22 feb 2010

A Casa Loos


Hoxe pasa desapercibido pero no seu tempo causou grandísima sensación entre os vieneses. Refírome ao edificio da sastrería Goldman & Salatsch (1909-1911), obra do arquitecto austríaco Adolf Loos (1870-1933). Este edificio (o do centro da fotografía) é hoxe a sede do Raiffeisenbank e ocupa un dos laterais da centriquísima Michaelerplatz.

Loos foi un precursor do racionalismo arquitectónico. Seguidor do norteamericano Louis Sullivan, defendeu con ensaios e conferencias a súa idea dun funcionalismo radical que rexeitaba calquera tipo de ornamentación. Escribiu un influínte artigo en 1908 titulado "Ornamento e delito". O adorno era para Loos un elemento inmoral que en moi pouco tempo xa quedaba obsoleto. Relacionábao ademais coas tatuaxes dos pobos salvaxes de Papúa e aportaba unha lista de argumentacións contra o seu uso. Na súa concepción da arquitectura as superficies debían ser lisas e simples. A ausencia de ornamentación era para Loos signo de fortaleza espiritual.

O edificio, coñecido como Casa Loos, rompe co seu entorno de maneira moi evidente. Destaca entre as fachadas de corte historicista que a rodean. As ventás non teñen elementos decorativos. Supón, en suma, un impacto visual que, segundo se conta, facía que o vello emperador Francisco Xosé I, xa nos últimos anos da súa vida, mandara sempre correr as cortinas do inmediato palacio imperial para non ollar semellante insulto ao bo gusto.

En Viena pódese seguir o rastro das obras de Loos en vivendas, bares e cafés. O Museo de Viena, fabulosa mostra da historia da cidade, contén unha reprodución exacta do apartamento de Loos. Unha innovadora distribución dos espazos con diferentes alturas en función da utilidade de cada peza (o que chamou Raumplan) é o sinal que identifica o seu estilo e o seu principal legado aos arquitectos da posguerra.

Adolf Loos pertenceu aos círculos artísticos vieneses de principios do século XX. Tivo amizade con Ludwig Wittgenstein, Arnold Schoenberg, Karl Kraus e Peter Altenberg. Fundou revistas como Das Andere (O Outro) e unha escola de arquitectura. Foi arquitecto do concello de Viena, posto que cedo abandonou por diverxencias cos planeamentos urbanos.

No hay comentarios: