15 dic 2012

O sorriso de Charles Laughton

Charles Laughton, aquel actor británico de ampla papada e sorriso burlón, faleceu en California hai hoxe xustamente cincuenta anos. Eu non podo disimular a miña fascinación por este inglés de Yorkshire, nacionalizado estadounidense doce anos antes da súa morte que desenvolveu unha excepcional carreira no cinema inglés e norteamericano. Foi un actor capaz de encarnar papeis do máis diverso e sempre dunha forma maxistral. Foi o doutor Moreau nunha das primeiras adaptacións La isla de las almas perdidas, o clásico de H.G.Wells. Foi Enrique VII no filme do británico de orixe húngara Alexander Korda. Foi Quasimodo na versión do máis clásico aínda de Victor Hugo, da man de William Dieterle. Foi aquel avogado arrogante chamado Sir Wilfrid Robarts, desobedecendo permanentemente á súa enfermeira (Elsa Lanchester, que era a súa dona na vida real), e enganado por Marlene Dietrich en Testigo de cargo, a famosa novela de Agatha Christie adaptada por Billy Wilder. Tivo tempo para facer de Graco no Espartaco de Stanley Kubrick e mesmo, na súa última película, do senador Seabright Cooley na interesante Tempestad sobre Washington, de Otto Preminger.
Pero entre todas estas actuacións maiúsculas hai unha que para min garda un certo valor sentimental. No único filme no que traballou ás ordes de Jean Renoir, Laughton representaba a un medroso mestre de escola chamado Albert Lory, atrapado no medio dun país ocupado polos nazis. A covardía e a vergonza convírtense pouco a pouco e grazas ao exemplo doutro mestre extraordinario en dignidade e valor. Todavía hoxe, a esta hora da noite, non deixo de emocionarme cando vexo a escena final desta gran película chamada Esta tierra es mía.


24 nov 2012

Chejov, outra parada na literatura rusa

Non é precisamente lendo a Chejov como un pode elevar o ánimo e ver a vida con maior placidez. Pero se un presume de certo apego á literatura rusa, se un camiña unha e outra vez por esa liña imaxinaria mil veces trazada que leva de Pushkin a Gogol, e de Gogol aos grandes novelistas Tolstoi, Dostoievski e Turgueniev, sen esquecer a Lermontov e Nekrasov, non pode obviar un nome fundamental que prolonga ese itinerario cara o século XX: Anton Chejov (1860-1904). Veño de ler unha das súas primeiras obras dramáticas, a titulada Ivanov e estreada con grande éxito de público no ano 1887. Este teatro primeiro de Chejov parécese moito ao dos contemporáneos Strindberg ou Ibsen. Que tivo o final do século XIX para amosar ese espírito decadente, gris e pesimista? 
Chejov tamén cultivou de xeito maxistral o relato curto. A súa obra é extensísima. Faleceu en Alemaña aos 44 anos de idade víctima da tuberculose merecendo ocupar un lugar sobresaínte nesa liña da literatura rusa que compartiu con Máximo Gorki (1868-1936), a outra gran figura literaria rusa do cambio de século. Ler a Chejov nestes tempos debe de ser algo así como manifestar o dereito a non resignarse.

(Na imaxe, Chejov e Gorki en Ialta no ano 1900.)

5 nov 2012

Eses libros que reaparecen

Portada do libro de Ali Mitgutsch
De cando en vez aparecen na casa dos meus pais vellos libros da miña infancia e da dos meus irmáns. A primeira sensación é de estrañeza. De onde sairía este libro? Pero abonda con abrir pola primeira páxina para que comecen a correr as lembranzas.

Sorprendentemente estes libros vellos aínda están en bo estado. Na miña casa o libro non só había que lelo, había que coidalo. Están en tan boas condicións que valen para volver usar. E iso fixen.

Nun dos últimos achados apareceron dous álbumes de ilustracións que tanto eu coma os meus irmáns recordamos moi ben. Estes grandes libros de debuxos teñen unha virtude fundamental: axudan a observar e permiten xogar e imaxinar. Ensineille o libro aos meus alumnos de dez anos e quedaron encantados pola diversidade de imaxes e polos detalles curiosos e graciosos. Un libro destes é unha ferramenta extraordinaria para comezar unha conversa en grupo, para falar de experiencias persoais e para fortalecer a súa unión e concordia.

O autor, Ali Mitgutsch, naceu en Munich en 1935 e pasou a infancia en Allgäu, na rexión alemana de Suabia ao pé dos Alpes. Estudou na Academia de Artes Gráficas de Munich e viaxou moito polo mundo. O seu primeiro libro, O sombreiro de Pepe (Pepes Hut) foi publicado en 1959. A partires daí debuxou moitos libros máis durante as décadas dos 60 e dos 70. No ano 2003 recibiu o recoñecemento da súa cidade natal. Actualmente vive nunha pequena vila de Baviera.

A obra da que vemos a portada na foto é Paseando por mi ciudad (Rundherum in meiner Stadt), o que lle valeu a Mitgutsch o Premio Nacional de Libro Xuvenil en 1969, no apartado de libros ilustrados. O paso do tempo deixou obsoletas algunhas imaxes pero en xeral todavía hoxe os nenos gozan ollando variadas escenas urbanas: a construción dunha casa, o parque recreativo, o edificio de plantas, o porto, a piscina pública, etc. O outro libro de Mitgutsch que apareceu no mesmo lote titúlase Vamos al pueblo (Bei uns im Dorf). Utilizar un e outro libro tamén me serviu para reflexionar sobre a diversidade de experiencias vitais dos meus alumnos pois algúns proceden do entorno rural e os menos do entorno urbano. As dúas obras foron publicadas en España pola editorial Juventud en maio de 1973.

25 oct 2012

Ser de dereitas

Perplexo aínda polos resultados electorais do "21-Oooh", e facéndome en silencio preguntas sobre as súas causas e razóns, acabando sempre fatigado e sen respostas, xurdiu como a propósito unha recomendación da miña prima Beatriz na páxina do Facebook. Tratábase dun breve vídeo, o extracto dunha representación teatral dunha obra de Juan Mayorga titulada Alejandro y Ana, lo que España no pudo ver del banquete de la boda de la hija del presidente.
E aquí apareceu este monólogo a darme todas as respostas precisas, unha por unha, cunha claridade extraordinaria. Desde que vin o vídeo entendo moito mellor o meu entorno e polo menos non vivo desacougado por culpa de preguntas recurrentes.


2 ago 2012

Vedi Napoli e poi muori


Teño que recoñecer que cando a miña dona propuxo Nápoles e os seus arredores como destino das ferias deste verán a miña primeira reacción foi de receo. Pesa como unha lousa sobre a cidade a imaxe de perigo, inseguridade, camorra, tráfico caótico e montes de lixo nas rúas. E aínda que todos eses estereotipos teñen moito de certo, hai outra Nápoles por descubrir que aparece por detrás desta tan sinistra. Unha Nápoles cunha enorme riqueza patrimonial, unha interesantísima historia e unha beleza natural case imposible de igualar.
Napoli é unha cidade amada e odiada ao mesmo tempo polos seus habitantes, odiosamata, como ben definiu o historiador Carlo de Frede no seu libro de memorias. E como reza o famoso dito local, vedi Napoli e poi muori.

7 jun 2012

Unha longa feira de libros


Por fin fixen realidade un propósito que tiña desde hai anos e que nunca acababa de borrar da miña lista: visitar a feira do libro de Madrid. Non estou arrepentido de ir, nin moito menos, pero os meus pés acabaron un pouco magoados despois de camiñar tanto e entre tanta xente ao longo de todo o Parque do Retiro. A feira impresiona polo número de casetas, case catrocentas, e sobre todo pola diversidade editorial. Afeito un a feiras nas que as casetas das librerías amosen sempre os mesmos libros, unha lista aburrida e gris de best-sellers dos mesmos autores, atopar espazos para todas as máis importantes editoriais españolas foi unha alegría para os ollos.

De entre esa diversidade editorial detívenme nas miñas favoritas. Acantilado, por suposto, foi parada principal onde adquirín un máis de Tolstoi e outro de Zweig para a miña colección. Alí na caseta, descoñecido para moitos estaba o editor Jaume Vallcorba observando a través das súas lentes cómo os visitantes nos parabamos a mirar os famosos libriños da banda vermella ou amarela. Tamén comprei un libro de Buzzati en Gadir e outro máis, unha antoloxía de Montaigne titulada La educación de los hijos, na editorial 27 letras.

A feira é tan inmensa que cómpre visitala en varias sesións. Hai que sortear as longas colas de asinaturas dos astros da tele e as masas que circulan máis como miróns que como interesados en mercar algún libro. A pouca sorte que teñas darás nun libro que levas tempo buscando ou nunha obra que merece a pena levar para casa.

17 may 2012

Facer andar a lingua

Hoxe é o Día das Letras Galegas, unha celebración que fai o seu 50 aniversario e que xa pasou por dictaduras peores que as que temos. Hoxe é festivo e non hai escola. Os editores do país desexan recuperar o día lectivo e laboral para darlle pulo ao libro galego esquecido nos andeis das librerías (imaxinade, libro e ademais en galego, pode haber hoxe en día criatura máis indefensa?).

Eu, quizais pola miña condición de mestre, estou tamén preocupado polos prexuízos que pesan como lousas sobre a nosa lingua milenaria. Eses preconceptos véxoos a diario entre galegofalantes de toda a vida e considero que son un obstáculo maiúsculo para a normalización da lingua, para a súa transmisión e para a súa supervivencia.

Percíbense en días como o de hoxe, a través das redes sociais, os eternos tópicos sobre a lingua galega. Por unha banda temos todos os clásicos argumentos antigalegos: lingua inventada, incomprensible, inútil, reducida, pailana, etc. Algúns políticos locais axudan a fortalecer este discurso vencellando intencionadamente lingua e nacionalismo, daí a separatista e antipatriota hai un pequeno paso. O propio presidente da Xunta pide que o galego "non separe"(?). Pois haberá que facelo andar, digo eu. Que xa vai sendo tempo.

Pero por outro lado temos milleiros de entusiastas que hoxe desexan manifestar a súa defensa da lingua, pero que o fan empregando tópicos se cadra aínda máis humillantes. Son os que enchen as súas mensaxes de polbo á feira, caldo, viño albariño e biquiños para todos. Que falan de agarimo, morriña e bolboreta. E que quizais sen sabelo e sen intención convirten unha lingua viva en obxecto de estudo da entomoloxía.

Por todo isto eu suplicaría que se vivira este día sen prexuízos, sen estereotipos gastados. Unha lingua é un vehículo de comunicación, todas as palabras son útiles. Unha lingua é ademais elemento básico dunha cultura. Respetémola de verdade, sen caer no ridículo.

8 may 2012

De paxariños exóticos


Sempre é de agradecer a chegada de novos lectores a este modesto recuncho da rede. Se ademais chegan con ánimos e parabéns, entón aínda con máis gratitude. Estas palabras van para Guadalupe, unha amiga de miña nai que vive alá nos Estados Unidos, no estado de Massachusetts para sermos máis precisos, e que tamén pasou parte da súa vida en Ourense. Thank you!

Gustáronme moito as apreciacións léxicas de Guadalupe sobre algún vocabulario do blog e en especial sobre o título dese filme tan marabilloso que é To Kill A Mockingbird. Como ela moi ben indica, a tradución da palabra mockingbird por rouxinol, aínda que extendida, non é correcta pois ese paxaro é propio de América e non se dá no noso continente. O mockingbird, de to mock, que significa finxir ou simular, caracterízase pola súa capacidade de imitación dos sons que producen outros paxaros e mesmo outros animais.

Nunca fun chamado polos camiños da ornitoloxía pero confeso que ten algo de fascinante. Ás veces fico tempo contemplando os merlos que andan revolvendo entre as pedras diante da miña ventá ou observo os corvos sobrevoando os piñeiros e as pegas pousándose nas leiras. Cos meus alumnos publico de cando en vez un boletín escolar que leva por título A Bubela,  e que en inglés soaría moi diferente: The Hoopoe.

Rememorando paxaros e tempos pasados veu o recordo doutra ave exótica. Nun daqueles textos para traducir que nos presentaban nas probas de oposición aos que pretendiamos dedicar a nosa vida a isto do ensino, apareceu unha vez o nome dun paxaro descoñecido para min: o fantail. Tratábase dun fragmento da saga dos Forsyte do Premio Nobel de 1932 John Galsworthy.  O propio nome do paxaro xa indica moito da súa apariencia pois fan significa abano e tail, cola. Este paxaro de cola en forma de abano é propio do sur de Asia e de Oceanía. Cando bota a voar pódese contemplar esa cola tan característica e chamativa.


Hai xa catro anos, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Xosé María Álvarez Blázquez, escribín un post sobre a súa afección polos paxaros e polas frecuentes referencias nos seus poemas a todas as aves propias de Galicia. Quizais é bo momento de volvelo ler: Álvarez Blázquez, ornitólogo.

(Na imaxe superior, un mockingbird. Abaixo un fantail coa súa fermosa cola.)

16 mar 2012

Durou cen anos


Un dos amigos aos que máis aprecio, lector ocasional desta bitácora e imprescindible compañeiro de fatigas, foi rotundo hai uns días nunha das conversas que adoitamos ter co fin de alonxar os nosos demos persoais. “David, isto durou cen anos”. E acabouse o conto. Referíase o meu amigo ao oficio de mestre tal e como o entendimos até agora, e xunto con elo o papel desenvolvido pola escola pública desde o seu nacemento.
Non temos quizais a perspectiva histórica para definir con xustiza o tempo que nos tocou vivir, pero si que comparto co meu amigo esa sensación de ser epígonos moi tardíos dos grandes educadores, de estar a piques de ver os títulos de crédito diante dos nosos ollos algo apagados, de que nos toca a nós baixar as persianas do chiringo, pechar as portas e tirar a chave ao mar.
A escola pública foi a concreción histórica da ansia de ilustración, da liberación individual e colectiva do pobo por medio do coñecemento e a alfabetización. Foi un miliario na loita contra a ignorancia e a miseria. Uns poucos homes europeos, sabios de salón, alumearon a magnífica idea dunha escola pública mantida con fondos do estado e dirixida a todos os nenos e nenas do país, mesmo libre e laica nalgúns lugares. Houbo obstáculos enormes, pero a idea tiña tanta forza que non foi posible abortala. Os nenos eran unha man de obra moi valiosa para o capital. Eran áxiles e hábiles, aprendían moito e gañaban pouco. Na escola non eran de proveito para a gran maquinaria do mundo, que só entende de números escritos en billetes.
Hoxe o mestre non é a eminencia da aldea, nin sequera unha persoa respetable ou apreciada. Hoxe é unha muller que mal atende os rapaces mentres os pais traballan, que trata de que saiban disimular un pouco a súa ignorancia sen desentoar coa da familia e que se é posible logra telos vixiados para que non se manquen antes da hora de xantar. É a persoa que temos máis a man para culpala das propias miserias, frustracións e desesperos. O seu criterio non vale nada. Os nenos, para aprender, xa teñen a televisión e os ordenadores, que saben moito máis que calquera profesor das quintas vellas ou que calquera rapaciña moderna chegada da capital.
Nin sequera o neno é o neno de antes. Hoxe pasa máis horas fóra da casa que meu avó cando traballaba arranxando os camiños e as estradas de Lalín a Dozón. O seu tempo libre está programado nas axendas dos papás en liñas ben rectas e con tempos marcados. A televisión por satélite aloumiña os nenos e acóugaos durante as 24 horas do día. Cando non, as consolas consolan aos pais, armados con baterías extra e colección de xogos aberrantes.
Perdeuse a felicidade na escola, o sorriso san do neno querido nese amor natural de pan, queixo e conto pola noite. Os nenos botan en falta algo que non saben explicar con palabras pois aínda non agromaron nas súas cabezas. Pero agromarán. Os mestres sentimos a mágoa ferinte que eles só nos amosan co seu mirar. “E quen é o pai deste neno? Non o coñecemos, nunca veu por aquí”.

(Na imaxe, rapaces traballando nunha planta de procesado de carbón en Pennsylvania, no ano 1911.)

11 feb 2012

No café

Erguinme hoxe a media mañá e como a gorxa irritada e unha lixeira dor de cabeza non me daban acougo, non aturei na cama máis que o tempo necesario. O sábado adoito saír á rúa a mercar a prensa e vou logo ao café a ler os xornais con calma, mentres almorzo. Hoxe a prensa ven con moito peso, non físico senón mental. Os asuntos da semana son de fondo calado; non me engano se digo que presaxian un futuro aínda máis negro có sábado pasado onde os problemas eran causados pola neve. A neve derrétese, o outro non.

Pensando nestas cousas por veces delirantes non fun capaz de evitar a conversa da mesa da dereita. Unha rapaza que aparentaba ter uns vinte tantos falaba con dous amigos de idade semellante sobre un tema de alta política: as enrugas de María Teresa Fernández de la Vega. Pensei para min: "aí temos a xente que sabe o que é relevante, os alicerces do país, as bases, os fundamentos".

Mentres escoitaba sen querer, ou querendo, que todo pode ser, deparei nos titulares sobre a reforma laboral, os 20 días de indemnización, os EREs sen autorización administrativa, etc. pero axiña pasei a páxina e din co nariz nun tema que me toca máis de cerca: o abandono escolar. O 60 por cento dos parados non ten o certificado da ESO e a Unión Europea está preocupada polas nosas taxas. España nunca chegou á media europea en inversión educativa. Cada parágrafo era unha estocada no meu ánimo.

Erguín os ollos do xornal e diante de min, noutra mesa, un panorama recurrente. Papá e mamá lendo a prensa que os amables donos do café poñen á disposición dos clientes. Mentres tanto, o fillo, duns nove anos, atarefado coa consola, apoiado sobre o respaldo da cadeira cos pés enriba do asento. O fillo non deixaba de mirar fixamente á pantalla aínda que eu fiquei ollando para el durante os segundos necesarios como para que un adulto se sentira incómodo. El, autómata.

Nos meus tempos (sinto medo cando xa me saen estas frases) se os meus pais me levaban ao café a ler a prensa raro era o día que non caía nas miñas mans un Pulgarcito, unha revista de fútbol ou un libro de Kasperle. A lectura era comunitaria, compartida; non servía para illarnos da familia senón para todo o contrario. No tempo que pasei no café o neno de nove anos non cruzou unha soa palabra cos seus pais.
Voltei de novo ás paxinas do xornal mentres apuraba o que quedaba do café, algo morno xa. Noutra mesa, pegada á ventá, pareceume advertir a unha ex-alumna miña de hai oito anos, xa moza ela. Falaba riseira cunha amiga. Preferín non mirala, apartei a vista, collín os xornais, paguei a consumición e saín á rúa cun certo aire de pesimismo que alimenta cada día a miña misantropía.

3 feb 2012

Emilio

Teño nas mans a edición de peto dun dos máis importantes clásicos da pedagoxía moderna, o Emilio de Jean Jacques Rousseau. A pesares das contradicións e do moito que se lle pode censurar, aínda hoxe en día esta obra garda un valor fundamental para os educadores de todo o mundo. Nela constátase por primeira vez que o neno é un ser en si mesmo, é dicir, non un adulto empobrecido e incapaz senón alguén moi diferente, con características propias e singulares. Por iso xa no prefacio Rousseau fai unha severa critica: "Los más sabios se aplican a lo que importa saber a los hombres, sin considerar lo que los niños están en condiciones de aprender. Buscan siempre al hombre en el niño, sin pensar en lo que es antes de ser hombre". Logo aconsella: "Comenzad pues por estudiar mejor a vuestros alumnos; porque a buen seguro no los conocéis."

O Emilio está escrito á maneira dun manual, unha especie de guía educativa chea de referencias filosóficas, fisiolóxicas, relixiosas e morais. Dividido en cinco libros, o seu esquema segue o da vida dun neno desde o nacemento até a idade adulta. Para os mestres do ensino infantil e primario é o segundo dos libros ao que máis interese prestamos posto que alí Rousseau trata da educación dos nenos de 2 a 12 anos, que son cos que convivimos nas nosas aulas. Tamén os pais poderían extraer ensinanzas moi valiosas dun libro do que fai este ano o 250 aniversario da súa publicación:

"¿Sabéis cuál es el medio más seguro para hacer miserable a vuestro hijo? Acostumbrarlo a obtener todo; porque, al crecer de modo incesante sus deseos por la facilidad de satisfacerlos, antes o después la impotencia os obligará, a pesar vuestro, a llegar a la negativa, y esa negativa insólita lo atormentará más que la privación misma de lo que desea. Primero querrá el bastón que tenéis; pronto querrá vuestro reloj; luego querrá el pájaro que vuela; querrá la estrella que ve brillar, querrá todo lo que vea; a menos de ser Dios ¿cómo lo contentaréis?"

(A imaxe mostra o gravado que serviu de portada do segundo libro na edición orixinal do Emilio, a do ano 1762. Vemos o centauro Quirón adestrando o neno Aquiles. Non sorprende a elección do tema mitolóxico pois Rousseau dedicou parte importante deste capítulo á educación física e sensorial.)

30 dic 2011

O Panthéon de París


Agora que o tempo e as obrigas conceden unha pequena tregua, entretéñome ás veces revisando fotografías recentes e libros pendentes de lectura. Deparei nesta e lembro que me levou varios minutos atopar o axuste axeitado do tempo de exposición para lograr captar con nitidez a maxestuosidade do monumento no medio da paisaxe nocturna. Trátase, ben o sabe todo o mundo, do Panthéon de París, o lugar onde repousan os restos dos máis distinguidos franceses de todos os tempos.

A nómina é ben longa pero sempre saltamos os numerosos condes, duques e marqueses para chegar axiña aos nomes e apelidos que figuran nos libros de historia, nos manuais de literatura ou nos máis importantes tratados científicos e filosóficos diso que damos en chamar cultura occidental.

Repousan aquí os restos dos enormes pensadores Voltaire e Rousseau, de escritores como Hugo, Zola e desde hai nove anos Alexandre Dumas pai. Tamén teñen aquí o seu lugar figuras políticas como Carnot, Gambetta, Jaurès, Painlevé, Moulin e Malraux; científicos como Pierre e Marie Curie, Braille e Monge. O mesmo arquitecto do Panthéon, Jacques-Germain Soufflot, tamén está soterrado no seu interior.

Os últimos restos depositados foron no pasado mes de abril os do político e escritor da Martinica Aimé Césaire, un dos fundadores do movemento literario da negritude que mantivo ao longo da súa vida un tenaz rexeitamento do colonialismo e polo que chegou a ter algún desencontro con Nicolas Sarkozy nos últimos anos da súa vida.

26 dic 2011

As guerras non son gloriosas


Tiña un especial interese en visionar este film alemán do ano 1930 posto que foi esta unha das primeiras producións sonoras que se exhibiron no Teatro Principal de Ourense. Westfront 1918, titulada en España Cuatro de infantería seguindo de xeito literal o subtítulo Vier von der Infanterie, foi dirixida por Georg Wilhelm Pabst, un dos máis destacados directores da cinematografía xermana ao que lle debemos títulos como La caja de Pandora, La ópera de los tres centavos e Don Quijote.

O filme é marcadamente antibelicista pero non transmite ningunha mensaxe política máis alá do recoñecemento fraternal entre un soldado francés e outro alemán, os dous agonizantes, nos momentos finais do mesmo e un título final que semella unha advertencia. É máis ben unha mostra contundente da atrocidade e sinsentido da guerra e das devastadoras consecuencias da mesma na moral dun pobo e dun país. O inimigo está ausente e non hai aspiracións patrióticas na realización. Non hai heroes, non hai supervivintes.
Os nazis prohibiron máis tarde a súa exhibición pois consideraban que este tipo de películas fomentaban o "derrotismo covarde" entre os alemáns.
Chaman a atención as escenas filmadas nas trincheiras, que ocupan a maior parte da película. Pabst non renunciou a amosar o máis duro da guerra, o afundimento dos túneles, a man dun dos protagonistas sobresaíndo do fango pedindo socorro, os mutilados, os cegos, o desengano doutro dos soldados cando de permiso descobre o adulterio da súa muller esfameada, etc. É maxistral o uso do son, especialmente o dos bombardeos, disparos e berros dos oficiais, combinado con longos planos de silencio en hábil contraste.
Ollando estas terribles imaxes das trincheiras da Primeira Guerra Mundial non podo evitar lembrar aquel emotivo poema de Wilfred Owen, o poeta británico falecido na Batalla do Sambre xusto unha semana antes do Armisticio, na que denunciaba a falsidade do verso de Horacio que glorificaba morrer polo ben da patria. As guerras non teñen nada de glorioso.

If in some smothering dreams you too could pace
Behind the wagon that we flung him in,
And watch the white eyes writhing in his face,
His hanging face, like a devil's sick of sin;
If you could hear, at every jolt, the blood
Come gargling from the froth-corrupted lungs,
Obscene as cancer, bitter as the cud
Of vile, incurable sores on innocent tongues,–
My friend, you would not tell with such high zest
To children ardent for some desperate glory,
The old Lie: Dulce et decorum est
Pro patria mori.

(Si tú también pudieras, en tus sueños,
caminar tras el carro adonde lo arrojamos
y ver cómo sus ojos se marchitan,
ver su rostro caído, como un demonio hastiado;
si pudieras oír con cada sacudida
cómo sale la sangre de su pulmón enfermo,
obscena como el cáncer, amarga como el vómito
de incurables heridas en lenguas inocentes,
amigo, no dirías entusiasta
a los muchachos sedientos de una ansiosa gloria
esa vieja mentira: Dulce et decorum est
pro patria mori.)



17 dic 2011

A librería máis famosa do Sena




Morreu George Whitman só dous días despois de facer 98 anos de idade. George nacera en Nova Jersey e era contemporáneo doutros poetas da xeración Beat como os grandes Jack Kerouac e Allen Ginsberg, mesmo algo maior ca eles. Hai sesenta anos fundou unha librería na parisina Rue de la Bûcherie, na ribeira esquerda do Sena. Chamouna Le Mistral. En 1964 mudoulle o nome polo de Shakespeare & Company en homenaxe a Sylvia Beach, outra norteamericana que xa abrira alí a súa librería nos anos de entreguerras e que era asidua dos círculos literarios dos que formaban parte André Gide, Paul Valéry, Jules Romains, etc. Sylvia Beach chegou a ser a editora do Ulises de James Joyce e tamén escribiu un libro de memorias sobre a vida cultural da cidade titulado precisamente Shakespeare and Company.

George púxolle o nome de Sylvia á súa filla nacida en 1981, Sylvia Whitman, quen é a que leva a librería desde o ano 2003. George morreu nun apartamento situado xusto enriba da súa librería, da súa vida e do seu soño feito realidade.


Tiven a oportunidade de visitar a librería de George Whitman en outono do 2010. Esta librería é un museo, é un punto de encontro de escritores e artistas e lugar de reunión dos norteamericanos residentes en París. Vas camiñando polos seus estreitos corredores e atopas moreas de libros de todas as épocas, case todos en inglés. Nas paredes hai murais, cartas, cadros e fotografías de escritores, de visitantes famosos, posters e postais. Paga a pena a visita só para contemplar todos estes tesouros.


Na planta superior hai habitacións, hai unha cama. Podes coller un libro, sentarte e lelo dun tirón. Hai unha mesa cunha máquina de escribir para quen a queira empregar. Hai un piano e sempre hai alguén tocando as súas teclas. Respírase alí dentro un aire de amizade e amor polos libros e pola cultura.

A entrada é unha especie de patio no que hai maletas cheas de libros, pizarras con citas literarias e caixas con libros de ocasión.

Non marchei dalí sen mercar un par de libros: Reflections, de Walter Benjamin e The Art of Cinema, de Jean Cocteau.

15 dic 2011

Larpeiradas internacionais




Cando chegan estes días do Nadal comeza a invasión tradicional das larpeiradas: turrón, mazapán, polvoróns, follados de crema, mantecados, etc. Unha lista sen fin. Creo que cando era rapaz tiña máis ilusión por todo este arsenal de azucre.

Sen embargo, aínda fico ollando os escaparates das pastelarías lembrando aqueles lugares do meu Ourense da infancia que foron esmorecendo até morrer, como a Ramos, a Coruñesa ou a Ibense. En Portugal non renunciaron a estes praceres e con agradable frecuencia topamos alí cunha colección das cores máis vivas e as formas máis curiosas. Que pracer tan marabilloso é tomar um galão e umas natas en calquera café portugués!
Os italianos non quedan moi atrás nesta competición de larpeiros. A variedade de doces que hai ao longo do país dá como para facer unha enciclopedia. Meu irmán, grande coñecedor da súa cultura e gastronomía, viaxeiro polo norte e polo sur, é quen nos suministra á familia –nunca coa frecuencia suficiente que nos calme o apetito– a riqueza saborosa dos italianos. Este verán andamos todos á procura dos cannoli, uns doces recheos en forma de cana propios da illa de Sicilia.
Nesta fotografía, tomada nunha pastelaría de Bérgamo o pasado verán, ficamos un bo rato contemplando a polenta e Osei, o doce propio do lugar. A polenta consiste nunha masa rechea de manteiga, chocolate quente, ron e pasta de abelás todo cuberto con licor e outros ingredientes. Non houbo valor de meterlle o dente porque non eran horas.

14 dic 2011

Os pés quentes



Esta é unha desas noites de insomnio que de cando en vez se asoman nas nosas vidas. Serán as cousas que bulen na miña cabeza que non me deixan durmir. E déuseme por repasar as fotos do último verán, nas que xa o paso do tempo vai deixando un efecto de rareza, de lonxanía. Delas saiu esta postaliña azul. Pégoa no meu caderno de inconstancias para que fique aí luminosa.


En noites frías coma estas de decembro, supoño que lembrar o cálido Mediterráneo axuda a sentir os pés un pouco máis quentes e a cabeza máis relaxada.

No outro lado da postal di: Plakiás (Illa de Creta)

9 dic 2011

Os directores estamos algo mal da cabeza

Ultimamente non lle dedico moito tempo a este caderno. Desde que hai seis meses asumín a dirección do colexio onde traballo desde o ano 2008 ando un pouco disperso, metido en tarefas burocráticas e ás veces desbordado polo cargo.
A miña conclusión do curso de formación inicial ao que asistín recentemente xunto con outro cento de novos directores e directoras foi concluínte: hai que estar un pouco mal da cabeza para ser director. Nos tempos que corren, en que todos os males e fatalidades do universo teñen que ser solucionados rapidamente pola escola, asumir o imposible leva irremediablemente á frustración. Hai que ser prudentes. Esíxesenos moito e axúdasenos moi pouco.
O do director é un posto ingrato. As palabras que antes eran escoitadas con normalidade logo pasan a ser interpretadas como ordes ou censuras. As peticións parecen requerimentos; as propostas, críticas.
Pero non quería facer aquí unha lista de agravios, nin moito menos, pois non teño motivo para moita queixa. Que escriba ou non neste 'caderno inconstante' meu a pouca xente lle importa. Seino ben.
As miñas lecturas das últimas semanas –nas que a pesares de todo non falta un Zweig– teñen máis que ver con bibliografía relacionada coa xestión e a organización educativa. As editoriais Grao e Wolters Kluwers teñen un interesante catálogo relacionado co tema, aínda que, desde logo, non son as únicas. Non hai que ser tan inxenuo como para pensar que nestes libros está a solución a todos os problemas pero sempre hai que ter a suficiente humildade como para estar aberto ao que deles podes aprender. Hai unha cousa que sempre se nos repite aos directores e na que estou moi de acordo: non debemos pecharnos no escritorio, hai que falar, conversar, observar...





30 oct 2011

Zweig e Mistral beben mate en Petrópolis


Stefan Zweig consumiu os últimos días da súa vida na cidade brasileira de Petrópolis, a uns 70 km de Rio de Janeiro. Alí, entre as montañas da Serra dos Órgãos e acompañado por Lotte, a súa segunda muller, buscou refuxiarse da barbarie da guerra mundial. Dedicou longas horas a traballar nos seus ensaios sobre dúas figuras fundamentais das letras francesas: Michel de Montaigne e Honoré de Balzac. Para Zweig, o seu ensaio sobre Balzac ía ser sen dúbida a súa obra capital, por riba de todas as demais biografías e novelas.
En Petrópolis, a tranquilidade da vida rústica foi primeiro un bálsamo para a moi fráxil moral de Zweig, pero a ausencia de amigos e o descoñecemento do idioma foi convertindo ese primeiro paraíso nunha pesadez insoportable. Zweig non vía futuro, nin lle vía xa sentido ao seu traballo. El, que foi un grande defensor da cultura europea e que tiña en mente a súa conservación e divulgación para as xeracións novas, foi vencido finalmente polo desespero e a fatiga.
Entre os poucos amigos cos que o matrimonio Zweig se relacionou destacaba unha poeta chilena que lograría o Premio Nobel apenas catro anos despois. Tratábase de Gabriela Mistral, que tamén vivía en Petrópolis onde era cónsul do seu país. No libro que recolle as ponencias do simposio celebrado en 1981 na cidade de Nova York hai un capítulo dedicado a esta relación. A súa autora, Frances Hernandez, relata cómo Mistral gozaba en 1942 dun altísimo prestixio literario mundial pero ao mesmo tempo comezaba a padecer os síntomas da súa avanzada diabetes e da insuficiencia cardiaca que arrastraba. A isto iría sumarse en pouco tempo o suicidio do seu sobriño Yin-Yin que ela adoptara e educara desde pequeno.
Zweig coñeceu de Mistral pola publicación na prensa local de varios artigos nos que a chilena animaba a adoptar a nenos exiliados da guerra de España, un asunto polo que a poeta sempre tivo grande preocupación. Foi precisamente o escritor austriaco o que amosou interese por coñecela. Despois do primeiro encontro, arranxado polo alcalde de Petrópolis, o matrimonio Zweig e Gabriela Mistral pasaron moitas horas ben na casa deles ou ben na casa dela. Deixaban pasar as horas das longas veladas tropicais sentados no porche, falando e bebendo mate, quizais calmando así as fondas penurias da vida, das que un finalmente nunca pode liberarse.



Casa de Stefan Zweig, en Petrópolis, hoxe

6 oct 2011

Cos nenos de Baión


Os meus alumnos Aarón, Felipe, Carolina, Kevin, Vanesa, Adriana e Jesús están aprendendo a facer un blog. É algo moi interesante pero precísase saber primeiro cómo hai que facer. Con paciencia pódese facer un blog moi divertido.
Agardo que se animen e espero ver pronto os seus traballos publicados.

29 sept 2011

Cinco séculos de Servet


Non se me ocorre mellor maneira de facer a miña particular lembranza de Miguel Servet, sabio nacido nunha pequena aldea de Huesca hai hoxe xusto cinco séculos, que recuperar da miña humilde biblioteca unha das obras máis prezadas do meu admirado Stefan Zweig. É a que leva por título Castellio contra Calvino, conciencia contra violencia (Acantilado, 2003). Esta marabilla contén para min as palabras máis valiosas escritas xamais por Zweig en defensa da liberdade de conciencia e contra todas as tiranías e dictaduras.

As primeiras descricións que Zweig fai de Servet non son, sen embargo, precisamente eloxiosas do carácter do aragonés:

En este hombre singular los talentos se mezclan de modo muy diverso, aunque sin un orden afortunado: un intelecto enérgico, despierto, curioso y tenaz, pero que con luz muy tenue divaga de un problema a otro; un genuino deseo de encontrar la verdad, aunque incapacitado para la transparencia creativa. Francotirador a un tiempo en la filosofía, la medicina y la teología, este espíritu fáustico no encaja plenamente en ninguna ciencia, aunque en todas se inmiscuye. Deslumbrante de cuando en cuando en alguna de sus audaces observaciones, con sus irreflexivas charlatanerías acaba por resultar enojoso. En cualquier caso, en el libro de sus proféticas predicciones brilla por una vez con una observación que verdaderamente abre nuevos caminos: el descubrimiento de la llamada circulación pulmonar de la sangre.

Zweig, que compara a Servet con Don Quijote tanto polo seu aspecto físico como polo seu cego idealismo, vai trazando a súa biografía chea de contratempos, soños, inquedanzas, até a súa chegada á Xenebra de Calvino onde defendeu a eliminación do dogma da Trinidade. A súa vida correrá desde entón moitísimo perigo ao ser acusado de herexe polos reformistas. Perseguido por un fanático como Calvino acabou sendo queimado na fogueira por instigación deste o 27 de outubro de 1553.

Unha carta que Calvino lle dirixe ao seu amigo Farel explica ben ás claras as súas criminais intencións:

"Servet me ha escrito recientemente y ha adjuntado a su carta un grueso volumen con sus delirios, asegurando con increíble petulancia que en él habría de leer cosas sorprendentes. Declara estar dispuesto a venir aquí, en caso de que yo lo desee... Pero no quiero pronunciarme sobre ello; pues si viniera, en tanto tenga aún algo de influencia en esta ciudad, no podría permitir que la abandonara con vida."

Hoxe é o día de Servet pero achéguense vostedes a Sebastián Castellio da man de Zweig e rescatarán do descoñecemento unha figura que non os deixará indiferentes.

(Na imaxe, a portada dunha edición arxentina do libro de Stefan Zweig datada en 1952)