24 feb 2010

Todo o mundo sabe


Vivimos desde hai tempo nunha sorte de ficción compartida por políticos e grande parte da sociedade segundo a cal de ensino todo o mundo sabe e todas as opinións sobre educación son igualmente válidas.

Froito desta filosofía inconsistente, que iguala o científico co concursante de gran hermano, algúns asistimos atónitos aos discursos populistas do goberno que pretende deixar nas mans dos pais decisións fundamentais acerca do currículo, dos medios para adquirir competencias e das vías para lograr os obxectivos establecidos en documentos que a inmensa maioría deles descoñece, entre outras cousas porque non teñen obriga ningunha de coñecelos. Iso corresponde a outros.

Honestamente, é tarefa dos pais decidir hoxe a lingua en que se imparte unha materia? E mañá que tocará decidir? Que parte de responsabilidade se lles pode esixir logo aos pais se non se alcanzan os obxectivos marcados? Ou serán aínda coma sempre os mestres, destituídos das súas funcións, os sinalados como culpables? Podemos levar este criterio absurdo a outros eidos da sociedade coma a sanidade, a xustiza ou mesmo as remuneracións dos nosos políticos? Que é o que se pode e non se pode decidir?

A organización dunha sociedade moderna aséntase sobre alicerces que deben ser firmes. Cada peza exerce a función na que é competente e asume unha responsabilidade de cara os demais. A educación é un servizo público garantido pola Constitución. Os mestres reciben unha formación inicial que actualizan e perfeccionan a diario nas aulas e nos claustros, nas bibliotecas e nas salas de usos múltiples. A experiencia lograda non pode ser infravalorada. O máis importante das escolas son as persoas que alí pasan grande parte da súa vida: os nenos e os mestres. Non se pode seguir humillando a quen se encarga da educación formal das futuras xeracións.

Estes discursos populistas poderán achegar moitos votos aos seus impulsores pero convirten os currículos educativos en papel mollado. Auguro que pasada esta euforia demagóxica serán co tempo os propios pais os que requiran que as cousas volten ao seu rego e que sexan os expertos, aos que se supón formados e preparados para a función que desempeñan e que sostemos todos cos nosos impostos, os que asuman a responsabilidade encomendada e tomen as decisións axeitadas para acadar os obxectivos que o sistema se propón, entre eles o da competencia nas dúas linguas oficiais (Decreto curricular 130/2007, art. 3.e.).

No hay comentarios: