, cando algún presidente ou particular declare non sentirse catalán (co mesmo dereito), ou cando nun concello, poñamos de Tarragona, se faga un pseudorreferéndum a favor de separarse de Cataluña, estes tres defensores da sensatez tamén se enfadarán moito moito e farán uso dos seus repetidos calificativos. Pero seguro que habemos quedar esperando. Menos mal que temos a Messi para que nos faga máis agradable a espera.

18 sept 2009

O politizador que despolitiza


O discurso político deste presidente da Xunta que temos actualmente está a resultar dunha mediocridade tan notable que resulta unha permanente decepción (ou non) ler as súas declaracións de cada día nos xornais. Nunca perde ese ton de superioridade moral, de exemplo de dedicación e falso bo rollo, de posuidor da verdade absoluta, pero non garda nin a máis mínima coherencia, xa non digo respecto e veracidade. O último dardo dun presi máis preocupado por atacar aos que opinan diferente foi dirixido aos equipos directivos dun bo grupo de centros educativos que, con toda a razón, negáronse a introducir en Internet, un por un, os datos dos pais de alumnos que solicitan axudas para a compra de libros. Ese non é o seu traballo e afearlle a conduta a quen simplemente cumpre co seu cometido é propio de manipuladores.
Por se non fora pouco con iso, o líder declarou solemnemente que non se debe "politizar a educación". Isto só uns poucos días despois de que o seu conselleiro do ramo, nunha escena que da vergonza a calquera, sexa da orientación política que sexa, utilizara unha suposta lista de pais de alumnos da oposición que levan os seus fillos a centros privados, coa ameaza terrorífica de facela pública. Isto non é politizar a educación? Entón como lle chamamos a este uso fraudulento de información recabada para outros fins? Non ten o presidente que chegou coma mesías a despolitizar a educación algo que dicir sobre a conduta do seu conselleiro? Ou pensa o presidente que todos os galegos somos parvos?


14 sept 2009

Canto valen os libros?


Hoxe é un deses cinco ou seis días ao ano en que resulta case imposible moverse por unha librería. Hai longas filas de nais alporizadas, nenos que fan carreiras por entre os andeis, berrando e collendo cousas sen permiso, e mesmo no mostrador podemos ver un aparello para coller número como o que hai nas charcuterías. As dependentas móvense dun lado ao outro moi apuradas, tratando de despachar o xénero o máis axiña posible. A librería, en poucos días, ficará baleira e voltará ao seu estado natural invisible. Que triste resulta unha sociedade que se acorda dos libros unha vez ao ano!, pero máis triste é que de quen se acorden realmente sexa da nai do que lles mandou comprar os libros escolares dos fillos. Achegádevos hoxe a unha librería e escoitaredes unha serie infinda de eloxios ao labor educativo dos mestres, ao seu traballo sempre encamiñado á mellor formación dos nenos e nenas deste país, unha lembranza por aquel mestre que lle ensinou ao fillo a fermosura das boas historias, aquela mestra que logrou atraelos á fantástica aventura de ler...

En fin, teño que confesar que con respecto á decisión de eliminar o sistema de préstamo non teño unha postura firme e clara. Por un lado penso que o diñeiro público está mellor gastado en libros que en armas ou soldos vitalicios a senadores inmortais, mellor en libros que en subvencións ás grandes empresas, mellor en libros que en asfaltar o pouco xardín que queda. Postos a decidir en qué gastar o que recauda o Estado, os libros para todos non parece unha mala opción. Pero vistas as consecuencias máis inmediatas desta política penso que o único que fai a gratuidade é perpetuar o desapego e a desvalorización social do libro e, por extensión, da educación e da cultura. Aposto que son capaz de nomear dez valores que esta sociedade antepón ao do coñecemento. E tanto me gustaría equivocarme.

Mentres isto sucede, hoxe no mundo hai máis de 130 millóns de rapaces sen escola, o cal quere dicir, sen futuro. Aquí, no mundo rico do despilfarro diario, os pais indígnanse por gastar en libros a metade da metade do que logo gastan en tabaco, pleiesteisions e camisetas do realmadrí. En África, os nenos que teñen que percorrer quilómetros e máis quilómetros na busca de auga para vivir, os que teñen que dedicarse á venda ambulante desde antes da saída do sol ou axudar nas durísimas tarefas de recolección na temporada das colleitas, soñan con ter un pupitre algún día:


«Quanto pesa una lacrima?» «Secondo: la lacrima di un bambino capriccioso pesa meno del vento, quella di un bambino affamato pesa più di tutta la terra.»
Gianni Rodari (Favole al telefono, 1960)

12 sept 2009

O Turuleque


Os contos de Francisco Álvarez de Nóvoa recollidos na súa obra Pé das Burgas son unha delicia que a un lle gusta saborear de cando en vez. Este libriño foi publicado en 1896 e non se reeditou até o ano 1988. É polo tanto unha escolma ben pouco coñecida da nosa literatura contemporánea, como ben sinala Méndez Ferrín no prólogo para a reedición de Xerais. Pé das Burgas é sobre todo unha crónica sentimental da cidade de Ourense, unha galería descriptiva de personaxes e lugares. Un, cando volve ler estes relatos, non pode deixar de pensar en Blanco Amor e a súa Esmorga.

Hai uns oito anos eu impartía clases a adultos no Instituto Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, e utilicei un destes relatos na aula de galego. Aqueles alumnos, nada afeitos á lectura, emocionáronse ao descubrir unha historia tan humana e fermosa coma a do Turuleque, unha historia contada ademais na súa propia lingua, na mesma que usaban para falar das lousas e as canteiras das que baixaban todas as noites cos cadrís mancados e o orgullo ferido.

Turuleque era un daqueles graxos das Burgas inmortalizados por Lamas Carvajal. É dicir, era un pillabán, un pícaro dos baixos fondos da cidade; pero era nobre:



Tería uns dezasete anos, e era bo mozo, alto, ben feito e garrido como fillo do regato non entangarañado pola fartura; malicioso de lei, de xenio alegre, sentido, todo corazón, máis dunha vez deu as cadelas, que xuntara facendo encargos, ó compañeiro que esfameaba ou á vella que non tiña máis agarimo cá esmola.

Turuleque, inocente, non tiña moza pero si unha preferida, unha nena pobre e soíña:



Chamábanlle María, e era filla dunha tripeira que xa morrera, deixándoa, con algúns cartiños, nas mans dun lampantín que, despois de comelos, tíñaa na casa chea de fame e golpes; e el, de corazón bondadoso, achou non sei que meiguice naqueles ollos azuis cheos de bágoas que miraban para todo o mundo como pedindo perdón polo non feito.

Turuleque facía rabiar ás beatas na misa e tiña tolos aos gardas municipais.



Pero o campo das súas fazañas eran as hortas: el sabía dos primeiros fatóns, das primeiras peras de San Xoán, das primeiras uvas, dos primeiros figos, das primeiras niñadas dos paxaros, e el era o primeiro en catar de todo, non sen gardar o mellor para María. Tanto se convenceron os donos do caso, que xa botaban a conta da primeira froita, descontando a do Turuleque, posto que nin con tiros de sal, cans, garamelos nin diaños, se libraban do tributo, pois non parecía senón que cheiraba o peligro, coma os corvos a pólvora.

Turuleque xurou vingarse daquel lampantín cando fose home. Mais o tempo pasou e as cousas, como nos ocorre a todos, non foron exactamente como el as soñou.


(Na imaxe, a Burga Grande a comezos do século XX.)

PS: Vai o meu agradecemento a Jorge Martínez quen me obsequiou xa hai anos cun exemplar desta marabilla literaria e, onde queira que eles anden, desexo enviar un saúdo agarimoso aos meus ex-alumnos de Valdeorras, especialmente a Arturo, Abel e Roberto, dos que gardo unhas fermosas lembranzas, así como ao meu colega José Luis Nogueira.

1 sept 2009

Tres décadas de cinema


Hai na historiografía do cinema unha evidente tendencia a dividir en décadas os diferentes períodos da evolución do feito cinematográfico (arte, industria, linguaxe, forma de ocio, creador de modelos de comportamento, etc.). Así non é raro falar dos anos trinta coma a época dourada de Hollywood e do cinema clásico narrativo (Capra, Ford, Hawks), ou dos anos oitenta coma os anos do cinema comercial dirixido á infancia e a adolescencia (Lucas, Spielberg, Scott).

Nun exercicio rápido de lembranza figuran tres datas históricas, fundamentais na evolución do cinema, que gardan certa relación cando menos numérica.

28 de xuño de 1919. Fírmase o Tratado de Versalles, sete meses despois do final da Primeira Guerra Mundial. Unha Alemaña humillada e organizada como República produce algúns dos filmes máis importantes de toda a historia: Caligari, Nosferatu, Metropolis. Xorde un suposto cinema expresionista e unha productora de prestixio, a UFA. É o tempo de nomes coma Wiene, Lang, Pabst, Pommer, Sternberg, May. Os directores europeos desembarcan en América: Murnau (Sunrise, 1927), Lubitsch (The Love Parade, 1929), Leni (The Man Who Laughs, 1928), Dupont, Sjöström (The Wind, 1928), Feyder (The Kiss, 1929), Dieterle, etc. A comedia de Buster Keaton e Harold Lloyd. Son les années folles. A Warner triunfa co cinema sonoro: The Jazz Singer (Crosland, 1927).

24 de outubro de 1929. O día do crack na bolsa de Nova York. Despois do pánico, un longo tempo de depresión. Roosevelt e o New Deal. Keynes. Os filmes propagandísticos de Pare Lorentz. Obras mestras como As uvas da ira (Steinbeck-Ford), Cabaleiro sen espada (Capra) ou Bringing Up Baby (Hawks). Outros directores salientables como McCarey, Berkeley, Borzage, Browning, Cukor, Fleming, La Cava, LeRoy, Sturges, Vidor, Walsh. Actores e actrices coma Greta Garbo, Gary Cooper, Clark Gable, Claudette Colbert... Os irmáns Marx. O ascenso do nazismo. Nova vaga de directores que chegan a EE.UU. fuxindo de Hitler: Lang (Fury), Siodmak (The Spiral Staircase), Wilder, Preminger, etc.

1 de setembro de 1939. Hai hoxe xusto setenta anos Alemaña invadía Polonia. Nova vaga de directores que marchan a Hollywood: Hitchcock, Korda, Renoir. Filmes propagandísticos a favor da intervención norteamericana. Chaplin e O gran dictador. Argumentos para o cinema: Casablanca (Curtiz), The Best Years of Our Lives (Wyler), Coronel Blimp (Powell), A Walk in the Sun (Milestone), etc.


(Na imaxe, de esquerda a dereita: Das Cabinet des Dr. Caligari, de Robert Wiene; Mr. Smith Goes to Washington, de Frank Capra; e The Best Years of Our Lives, de William Wyler).

31 ago 2009

Escenas medievais


O presidente da Xunta e aspirante á alta política da corte dixo o outro día ás portas do castelo de Soutomaior (Montemayor segundo Antena-3) que hai que deixar de lado "localismos" e "discursos identitarios" para centrarse nas familias (nas súas?). Eu supoño que un político tan valente como Feijoo, que exercía o papel de fiel vasallo nesta escena medieval, estáballe a mandar esta firme mensaxe de compromiso ao xefe do clan, don Mariano Rajoy, alí presente, porque non quero nin pensar que se trate dun ataque máis aos que nos sentimos galegos e nos negamos a avergonzarnos por elo (medulios obsoletos con máis obelix que panoramix).

Tampouco creo que haxa discurso identitario máis espectacular, ostentoso e inútil que aquela macrobandeira de España erguida na madrileña praza de Colón, ou aquel video-Rajoy (xa comezaba a estragadora moda youtube), ao estilo real borbónico, difundida polo día da grande patria hai case dous anos:

"Los españoles celebramos nuestra fiesta nacional."

"Porque somos una nación y queremos celebrarlo, y dejar constancia de que nos alegramos."

"Por eso vamos a honrar y a exhibir el símbolo, que con la Corona, mejor nos representa en todo el mundo."

"Yo estoy orgulloso de ser español."

"Pido que hagan algún gesto que muestre lo que guardan en su corazón."

Aos poucos días de revelarse esta xoia escolástico-audiovisual, Javier Marías publicaba un magnífico artigo sobre a inconsistencia da mensaxe do líder popular. A eséxese do texto (entendido como concepto máis semiótico que medieval) foi copiosa.

Outra cita ineludible do líder da facción que debe figurar nunha historia dos discursos identitarios ten que ser a seguinte: "ETA es una gran nación... España... perdón, es una gran nación."

Como era a cousa logo? Que hai que deixarse de discursos identitarios? Si. De todos? Non sei. Pódese ser máis cínico?
Na Idade Media había vasalos sometidos á lei feudal do rei e a súa corte, no século XXI, mal que lle pese a algún clan de homes bos, hai cidadáns libres que, mesmo sendo ateos pola gracia de Deus, teñen tanto dereito coma calquera a expresar a súa identidade. Non era iso no que consistía a liberdade?

29 ago 2009

La nature s'en fout


Os tenentes Marechal (Jean Gabin) e Rosenthal (Marcel Dalio), fuxidos dun campo de prisioneiros alemán en La grande illusion (Jean Renoir, 1937), tratan de chegar a Suiza o máis axiña posible. Agochados baixo as árbores ollan con esperanza os cumios cubertos de neve. Marechal apresura a Rosenthal, que olla o mapa que leva nas mans.

—Veña, seguimos.

—E logo non esperamos á noite?

—Non, perderíamos o camiño. As árbores esconderannos pero no val deberemos permanecer agachados. Estás seguro de que aquilo é Suiza?

—Completamente.

—Parece todo igual.

—As fronteiras son un invento dos homes. A natureza non ten nada que ver.

Así é. As fronteiras de África foron trazadas con escuadro e cartabón ao ditado dos intereses europeos. Alí onde non había desertos, os ríos e as montañas foron pretextos para o reparto do poder. Hoxe temos conflitos fronteirizos entre Chile, Perú e Bolivia; entre Ecuador e Colombia; entre Costa Rica e Nicaragua; entre Hungría e Eslovaquia; entre Rusia e Xeorxia; entre Camboia e Tailandia; entre a India e Paquistán; etc. A natureza non ten nada que ver.

Hai tamén estados que se queixan das fronteiras que lles poñen polo norte namentras elevan unha máis alta polo sur. Hai estados que reclaman a antigüidade das súas fronteiras, credencial das cicatrices mal curadas. Hai un afán por repartir e dominar, por apartar e desprezar.

Así e todo, as fronteiras entre os estados tenden a diluirse, a facerse máis borrosas, menos precisas. As alfándegas son só sombras sobre a estrada. E canto máis borrosas se fan as fronteiras á nosa vista, máis nítidas vemos as liñas grosas que separan unhas clases sociais doutras, os ricos dos pobres, os poderosos dos desfavorecidos, os dominadores dos dominados. Esas son as verdadeiras fronteiras, as que permanecen. Jean Renoir foi quen de retratar esta paradoxa con incomparable talento.







27 ago 2009

O galo que metía medo


Postos a falar de galos e galiñas, nesta vaga aviar que vivimos ultimamente, non podo deixar de lembrar que hai xusto cen anos o galo máis famoso do mundo era sen lugar a dúbidas o da Pathé. Tense repetido moitas veces que os irmáns Lumière inventaron o cinematógrafo pero que foron os Pathé os que o convertiron nunha industria. E é cousa ben certa. A Pathé, que naceu para explorar o negocio dos fonógrafos, organizou a produción e a distribución de filmes de xeito tan eficaz que cara o ano 1905 dominaba o mercado internacional do cinema sen ninguén que lle fixera sombra.

O profesor Richard Abel, magnífico coñecedor dos inicios do cinema francés, escribiu hai uns anos un libro que aporta luz sobre este período crucial: The Red Rooster Scare. Making Cinema American, 1900-1910. Os filmes da Pathé, polo seu detalle e arte, eran os preferidos polos espectadores norteamericanos. O galo vermello era o símbolo do prestixio e do bo gusto. A Pathé abriu a súa oficina de vendas en Nova York en 1904, decidiu estrear as súas películas nos EE. UU. antes que en Francia para evitar a competencia desleal dos plaxios que lle facían os americanos, e finalmente mesmo construíu os seus propios estudios de rodaxe en Nova Jersey.

Edison, que aspiraba a monopolizar o negocio do cinema no seu país, tratou de atraerse a Pathé para conseguir que fose este o único competidor estranxeiro e poder dedicar as súas forzas a afundir o seu imperio. Pathé aceptou a trampa e desde moi cedo sofreu os seus efectos. As súas películas eran bloqueadas e non se lle permitía crear unha rede de aluguer como a que tiña en Francia. Pathé percibía que logo de tantos anos e esforzos por establecerse nos EE. UU. seguía a ser considerado como estranxeiro.

Paralelamente ao boicot económico e legal produciuse outro de efectos aínda peores para Pathé. As súas películas comezaron en 1907 a ser acusadas de sospeitosas desde o punto de vista moral e alleas ao espírito americano. O francés, antes marca de bo gusto e estilo, era agora grazas a unha forte campaña mediática o culpable da inmoralidade e o vicio. Tratábase dunha actitude reaccionaria e xenófoba alimentada por importantísimos intereses económicos. A estocada final a Pathé déronlla os censores. As películas producidas polos americanos eran axeitadas, as súas eran "indecentes".

O galo vermello metía medo e había que facer uso da maquinaria do medo para cortarlle o pescozo. Despois de todo, o que non poden negar os americanos, e así o deixa ben claro Abel, é que iso que chamamos cine americano débelle en grande parte aos franceses ser o que é.




24 ago 2009

Confesión


Antes que fuxir polas rúas da noite de Düsseldorf como fixo Peter Lorre naquel tempo escuro, prefiro confesalo todo. Confeso ser galego e amar o meu país, a súa lingua e a súa cultura. A lingua que xa falaban meus avós pero que non sei se saberán falar os meus netos. Confeso ter andeis cheos de libros na lingua romance e outras mesmo non indoeuropeas. Confeso ter unha identidade máis alá do meu DNI e confeso que non sinto vergonza por elo. Confeso ter sido galego en Bilbao, Bruxelas e Copenhague, sen complexos de inferioridade. Confeso ser membro da resistencia e mencionar de cando en vez o nome de Castelao, o nome de Ben-Cho-Shey, o nome de Bóveda, e de acordarme del sempre que paso cerca da Caeira. Confeso ter un pasado que non me impide ter un futuro. Confeso ademais que non teño intención de renunciar a ser o que son, e ser o que outros queren que sexa, aínda a risco de ser chamado provinciano, sectáreo, adoutrinador, ditador, separatista, endogámico, tribal, arcaico, caduco, paleto, medulio, e unha infinda lista de calificativos semellantes.

Por iso, nestes tempos de longas noites de comisarios agochados nos sotos das vivendas, ladróns e traficantes da palabra liberdade atarefados nunha nova caza de bruxas firmo a presente en Vilagarcía de Arousa, a 24 de agosto do 2009.


Saúde e Terra,


David Paz Nóvoa.


20 ago 2009

O país co des- diante


Contaba Gianni Rodari a fábula do país co des- diante onde as desnavallas facían medrar os lapis, dos descolgadoiros collíanse as chaquetas e o descanón servía para desfacer a guerra. A historia de Rodari é unha porta aberta á imaxinación; pero no noso país, no inicio do terceiro milenio, está a tornarse nunha reportaxe de actualidade.

O desgoberno saído dunha campaña de descrédito encamiñada a desmotivar a un electorado desencantado cos despropósitos anteriores dedícase aos seus pasatempos favoritos: desfacer e descansar. O desgoberno desmontou axiña as galescolas e contratou a unha galiña para (ollo que veñen curvas) desideoloxizalas e despolitizalas. Desgaleguizou o día de Galicia. Un presidente desafiou con desafortunadas palabras aos galegos que se resistisen a desgaleguizarse e despreciou a súa memoria.

Namentres que o descomunal despropósito do Gaiás continúa a destilar diñeiro o desgoberno desembolsou máis dun millón de euros aos descarados aliados mediáticos, refuxio de desaforados opinadores desleigados. A desculpa da crise serviu para descargarse de responsabilidade.

Unha descoñecida asociación animou ao desgoberno a desacatar o decreto do galego que, non cabe dúbida, hai que derrogar. O desgoberno traballa na opción de desunir os nenos en sexos lingüísticos.

Unha directora xeral encargada do desemprego despediu de xeito improcedente á súa asistenta do fogar, desprovista de contrato; e á moi desvergonzada desapareceulle a voz. Outro peón do desgoberno decidiu acabar cos incendios polo vello método da desinformación. Mentres tanto, a empresa dun desaprensivo que desbordaba de alegría con este desgoberno, desecou un tramo do río Sil para continuar a desfeita do noso patrimonio.

Este desgoberno e esta desoposición hannos levar a todos polo desaugadoiro.


19 ago 2009

Unha pita para China


O blogomillo está prohibido na China. Meu irmán, incansable viaxeiro, escribiu desde Pequín para informarme. Este blogue, e supoño que todos os demais, resultan inaccesibles desde aquela República Popular. Non sorprende moito porque non estamos a falar precisamente do país que máis respete os dereitos e as liberdades das persoas. Sen embargo, o artigo 35 da súa Constitución de 1982 afirma: "Os cidadáns da República Popular de China gozan de liberdade de expresión, prensa, asamblea, asociación e manifestación". A fermosa retórica constitucional presente nos catro recantos do mundo.

O blogomillo debe de ser, por motivos aínda descoñecidos, moi perigoso para a integridade e a seguridade daquela potencia de máis de mil millóns de habitantes, entre os que se contan xornalistas presos, editores depostos e opinadores perseguidos. O goberno secuestra xornais e impide a recepción de emisoras de radio e televisión, filtra webs, espía conversas, en resumo, aplica unha férrea censura sobre todo o que non lle guste ao partido único.

Para o noso conselleiro de Educación, mente privilexiada e aspirante ao Nobel da Paz, sería moi doado lograr a liberdade na República Popular de China. Bastaría con ir ao porto de Vigo e mandar unha inocente pita nun deses contedores que os chineses nos envían cheos de zapatos, camisas e calculadoras. A nosa pita azul, completamente aséptica, desinfectada e desideoloxizada, sen embargo transmitirá ao pobo chinés o amor pola liberdade e a democracia; será a nosa aportación á paz no mundo. Mellor ca azul que sexa vermella, unha concesión amable á tradición maoísta, que non nos custa nada.

Membros do partido comunista, se están a ler esta mensaxe, non se deteñan no blogomillo que non fai mal ningún, o verdadeiramente perigoso é a pita que vai naquela caixa.




Para ler máis:



Sobre a pita azul:



14 ago 2009

O Ateneo do 36 e don Juan José Gil


O 3 de maio de 1936 inaugurouse o Ateneo de Ourense cunha conferencia impartida polo doutor Gregorio Marañón (1887-1960) que levaba por título El Padre Feijoo y sus amigos. Non foi este o primeiro ateneo da cidade pois xa houbera outro nos anos dez, impulsado polos profesores do Instituto. A súa vida, coma a do anterior, foi moi breve posto que a guerra, fin de tantas boas cousas, acabou tamén violentamente coas súas ilusións.

A conferencia inaugural tivo lugar no Teatro Losada. Os directivos barallaron a posibilidade de invitar a Pío Baroja e mesmo se entrevistaron con el. Tamén trataron de traer a Ourense a José Ortega y Gasset, pero non tiveron éxito. O día da inauguración, Marcelo Macías (1843-1941), como presidente honorario aos seus 92 anos de idade, ocupaba a cabeceira da mesa nun xesto de fondo significado pois o crego de Astorga xa fora o presidente do vello Ateneo do ano 14 e semellaba transmitir así ese legado en favor da cultura aos novos impulsores, entre eles o seu presidente Ramón Otero Pedrayo, que mantivo sempre unha estreita relación de afecto polo seu mestre até o punto de elaborar a biografía Vida del Doctor Don Marcelo Macías y García pouco despois da súa morte. No seu Libro dos amigos afirma Otero: "Foi o meu mestre e meu amigo. Ninguén entre os nados tivo para min maior engado pola beleza da palabra, a confianza da intelixencia e seguridade das formas."

Sinala Marcos Valcárcel na súa obra A Cidade da Xeración Nós (1995) que xa en 1935 se iniciaran as xestións para constituir o novo Ateneo e que en marzo do 36 publicouse o seu primeiro manifesto. A institución contaba con 300 socios e reunía a toda a intelectualidade de Ourense.

A primeira directiva estaba formada polas seguintes personalidades:

Presidente de Honra: Marcelo Macías
Presidente: Ramón Otero Pedrayo
Vicepresidente: Julián Bravo
Secretario: José Navas
Vicesecretario: Leopoldo L. Teijeiro
Tesoureiro-contador: Vicente Bóveda
Bibliotecario: Juan José Gil
Vocal 1º: José Fernández Borrajo (destituido do seu cargo no Instituto despois do 18 de xullo)
Vocal 2º: Eligio Núñez (mestre e dirixente da ATEO, fusilado en Vilariño Frío no outono do 36 xunto a Jacinto Santiago).

Quero determe na figura do bibliotecario Juan José Gil pois trátase do meu tío avó, a quen sen embargo non coñecín pois faleceu moi novo en 1948. Foi un destacadísimo alumno no Instituto de Ourense durante os anos vinte. Alí conseguiu o premio extraordinario de ingreso ademais de premios en Historia Universal, Preceptiva Literaria, Historia da Literatura, Ética e Dereito, Psicoloxía e Lóxica, Física, Química, Fisioloxía e Hixiene, e Historia Natural. Logrou o premio extraordinario do grao de bacharel.

Orientou a súa carreira ao Maxisterio formándose no Plan Profesional da República. Foi mestre interino en Arcos, Vilamartín de Valdeorras e Xamirás, na parroquia celanovense de San Xurxo de Acevedo do Río. Fixo as súas prácticas profesionais na escola de Bobadela, no concello de Canedo. Foi tamén secretario da Xuventude Republicana e bibliotecario do Orfeón Unión Orensana antes de selo do Ateneo. Despois de pasar o proceso de depuración imposto polos vencedores na guerra foi confirmado na súa praza de Bobadela. Casou en 1941 con María Isabel Suárez, quen felizmente aínda vive.
(Na imaxe, de esquerda a dereita: Antonio Machado, Gregorio Marañón, José Ortega y Gasset e Ramón Pérez de Ayala. Trátase da célebre fotografía tomada o 14 de febreiro de 1931 nun teatro de Segovia na presentación da Agrupación al Servicio de la República.)

12 ago 2009

As linguas sen fronteiras


"Pero digo yo, si pasas de Piedrafita ¿de qué te sirve el gallego?"

Na nosa terra escoitamos esta frase con demasiada frecuencia. Que inxustos son algúns co galego! E non só inxustos senón tamén ignorantes. Aplícanlle á lingua galega unha vara que non usan logo para outras linguas, nomeadamente a súa materna. Teño pasado non xa de Pedrafita, senón alén dos Pireneos moitas veces, e, honestamente, o castelán non me foi de moita utilidade nin en Francia nin en Suecia nin en Escocia. Veño de estar recentemente en Grecia e alí tampouco me valeu de nada. Pero o papel de inútil, de inservible, de pouca cousa, de carallada, sempre lle toca ao galego.

E digo máis, os dinamarqueses cando pasan máis alá de Padborg xa teñen máis difícil usar o dinamarqués, aos húngaros ao atravesaren Györ pásalles o mesmo, os gregos cando navegan máis alá de Rodas entran en Turquía e os turcos cando embarcan en Izmir xa entran en Grecia, e así poderíamos seguir toda a noite. Semella que algúns non saben (ou non queren saber) que en Europa existen centos de linguas e nin os dinamarqueses, nin os húngaros nin moito menos os gregos son tan idiotas como para desprezar dese xeito a súa lingua cun argumento tan falaz e inconsistente.

E aínda tería que falar dos galegos cando pasamos Tui, ou Feces, ou Portela de Home, ou Ponte Barxas, ou mellor no transbordador que nos leva a Caminha. Aí ábrese un mundo tan galego coma o noso que nos demostra finalmente o feito de que se non hai fronteiras para as persoas tampouco os hai para as linguas.
(Na imaxe, o río Miño entre A Guarda e Caminha nunha foto tomada no 2004.)

7 ago 2009

A guerra que nunca será


Anda o presidente de Colombia estes días de xira por toda América Latina tratando de vender o pacto que firmou cos EE.UU. para incrementar a presenza militar no seu país. O obxectivo que di defender é a loita contra o terrorismo e o narcotráfico, pero son moitos os que con razóns de peso dubidan da verdadeira intención da administración norteamericana e amosan a súa preocupación.

A guerra contra a droga oculta un grande cinismo e serve de xustificación aos poderosos para dominar aos máis desfavorecidos. Como sinala Eduardo Galeano, ao que convén ler sempre pola lucidez das súas reflexións e porque nos obriga a fuxir de prexuízos, EE.UU. é o maior consumidor de drogas do mundo pero xamais naquel país atraparon un narcotraficante de certa importancia pois a guerra é un pretexto:

No hay mejor aliado que el narcotráfico para las instituciones bancarias, las fábricas de armas y los jefes militares: la droga brinda fortunas a los bancos y pretextos a la máquina de la guerra.

(...)

¿Por qué no libran los Estados Unidos una guerra contra sus propios bancos, que lavan buena parte de los dólares que las drogas generan? ¿O contra los banqueros suizos, que lavan más blanco?

Eduardo Galeano: Patas arriba, la escuela del mundo al revés, 1998.

5 ago 2009

Os monicreques falan checo


Hai uns días recibín por correo un libriño vello e amarelado sobre o cineasta checo Jiri Trnka, de quen xa escribín algo hai meses. Foi fácil adiviñar o artífice do envío. Trátase dunha monografía publicada pola Filmoteca Nacional no ano 1965 e escrita por Carlos Fernández Cuenca, director da institución desde o seu inicio en 1953 até o ano 1970.

Nun moi interesante prólogo, o autor repasaba o panorama histórico do cinema de animación e salientaba a súa riqueza e variedade, laiándose tamén do seu descoñecemento por parte da maioría do público español. Citaba a figuras coma Emile Cohl, o inventor dos debuxos animados, e o aragonés Segundo de Chomón, inxenioso precursor dos trucos cinematográficos. Tamén destacaba a Vladislav Starevich, George Pal, Aleksandr Ptushko, Karel Dodal, Hermina Tyrlova, Karel Zeman e moitos outros, entre os que, sen embargo, emerxe a figura de Trnka, "uno de los pocos grandes poetas que ha dado el cine", en palabras de Fernández Cuenca.

As razóns do innumerable grupo de artistas checos dedicados ao cinema de animación parece provir da tradición popular do teatro de marionetas, que ademais desempeñou un papel fundamental na defensa da cultura e da lingua checas:


La historia de los numerosos teatritos de marionetas que en la futura Checoslovaquia actuaban desde el siglo XVII por pueblos y aldeas constituye un singular fermento de nacionalismo, que durante la dominación austríaca, prolongada hasta el final de la primera gran guerra, mantenía por el apego a las formas y normas populares una clara resistencia pasiva; no escaseaban, en consecuencia, los conflictos de estos ingeniosos artesanos, sus hábiles manipuladores, con las autoridades extranjeras. Frente al idioma alemán impuesto y que era el único oficialmente admitido en los escenarios, los teatros de marionetas marcaban la excepción sirviéndose de la lengua checa, por lo cual la mantenían viva y actuante.

Obrigado polo libro, caro pai.

3 ago 2009

O naufraxio de Odiseo


A illa de Corfú (Kerkyra para os gregos) é un lugar paradisíaco. Os bosques de oliveiras, piñeiros e cipreses cobren os montes e os vales e van bicar silenciosos a escuma virxe do mar homérico. Polifemo, o cíclope, namorouse dunha bela ninfa chamada Korkyra e como mostra da súa paixón decidiu bautizar aquela illa co nome da súa namorada. Tiveron un fillo ao que chamaron Phaiax, xerme do pobo feacio. No final do canto V da Odisea, Ulises, fatigado e sen esperanzas, é levado polo rudo mar ás costas rochosas da illa feacia.


¡Ay de mí! Ya que Zeus me dio ver de improviso la tierra tras cruzar de confín a confín este abismo marino, no se muestra a mis ojos salida del mar espumante; solo emergen allá puntiagudos islotes, mugiente el oleaje resuena en redor, lisa corre hasta arriba la rompiente que baten las aguas sin fondo; no hay medio de afirmar en el suelo los pies ni escapar a la muerte. Si me empeño en salir, ¿no será que gigante oleada me entrecoja y me estrelle en las rocas? ¡Inútil esfuerzo!

(Homero, Odisea, canto V.)

(Na imaxe, a costa noroccidental de Corfú no concello de Paleokastritsa, onde se sitúa a historia de Odiseo.)

Os oito ventos


Cando os romanos conquistaron Atenas decidiron trasladar o vello mercado, a ágora, a unha zona nova, que se convertiría logo no principal centro comercial da cidade até o século XIX. Nese lugar xa había pezas e monumentos máis antigos, entre os que destaca a Torre dos Ventos, construída polo astrónomo sirio Andronikos Kyrrestes no ano 50 a.C. Ten unha planta octogonal para representar os catro ventos maiores: Bóreas (N), Noto (S), Euro (E) e Céfiro (O); e os catro ventos menores: Coro (NO), Cecias (NE), Libis (SO) e Apeliotes (SE).

Nas oito caras do prisma pódense ver as figuras dos Anemoi, os deuses dos ventos, cada un deles mensaxeiro de bonanzas ou infortunios. Bóreas trae o aire frío do inverno; Noto anuncia as treboadas do final do verán que ameazan as colleitas; Euro, representado cun vaso envorcado que derrama a súa auga, trae a mala sorte, as chuvias e a calor; Céfiro, o máis querido e coñecido, agasállanos suavemente todos os anos coa primavera.

(Na imaxe, á esquerda, pódese ver a imaxe de Libis agarrando con forza o temón dun barco, e a dereita Noto, o vento quente do Sur.)