
Voltamos á tarefa de lembranza dalgunhas das figuras literarias máis importantes da nosa cidade. Permitídeme a anécdota. Xusto cen anos antes de nacer eu en Ourense nacía en Granada outro Nóvoa que viría co tempo a protagonizar un avance moi importante na evolución da nosa literatura e que, a pesares diso, non ten hoxe o recoñecemento merecido cando tanto gusta falar dos precursores.
Francisco Álvarez de Nóvoa naceu, probablemente, o 11 de xuño de 1873 moi lonxe da Terra e pasou a súa infancia entre Pontevedra, A Coruña, Valencia, Navarra e Madrid, por mor do traballo do seu pai, descendente de ourensáns. A finais do século XIX Francisco faise completamente ourensán e proba delo son os títulos dos seus dous libros de relatos e prosas: Beira o Barbaña (1894) e Pé das Burgas (1896). A obra literaria de Álvarez de Nóvoa zumega paixón por Ourense, polas súas paisaxes e lugares e polas súas xentes. Ler os seus relatos ambientados naquela vila finisecular permítenos albiscar outra cidade diferente á nosa, outra maneira de vivila e de sentila. Resulta emocionante ollala a través dos seus ollos xuvenís:
"Eiquí podes oubir ó Barbaña que che contará tristuras ô bícal-os ameneiros é risoños parrafeos ô esbarar riseiro entre as guixas que, ô rozalo, arrancan d'os seus fios as notas mais alegres y-os queixumes máis tristes..."
É evidente que para un ourensán os relatos e as fermosas prosas teñen un significado especial, pero a relevancia de Álvarez de Nóvoa, segundo os especialistas, ven máis do seu uso da linguaxe e do aire fresco que aportou á literatura galega excesivamente ancorada nun costumismo xa estéril. No seu propio prólogo a Pé das Burgas laiase Álvarez de Nóvoa da moda do enxebrismo e da súa limitación temática, e amosa ademais o seu propósito:
"A miña pluma rebelouse a seguir ese camiño que, en forza de trillado, pódese facer en ferrocarril, e colleu por unha pequena corredoira que sae da esquerda, e vai ó corazón."
Habería que falar tamén da súa faceta xornalística, tan importante ou se cadra máis ca literaria, pero deixarémolo para outro día.
2 comentarios:
Imprescindible o libro de Jorge Martínez (en Ed. do Castro) sobre Álvarez de Nóvoa, sobre a súa literatura, o naturalismo, o xornalismo e mesmo sobre todo o xornalismo e a vida cultural ourensá do século XIX.-
Moi certo, Marcos. Coñecín a Jorge Martínez por casualidade un día remexendo nos xornais do Arquivo Municipal (esa vella canceira). Temos falado de Álvarez de Nóvoa e particularmente da súa paixón polos adiantos técnicos do seu tempo: a radio, a fotografía, o cinema e mesmo os comezos da televisión. Faciliteille a Jorge o dato de que Álvarez de Nóvoa conseguira en 1924 obter o carné de operador cinematográfico, necesario para poder proxectar filmes naquel tempo. Sen dúbida, un home ben interesante que eu sei que ti tamén aprecias.
Saúdos.
Publicar un comentario en la entrada