O caderno inconstante

Este é un caderno que vai e ven sen sabelo nin eu. Movido pola forza da auga e do vento. Inconstante coma min. Tal como empezou pode rematar e mentres tanto transita coma os carros dos supermercados collendo e deixando cousas a cada lado.
Case todo o caderno leva anotacións das miñas viaxes e das miñas lecturas, da música que me gusta e dos temas que me interesan, o ensino, o xornalismo, a historia... A palabra 'cultura' ten moito peso e eu non teño forzas como para sostela moito tempo, pero tampouco atopo outra que resuma mellor o que levo escrito desde hai anos e o que seguirei escribindo por algún tempo máis.
Non teño case lectores, pero agradézolles a todos as boas palabras que me dedican porque sei que son honestas e veñen de amigos. Escribir é para min unha maneira de sobrevivir ao día a día da vida, un xeito de coller aire para proseguir, dun vivir silandeiro e tranquilo que flúe coma un río de palabras.