28 dic 2010

Antonio Machado no Posío


Antonio Machado elixiu Soria pero quizais pola súa cabeza tamén pasou a idea de instalarse en Ourense. En 1907 había en España sete vacantes para catedráticos de lingua francesa (Huesca, Baeza, Albacete, Cabra, Mahón, Soria e Ourense). Nas oposicións, o poeta andaluz quedou quinto de 125 aspirantes (algúns din que foi sexto) e entre Soria e Ourense elixiu a primeira, probablemente porque quería estar máis perto da súa familia que vivía en Madrid.
Non custa nada xogar a imaxinar a Antonio Machado como profesor de francés no Instituto de Ourense aos seus 31 anos, paseando á tardiña polo xardín do Posío, polas ribeiras do Miño –pasear, o seu pasatempo favorito– ou tomando café no Royalty e lendo na prensa madrileña as leis promovidas polo goberno de Antonio Maura, departindo quizais con outros membros do claustro máis veteranos ou cuns noviños intelectuais chamados Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo que falaban de modernismo e poesía. Podemos imaxinar a Machado nas sesións de cinema do Pinacho ou xogando nos salóns do Liceo, ou quizais impartindo clase aos obreiros como faría en Soria, mostra clara do seu compromiso social, ou pode que falando de cando en vez con Basilio Álvarez e Francisco Álvarez de Nóvoa, os dous figuras destacadas da súa idade.
Nada diso sucedeu, pero nos arquivos da oficial Gaceta de Madrid queda consignado o feito curioso: o nomeamento de Antonio Machado para Soria e no parágrafo seguinte o dun descoñecido Cermenio Rodríguez para Ourense.

(Na imaxe, Antonio Machado e a reprodución da páxina da Gaceta do día 20 de abril de 1907.)

7 dic 2010

Diesterweg e a escola primaria (e IV)


Remato a serie de entradas dedicadas a F.A.W. Diesterweg falando dunha parte do seu pensamento que nos toca directamente aos que somos mestres no ensino primario. Cómpre lembrar que grande parte da súa vida dedicouna á formación do profesorado e que no campo da didáctica estableceu orientacións que non podemos esquecer. Aos seus alumnos recordoulles sempre a máxima de ensinar de acordo á natureza, é dicir, tendo en conta o desenvolvemento natural do neno e establecendo como base o seu propio punto de vista. Para Diesterweg era necesario partir do sinxelo para chegar ao máis complexo, ir desde o familiar ao inusual, do fácil ao difícil, do coñecido ao descoñecido. Podemos considerar este criterio como a base de traballo dos mestres aínda hoxe pois sempre temos que tratar de proporcionar exemplos significativos e válidos para que os nosos alumnos realicen mentalmente o paso do particular ao xeral.
Diesterweg tamén amosou o seu rexeitamento ao xeito tradicional de ensino escolástico e abogou polo traballo e a práctica como mellor maneira de que o neno aprenda, e tamén pola necesidade de tomar sempre en conta a personalidade particular de cada alumno. É un punto de vista moderno que considera o individuo activo na súa aprendizaxe e non unha masa informe de receptores obedientes.
Non só foi Diesterweg un bo formador de mestres, que sempre proclamou a importancia dunha formación organizada baixo premisas científicas, senón tamén un firme defensor das súas condicións de vida e de traballo. Loitou pola independencia do mestre e das escolas contra o poder da igrexa e defendeu sobre todo un salario digno para eles e a conveniencia do asociacionismo dos docentes.
Recoñezo que a súa firme defensa dunha clara separación entre escola e igrexa é un dos valores que máis respecto me merecen da figura de Diesterweg, pero un das súas declaracións do ano 1849 garda para min un significado aínda máis fondo pois entón sinalou o educador renano que chegaría un novo tempo cando a educación non fose só proporcionada de acordo coas débiles forzas de cada individuo senón cando toda a sociedade se declarase a si mesma unida e comprometida a facelo posible para toda a nación. Eu, a comezos do século XXI, aínda boto en falta ese compromiso verdadeiro.
Regreso para o epílogo ao texto polo que descubrín a figura deste interesante alemán, creador ademais da denominación "educación social". Nunha antoloxía editada por José María Quintana Cabanas en 1994 inclúense catro textos de Diesterweg todos relevantes. O primeiro deles, "Una mirada pedagógica a las fábricas, y una súplica humana (1828)", é un relato en forma de diario no que Diesterweg amosa a súa tristura por ver cómo nenos de corta idade tiñan que traballar duramente nas fábricas de Wuppertal en lugar de asistir á escola e recibir a educación necesaria.

F.A.W. Diesterweg faleceu o 7 de xullo de 1866 en Berlín.

(Na imaxe, nenos traballando nunha fábrica alemana de papel e cartón no século XIX)

6 dic 2010

Unha grande banana


Eran ás tres da mañá do pasado sábado cando recibín a mensaxe de Lokua Kanza no seu muro do Facebook: "Ce soir on joue à Santiago de Compostela". Din un chimpo no sofá. Era a oportunidade que levaba esperando desde hai moito tempo, desde que merquei o primeiro disco deste fabuloso músico do Congo alá polo ano 1993. Non me demorei máis de cinco minutos en comprar as entradas por Internet e alá marchei o sábado pola tarde coa miña muller a gozar dun concerto emocionante.
Os controladores a piques estiveron de fastidiar tamén este espectáculo pois os músicos tiveron que desviarse a Porto e chegaron media hora tarde. Agardamos con paciencia mentres quentabamos o corpo cun cafeciño na noite fría compostelá.
Lokua Kanza presentou o seu último traballo titulado "Nkolo" pero afortunadamente tamén fixo un repaso a pezas fundamentais dos seus primeiros discos como "Mutoto", "Never Lose Your Soul" e "Sallé". O momento máxico sucedeu nos bises coa súa interpretación en solitario de "Wapi Yo", unha fermosísima canción que fala do amor ausente.
Lokua vive entre París e Río de Janeiro. Entre peza e peza amosou o seu sentido do humor e amabilidade. Preguntou à audiencia: "English or Portuguese?". A xente sen dubidalo berrou "Portuguese, portuguese". Asombrado quizais pola unanimidade a partires de aí explicou cada canción en portugués e animou á xente a cantar. Na presentación de "Nakozonga" tratou de explicar o fondo desexo dos congoleses por voltar á terra e foi curioso ver cómo se esforzaba en facer entender o que os galegos entendemos mellor ca ninguén, ou polo menos eso cremos.
Foi unha noite desas que un vai gardar na memoria por moito tempo. Como di Lokua Kanza, un sorriso sempre produce efectos beneficiosos para todos os que nos rodean e para nós mesmos. Manda unha grande banana.

(Lokua Kanza, nun momento da actuación do sábado no Auditorio de Galicia)