7 dic 2010

Diesterweg e a escola primaria (e IV)


Remato a serie de entradas dedicadas a F.A.W. Diesterweg falando dunha parte do seu pensamento que nos toca directamente aos que somos mestres no ensino primario. Cómpre lembrar que grande parte da súa vida dedicouna á formación do profesorado e que no campo da didáctica estableceu orientacións que non podemos esquecer. Aos seus alumnos recordoulles sempre a máxima de ensinar de acordo á natureza, é dicir, tendo en conta o desenvolvemento natural do neno e establecendo como base o seu propio punto de vista. Para Diesterweg era necesario partir do sinxelo para chegar ao máis complexo, ir desde o familiar ao inusual, do fácil ao difícil, do coñecido ao descoñecido. Podemos considerar este criterio como a base de traballo dos mestres aínda hoxe pois sempre temos que tratar de proporcionar exemplos significativos e válidos para que os nosos alumnos realicen mentalmente o paso do particular ao xeral.
Diesterweg tamén amosou o seu rexeitamento ao xeito tradicional de ensino escolástico e abogou polo traballo e a práctica como mellor maneira de que o neno aprenda, e tamén pola necesidade de tomar sempre en conta a personalidade particular de cada alumno. É un punto de vista moderno que considera o individuo activo na súa aprendizaxe e non unha masa informe de receptores obedientes.
Non só foi Diesterweg un bo formador de mestres, que sempre proclamou a importancia dunha formación organizada baixo premisas científicas, senón tamén un firme defensor das súas condicións de vida e de traballo. Loitou pola independencia do mestre e das escolas contra o poder da igrexa e defendeu sobre todo un salario digno para eles e a conveniencia do asociacionismo dos docentes.
Recoñezo que a súa firme defensa dunha clara separación entre escola e igrexa é un dos valores que máis respecto me merecen da figura de Diesterweg, pero un das súas declaracións do ano 1849 garda para min un significado aínda máis fondo pois entón sinalou o educador renano que chegaría un novo tempo cando a educación non fose só proporcionada de acordo coas débiles forzas de cada individuo senón cando toda a sociedade se declarase a si mesma unida e comprometida a facelo posible para toda a nación. Eu, a comezos do século XXI, aínda boto en falta ese compromiso verdadeiro.
Regreso para o epílogo ao texto polo que descubrín a figura deste interesante alemán, creador ademais da denominación "educación social". Nunha antoloxía editada por José María Quintana Cabanas en 1994 inclúense catro textos de Diesterweg todos relevantes. O primeiro deles, "Una mirada pedagógica a las fábricas, y una súplica humana (1828)", é un relato en forma de diario no que Diesterweg amosa a súa tristura por ver cómo nenos de corta idade tiñan que traballar duramente nas fábricas de Wuppertal en lugar de asistir á escola e recibir a educación necesaria.

F.A.W. Diesterweg faleceu o 7 de xullo de 1866 en Berlín.

(Na imaxe, nenos traballando nunha fábrica alemana de papel e cartón no século XIX)

No hay comentarios: